O concepto da gráfica de campo expandido, que fai referencia a como a arte gráfica avanzou da bidimensionalidade para expandirse polo espazo é unha das liñas centrais de traballo do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes. Nela insírense proxectos como O múltiple que ocupa o espazo, que en 2024 abrangueu a organización de tres exposicións simultáneas, un ciclo de conferencias e unha serie de intervencións no espazo público de Pontevedra. Co propósito de afondar e proxectar esta liña de traballo, o grupo optou por “expandila a través de diferentes exposicións en múltiples espazos de España”, como salienta a súa investigadora principal, Ana Soler. Nesa idea insírese Fringe, a mostra que o grupo dx5 promove no Espacio Argen, en Madrid, e na que as obras de cinco das e dos seus integrantes establecen un diálogo coas dos tres artistas convidados.
“Queríamos que O múltiple que ocupa o espazo se expandira e se ampliara”, engade Soler, respecto dunha mostra que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través das axudas aos grupos de referencia competitiva, e que se complementa cun programa de actividades. Inaugurada na tarde deste xoves, Fringe é unha exposición comisariada polos expertos en arte gráfica Isabel Elorrieta e Antonio Cervera, que reúne as creacións das artistas e investigadoras Ana Soler, Anne Heyvaert, Aldara Vázquez e Almudena Fernández Fariña, recentemente recoñecida co Premio da Cultura Galega, xunto coas obras de Carlos Fer e dos convidados Almudena Lobera, Juan Lara e Pedro Luis Cembranos.
Co obxectivo de achegar ao alumnado da facultade os proxectos e traxectorias de diferentes egresados e egresadas, Belas Artes impulsou no ano 2021 a serie de publicacións En tránsito, que na súa nova entrega presenta as entrevistas a sete artistas formados no centro, coa revisión da idea de territorio como fío condutor. Vicente Blanco, Lara e Noa Castro, Andrea Davila, Manuel Mata, Ventura A. Pérez e Carla Souto abordan neste volume os seus intereses e procesos de investigación e creación, así como o que supuxo para elas e eles o seu paso por Belas Artes, nas entrevistas realizadas pola xestora cultura e tamén egresada da facultade Sara Donoso.
Editada polo selo de autoedicións Error es Bien, Lo que somos é o título desta nova entrega dunha serie que conta en cada número coa colaboración dun ou dunha docente para a selección das e dos protagonistas do volume e do seu fío condutor. Desta volta, foi a artista e profesora Chelo Matesanz quen participou na escolla de “creadores e creadoras que propoñen cos seus traballos unha revisión da idea do territorio, desde a ruptura dos patróns establecidos para elaborar un discurso independente, moitas veces irónico e valente”, sinala Donoso. “As diferentes entrevistas amosan como a contorna, a memoria, as paisaxes, o rural ou o propio contexto galego aparecen nas prácticas das e dos artistas desde aproximacións moi diversas”, engade a coordinadora dunha publicación editada en galego e castelán e na que o deseño e maquetación correu a cargo de Sara González, responsable tamén da súa impresión en risografía xunto con Marcos Covelo.
Unha investigación plástica que converte o po de granito en material dun proxecto artístico e un estudo sobre os elementos narrativos e estéticos comúns do cinema luso-galaico foron recoñecidos cos VI Premios Crea, dirixidos a distinguir accións destacadas no ámbito da creatividade da comunidade universitaria. Promovidos polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, a investigadora predoutoral Sara Piñeiro e a estudante Cristina Martínez foron recoñecidas nas dúas categorías destes galardóns, que teñen como propósito premiar investigacións, publicacións, obras e proxectos vinculados coa creatividade e adscritos ás liñas de investigación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra.
Na modalidade destinada ao persoal docente e investigador, a investigadora da Facultade de Belas Artes Sara Piñeiro acadou un premio de 1500 euros polo seu proxecto Esas estupendas materias duras, na que o po de granito dá lugar a unha serie de pezas para unha instalación artística. “A verdade é que un premio sempre é unha alegría e máis no contexto da Universidade”, recoñece Piñeiro Fernández, que lembra que “moita parte do proceso” que abrangue o desenvolvemento dun proxecto artístico “é invisible”, polo que recoñecementos como este supoñen “dalgunha forma unha especie de empurre e de ánimo”.
Artistas, profesionais e especialistas de sete universidades españolas participan ata este mércores na sede da Vicerreitoría do campus no XI Foro Internacional de Creación da Fronteira Diving the gutter: Cómic de campo expandido, intermedialidade e transmedialidade. Promovido polo grupo dx5 da Facultade de Belas Artes, este encontro científico ten como obxectivo explorar como o cómic contemporáneo supera as concepcións de soporte e formato tradicionalmente asociadas á banda deseñada, abordando as súas interaccións con disciplinas como o cinema, os videoxogos, a arquitectura ou a pintura e como estas dan lugar a “produtos transmedia”, que manteñen, non obstante, os sinais de identidade da banda deseñada.
Dirixido polo profesor Miguel Cuba e financiado pola Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, este simposio botou a andar na tarde do luns con catro conferencias que afondaron na “deconstrución do xénero de superheroes”, no cómic como obxecto museístico, no binomio manga-anime e nas conexións coa arquitectura. Fixérono da man do crítico e programador Felipe Rodríguez, do investigador da Universitat de Valencia Álvaro Pons, do integrante do grupo dx5 e codirector deste foro, José Andrés Santiago, e do investigador da Universidad de Alcalá Enrique del Rey.
- Especialistas de diferentes ámbitos reflexionarán no campus sobre a expansión do cómic máis aló do papel
- Belas Artes acollerá unha xornada formativa sobre a diversidade sexual e de xénero no ensino
- A Sala O Abrigo reúne un conxunto de obras xurdidas como “ecos” doutras obras
- Seres fantásticos poboan a Sala Manuel Moldes na primeira exposición do curso