O oficio de lavar: unha cartografía sensible é o título do traballo de fin de grao (TFG) da egresada da Facultade de Belas Artes Xoana Abraira, recoñecido este mércores nos Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos de fin de grao e mestrado en materia de igualdade e dereitos das mulleres. Promovidos por esta institución coa colaboración das tres universidades públicas galegas, o TFG de Abraira de Bernardo foi un dos catro traballos premiados na quinta edición destes galardóns.
Neste proxecto, Abraira fai uso das artes plásticas para configurar, explica, “un achegamento ao oficio de lavandeira e ao labor de lavar a roupa” que ten como punto central a posta en valor do traballo feminino, “comunmente relegado ao espazo doméstico e dos coidados”. O TFG que esta titulada defendía o pasado curso na facultade pontevedresa xa fora previamente recoñecido nos Premios Egeria da Universidade de Vigo e, nas últimas semanas, a fotografía dunha das súas obras convertíase na imaxe gráfica da campaña institucional do 8M desta institución académica. De aí que Abraira se amosase nesta xornada “moi satisfeita” por este novo recoñecemento ao seu TFG, así como polo feito de que, en ambos casos, o seu proxecto fose premiado en convocatorias “relacionadas con cuestións de xénero”, o que lévaa a incidir no valioso deste tipo de iniciativas, que supoñen un incentivo para a abordaxe “de cuestións relevantes, desde o mundo académico”.