A profesora do Departamento de Debuxo Carmen Hermo converteuse este luns na nova decana de Belas Artes, despois de que a súa candidatura, a única presentada no proceso electoral aberto no centro, recibise o apoio da Xunta de Facultade, con 26 votos a favor, un en contra e cinco abstencións. Hermo Lage situarase os próximos seis anos á fronte dun “equipo novo e, sobre todo, ilusionante”, que completan as e os docentes Carmen Lage, como videcana académica; Basilisa Fiestras, como vicedecana de Cultura e Estudantado; José Andres Santiago, como vicedecano de Internacional; e Marcos Covelo, como secretario académico.
Despois dunha Xunta de Facultade que combinou o seguimento presencial e virtual, Hermo sinalaba afrontar “con ilusión” a súa nova etapa á fronte da facultade, ao tempo que puña en valor o apoio recibido pola súa candidatura, xa que “o que necesitamos agora é traballo”, tanto no propio equipo decanal como á hora de integrar as diferentes comisións. A votación na que participaron 32 dos 38 membros da Xunta de Facultade converteu a artista e docente, profesora da facultade desde o curso 2017-2018, na segunda decana na historia de Belas Artes, tomando o relevo de Xosé Manuel Buxán, que se atopaba á fronte do Decanato desde 2019.
O retrato dunha rapaza que porta un pano e un mantón de Manila, realizado a finais do século XIX polo pintor cántabro Casimiro Sainz, constitúe o punto de partida da exposición que reúne unha trintena de obras da artista e profesora da Facultade de Belas Artes Chelo Matesanz, no Museo de Arte Moderno y Contemporáneo de Santander y Cantabria. Baixo o nome de Una chula, título da obra de Sainz, a docente do Departamento de Pintura propón un diálogo entre tradición e contemporaneidade nesta exposición individual, que se verá complementada cunha publicación que profundará tanto neste proxecto expositivo como na traxectoria e proceso creativo da artista e investigadora do grupo Prace.
Na mostra que ata o 11 de outubro pode visitarse no museo cántabro, Matesanz presenta preto dunha trintena de obras de recente creación, coa excepción de Fermosura del Norte, unha peza de 2006 que actúa como referencia dentro do conxunto expositivo. “Hai obras de creación recente, feitas precisamente para este proxecto, e outras elixidas en función da narración e o tema suxerido pola obra de Casimiro Sainz”, salienta Matesanz.
Amplamente utilizados nos ámbitos da arte e da artesanía, pero tamén en determinados procesos industriais, a realización de moldes de escaiola cos que xerar diferentes copias dunha peza escultórica constitúe o eixe central dun curso de verán que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Belas Artes. Inserido na programación de actividades de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus, 20 persoas participan nunha actividade que busca achegarlles, dun xeito práctico, os procesos básicos de creación de moldes e ás súas posibilidades para a elaboración de pezas artísticas.
“Ao longo da historia, os moldes constituíron unha parte fundamental dos procesos escultóricos e de creación de formas, mantendo a súa relevancia na actualidade xunto cos novos materiais”, salienta Covadonga Barreiro, directora dun curso que conta coa participación como docentes do profesor da Facultade de Deseño Eduardo Outeiro, da titulada en Belas Artes e técnica en escultura Teresa Pece e da tamén egresada desta facultade Iris Rodríguez.
A profesora do Departamento de Debuxo Carmen Hermo encabeza a única candidatura ao Decanato da Facultade de Belas Artes, tras completarse o segundo mandato do profesor Xosé Manuel Buxán á fronte do centro. Actual secretaria académica da facultade, Hermo Lage encabeza unha candidatura que completan as e os docentes Carmen Lage, Basilisa Fiestras, José Andrés Santiago e Marcos Covelo e que se someterá á votación da Xunta de Facultade o luns 27 de xullo.
Licenciada en Belas Artes pola Universidad de Salamanca e doutora pola Universidade de Vigo, Hermo salienta o “nivel de traballo e compromiso” das e dos integrantes da candidatura proclamada provisionalmente nesta xornada. Profesora da facultade desde o curso 2017-2018, recoñece, de feito, que un dos aspectos que a levaron a dar o paso de presentar a candidatura foi contar con “xente nova á que lle apeteza involucrarse” no goberno da facultade. Nomeadamente, completan o equipo proposto as e os profesores Carmen Lage, como vicedecana académica; Basilisa Fiestras, como videcana de alumnado; José Andrés Santiago, como vicedecano responsable da área de internacional, e Marcos Covelo, como secretario académico. Trátase, subliña, dun equipo de “xente nova, implicada, que traballa moi ben, cunha metodoloxía moi efectiva”, o que á súa vez lévaa á pór de relevo que “necesitamos unha aproximación urxente” ás novas xeracións do alumnado, “moi separadas da nosa propia xeración”.
Baixo o título de To dwell, to heal, a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Tatiana Lameiro articula unha reflexión sobre “a maneira tan conflitiva na que habitamos este planeta” nunha exposición na Sala da Capela do Hospital de Cangas. Nela, a investigadora do grupo dx5 (digital & grahpic art research) presenta un conxunto de obras creadas a partir de materiais de refugallo, coas que propón un achegamento ás “poéticas do residuo”, sinala. Faino nunha mostra que comparte espazo cunha exposición do artista plástico José Antonio González Azpeitia, da que Lameiro é comisaria e que permite facer confluír nun mesmo espazo “dúas miradas que transforman a nosa relación coa contorna”.
Promovidas coa colaboración do Concello e presentadas en espazos separados da sala, estas dúas mostras poden visitarse desde a mañá deste venres e ata este domingo 21, en horario de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, na Sala da Capela do Hospital, reunindo “dous universos conceptuais que se complementan e dialogan nun espazo arquitectónico único”.
Coas ideas de luz, espazo e instante como fontes de inspiración, oito estudantes das facultades de Belas Artes e Deseño da UVigo desenvolven ao longo desta semana no Pazo de Mariñán, na localidade coruñesa de Bergondo, os proxectos artísticos polos que foron seleccionados para a sétima edición da Residencia de Artistas Emerxentes Encontros en Mariñán. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), coa colaboración das diferentes institucións participantes, esta iniciativa reúne preto de 40 estudantes de universidades, conservatorios e escolas de arte e deseño de diferentes puntos de Galicia, co obxectivo de establecer sinerxías que dean lugar a proxectos creativos de índole interdisciplinaria.
Promovida coa colaboración da Deputación da Coruña, a sétima edición desta residencia leva ao alumnado a convivir e crear conxuntamente “con estudantes doutras disciplinas e doutros ámbitos, nun espazo moi colaborativo”, sinala o profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación da UVigo nestes encontros xunto co docente da Facultade de Deseño Román Corbato. Dirixida, como apuntan desde a organización, a “establecer sinerxías entre os distintos centros de formación artística de Galicia”, esta residencia conta coa participación do alumnado destes dous centros da UVigo, da Facultade de Arquitectura da Universidade da Coruña, do Conservatorio Superior de Música da Coruña, das escolas de arte e superiores de deseño Antonio Faílde, Mestre Mateo, Pablo Picasso e Ramón Falcón, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, do CIFP Imaxe e Son e do Espazo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela.
Formado por 16 mozos e mozas, Apoplexía preséntase como un “colectivo anónimo”, no que as e os seus integrantes empregan unha serie de máscaras para asinar as súas obras. Estas poden verse ao longo desta semana na exposición que protagonizan na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes, Tres Tristes Tigres. Esta mostra reúne un conxunto de “pezas ensambladas a través de triángulos de madeira que funcionan como soporte e elemento unificador”, como sinalan desde o colectivo estudantil Luscofusco, responsable da coordinación deste espazo expositivo.
Inaugurada na tarde deste luns, a exposición poderá visitarse ata este venres 12 e permite dar a coñecer o traballo dun colectivo que presenta o seu nome como a “suspensión dalgunhas funcións formais académicas a causa dun ansia de creación, causando un desentendemento xeral, tanto das condicións de un como das normas vixentes”.
Unha curta na que a estudante Yamila Lago pon en cuestión “a transmisión xeracional dos roles domésticos impostos historicamente”, segundo recolle o seu texto de presentación, representa á Facultade de Belas Artes na mostra Presente imperfeZto, promovida pola Red Universitaria de Arte Audiovisual. Sete pezas de videoarte realizadas por estudantes de seis universidades españolas e da italiana Accademia di Belle Arti di Lecce foron seleccionadas para a sesión de proxeccións que ten lugar na tarde deste xoves na Cineteca Madrid.
Baixo o título de The Affected Ilussion of a New Generation, o proxecto de Lago naceu como un traballo para a materia Produción Artística: Audiovisuais, do Grao en Belas Artes, sendo o resultado dun “exercicio de experimentación co medio que nos rodea e tamén como unha invitación a saír da zona de confort”, explica esta alumna. Deste traballo académico, xurdiu unha peza de videoarte que “aborda a advertencia e o desexo dun cambio na transmisión xeracional dos roles domésticos impostos historicamente”, engade a profesora Sol Alonso, quen titorizou estes traballos xunto con Berio Molina e Ignacio Barcia.
Nacida como traballo para unha materia do Grao en Belas Artes, a curtametraxe Ausencia, da estudante Gema Rodríguez, foi dobremente premiada no XXIII Festival de Cans. Xurdida, explica, da “necesidade de trasladar o dó ante a morte dun familiar”, a súa creación proclamábase gañadora da sección Novas Camadas, que este festival dedica aos creadores e creadoras menores de 25 anos, á vez que acadaba tamén o Premio do Xurado da Mocidade, outorgado por un grupo de mozos e mozas desta aldea do Porriño.
A través de “fragmentos dunha cinta de vídeo de arquivo familiar e de imaxes desenfocadas”, Rodríguez buscou na súa curta tanto “plasmar ausencia” como a “ferida” que supuxo esta perda. De aí que vexa este galardón como “o final a un proceso persoal de catarse”, ademais de como un valioso recoñecemento á hora de “empezar a formar parte deste mundo do cine no que me gustaría seguir”. Resultado dun traballo “no que tiñamos que facer un vídeo autobiográfico”, explica, Ausencia exhibiuse publicamente por primeira vez na anterior edición do (S8), a Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, no marco da sección Paraíso, que cada ano presenta unha escolma de pezas realizadas polo alumnado da facultade, baixo a coordinación da profesora Xisela Franco.