Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Verse outra vez ao revés tamén funciona é o título da exposición que desde este martes presenta na sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes un conxunto de autorretratos xurdidos dun obradoiro que levou ás e aos participantes a reflexionar sobre as ideas de creatividade e identidade a través do lúdico, o sensorial e o experimental. Coordinado pola artista e docente Iria Vázquez, este taller teórico-práctico propuña afondar no autoconcepto a través da creación artística e “chegar ao autobiográfico a través da interacción cos demais”, dando como resultado un conxunto de obras “moi diversas”, como recoñece a tamén comisaria desta exposición, que poderá visitarse ata o 4 de abril.

A ilustración, a fotografía, o vídeo ou o traballo con materiais atopados ou con obxectos que forman parte da memoria persoal das artistas fanse presentes na mostra que se inaugura na tarde deste martes. Nela reúnense unha vintena de obras de Patricia Álvarez, Uxía Bustbem, Celeste Garrido, Mónica Lago, Pablo Martínez, Candela Omil, Paula Romay, Miriam Rodríguez e Jimena Rodríguez. As súas creacións preséntase á súa vez acompañadas por unha serie de materiais que permiten achegarse “aos procesos de traballo e dinámicas de creación destes autorretratos” dun obradoiro inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus e impartido por Vázquez xunto coa docente e cineasta Xisela Franco. Con esa mesma idea, unha serie de códigos QR permiten acceder a arquivos sonoros que reúnen as reflexións de varias das participantes respecto de cuestións como o que significa a creación ou cales son as súas características e límites.

Ler a nova completa no DUVI