Da man do grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, da Facultade de Belas Artes, nacía no ano 2016 o congreso internacional de arte de acción Fugas e Interferencias, co obxectivo de promover a investigación académica sobre a performance, unha arte que non deixa unha obra de carácter permanente e que fora pouco abordada en España desde o punto de vista teórico. Impulsado coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o congreso converteuse ao longo desta década “nun espazo de pensamento crítico e de encontro entre artistas, investigadoras e institucións que traballan arredor das prácticas performativas contemporáneas”, como sinala a investigadora e comisaria Marta Pol, codirectora deste foro académico xunto ao profesor de Belas Artes Carlos Tejo.
Seguindo esta liña de traballo, a International Performance Art Conference desenvolverá a súa décima edición entre o 6 e o 8 de novembro na sede da Vicerreitoría e no CGAC, coa participación de investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Portugal, Reino Unido e México e combinando no seu programa as conferencias e a presentación de estudos coa práctica da performance.
Belas Artes centra este venres a actividade do 22 Encontro Galego de Ilustración, que desde o pasado luns se desenvolve en diferentes puntos de Pontevedra e que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) presenta como un “espazo de aprendizaxe, inspiración e celebración” que reúne anualmente a profesionais, estudantes e afeccionados á ilustración. No marco desta programación, a sala O Abrigo acolle deste este venres a exposición coa que AGPI rememora as súas dúas décadas de traxectoria, reunindo ás creacións de 63 autores e autoras membros desta asociación.
A mostra XX anos de AGPI poderá visitarse ata o 24 de outubro e reúne un conxunto de obras de ilustradores e ilustradoras de diferentes xeracións, desde Siro ou Manel Cráneo, ata novos ilustradores e ilustradoras, varios deles egresados da facultade pontevedresa. Desenvolvida para a anterior edición deste encontro, celebrada en Lugo, desde a asociación presentan esta exposición como “un exemplo e celebración grupal da calidade e heteroxeneidade, non só da asociación senón tamén de ilustración en Galicia, xerando así un diálogo entre as diferentes xeracións de profesionais do sector”, segundo sinala a presidenta de AGPI, Laura Romero, no seu texto de presentación. Nel sinala tamén que, con frecuencia, asóciase á profesión de ilustrador ou ilustradora a un “medio de vida cheo de cor, creatividade e diversións”, recoñecendo que “a ilustración vai a miúdo da man destes conceptos tan positivos”, mais tamén que trae consigo outros “como precariedade e illamento”. Romero participa esta tarde, xunto ao vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, na inauguración desta exposición, completada cunha actuación de Zeltia Irevire.
A investigación e a produción artística combínanse nos dous proxectos galardoados na quinta edición dos Premios Crea, dirixidos a recoñecer estudos, publicacións e obras creativas adscritas ás liñas de investigación do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovidos polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, trátase duns premios con dúas categorías. Na dirixida ás iniciativas do persoal docente e investigador, o xurado decidiu premiar Retrato de familia, un proxecto no que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas reflexiona sobre súa historia familiar para denunciar a violencia exercida pola ditadura franquista. Por outra banda, o galardón da modalidade destinada ás propostas do alumnado foi para Letting the Painting Fall / Deixar a Pintura Caer, un proxecto expositivo no que o estudante de doutoramento de Belas Artes Carlos Fer reflexiona sobre os modos de presentación dunha pintura, convertendo a gravidade nunha técnica pictórica.
Estes premios contan cunha dotación económica de 1500 e 750 euros, respectivamente, e serán entregados o 14 de novembro na Escola de Enxeñaría Forestal, no marco da Xornadas de Investigación do Campus Crea.
Artistas e investigadores de diferentes universidades españolas participan na sede da Vicerreitoría do campus no III Art at the Edge of Nature – IX Foro Internacional de Creación na Fronteira, que ten como obxectivo reunir diferentes achegamentos á idea bioarte e aos procesos e prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía. Promovida polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, a Escola de Enxeñaría Forestal e o Campus Crea, trátase dunha reunión científica que ten como obxectivo “mapear un pouco o que se está facendo e intentar ver as múltiples visións da bioarte”, como sinala a investigadora Antía Iglesias, coordinadora deste seminario. Dirixido a explorar proxectos e procesos de traballo “que xorden na fronteira entre a arte e o que chamamos natureza”, este encontro dará lugar á súa vez a unha publicación, dirixida a facer balance das tres edicións deste seminario.
Inserido no ciclo de foros internacionais do grupo dx5, este seminario ten de feito como punto de partida as dúas edicións de Art at the Edge of Nature que Iglesias promoveu ao longo deste 2025 en Nova York, ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright. Nese senso, o obxectivo desta terceira edición, continuar con esa idea inicial de "mapear" este tipo de prácticas, tratando neste caso de “contextualizar cal é a situación aquí e xerar un diálogo sobre o futuro destas prácticas en España”. Estas, sinala Iglesias, comprenderían desde proxectos que conectan arte e natureza ou enfocados na “sostibilidade nos materiais”, ata “prácticas de cocreación” ou propostas que parten “doutras perspectivas, de ver a natureza doutra maneira”. De feito, un dos obxectivos destes encontros é precisamente “ver a propia definición das e dos participantes” da propia idea de bioarte, xa que “é un termo co que moitos artistas non se identifican”.
A terra, como materia e como lugar, constitúe o eixe temático da sexta edición da residencia de artistas emerxentes Encontros de Mariñán, que ao longo desta semana leva un grupo de estudantes das facultades de Belas Artes e Deseño a desenvolver proxectos artísticos en colaboración con alumnado de sete centros formativos de diferentes puntos de Galicia. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), xunto cos nove centros implicados, e coa colaboración da Deputación da Coruña, esta residencia reúne 40 estudantes no Pazo de Mariñán, na localidade coruñesa de Bergondo, onde traballan no desenvolvemento dunha serie proxectos artísticos que na tarde deste xoves presentarán ao público, nunha xornada de portas abertas.
Dirixida a crear sinerxías entre os distintos centros de formación artística superior de Galicia, este encontro reúne, xunto ao alumnado da UVigo, a estudantes das EASD Antonio Faílde, Ramón Falcón, Pablo Picasso e Mestre Mateo, do Conservatorio Superior de Música da Coruña, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e do CIFP Imaxe e Son da Coruña. “É unha experiencia moi positiva, de moita intensidade”, recoñece o profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación do estudantado do campus neste encontro xunto co docente da Facultade de Deseño Román Corbato. Nese senso, pese a que as e os estudantes participantes foron seleccionados por un proxecto previo, estes vanse transformando ao da semana, como froito desa interacción “con alumnado de ámbitos artísticos máis ou menos próximos”. De feito, o encontro arrancaba este luns cunha xuntanza, “na que falan dos seus proxectos e empezan a establecer sinerxías”, sinala Barcia, que incide no “activador” que resulta para o estudantado poder “alimentarse no propio proceso creativo” das achegas de creadoras e creadores doutros eidos ás súas propostas.
Como “unha reivindicación da memoria colectiva de Palestina, que non quere ser borrada” presenta o investigador da Facultade de Belas Artes José Andrés Santiago Cómic Palestino: Voces propias, grito colectivo, unha exposición que reúne as reproducións de preto de 180 páxinas de cómics realizados por dez autores e autoras palestinos. Promovida pola Fundación Al Fanar, en colaboración coa Fundación Finestres, este proxecto expositivo chega a Pontevedra da man do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), co apoio da Universidade de Vigo, a través da súa liña de axudas para a montaxe de exposicións, e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que acolle esta mostra ata o 24 de xullo.
Cómic Palestino: Voces propias, grito colectivo naceu como unha exposición itinerante, conformada por dez paneis nos que se presentaban os traballos de Leila Abdelrazaq, Iasmin Omar Ata, Sara Shehadeh, Hassan Manasrah, Hamza AbuAyyash, Khaled Jarrada, Shahd Alshamali, Dania Omari, Samir Harb e Mohammed Sabaaneh. Co apoio da Cátedra de Estudos do Cómic SM-UV, IEMed, Casa Mediterráneo e Casa Árabe, esta mostra puido verse por primeira vez no Salón do Cómic de Valencia e posteriormente en Madrid e Alacante. Co artista palestino Mohammed Sabaaneh e o tradutor Pedro Rojo, presidente da Fundación Al Fanar, como comisarios, tratábase dun proxecto que buscaba ser máis que “unha mostra artística”, formulándose como “unha afirmación da existencia, un desafío á hexemonía e un testemuño do poder duradeiro na narrativa palestina”, como recolle o seu texto de presentación. Nel, os comisarios poñen o foco en como “a imaxe e o concepto de Palestina parecen ter sido ciceladas nos imaxinarios do mundo a base de bombas, sangue e destrución”, de tal xeito que o propósito desta mostra era articular, a través das obras destes artistas, “un rexeitamento ao esquecemento” e unha declaración “de que as historias palestinas seguirán contándose, debuxándose e compartíndose como un grito colectivo ata que se faga xustiza”.
Formadas na Facultade de Belas Artes, Deebo Barreiro, Lois Búa, Mónica Cabo, Teresa Búa e as integrantes do Colectivo Lag, Lara Buyo e Ana Corujo, son as protagonistas da nova publicación da serie En tránsito, coa que este centro busca achegar o actual alumnado aos proxectos, procesos de traballo e traxectorias de diferentes egresadas e egresados. Baixo o título de Identidades diverxentes, esta publicación reúne as entrevistas en profundidade realizadas a un grupo de artistas que, “desde liñas plásticas e conceptuais diversas, propoñen cos seus traballos unha revisión das cuestións de xénero e identidade”, como sinala a tamén egresada e xestora cultural Sara Donoso, responsable de realizar as entrevistas recollidas nos diferentes volumes desta serie.
Desenvolvido co selo de autoedicións da facultade Error es Bien, En tránsito é unha serie impulsada en 2021 que presenta en cada número unha escolma de entrevistas a artistas conectados por un fío condutor, como é desta volta “a investigación sobre o xénero, o feminismo ou a ruptura cos patróns establecidos”, sinala Donoso. En cada entrega, a escolla das persoas entrevistadas realízase coa participación dun ou dunha docente, que neste caso foi o tamén decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, que avogou por centrala en artistas que abordan, “desde unha perspectiva ampla”, temáticas relacionadas co colectivo LGBTIQA+. “Pensei que podía ser interesante escoitar a perspectiva de diferentes artistas que traballan neste campo ou noutros afíns” e que abordan diferentes cuestións relacionadas “coas identidades e a igualdade de dereitos”, sinala Buxán. Trátase, destaca, dunha “ollada necesaria”, tendo en conta ademais “que no contexto internacional no que estamos, semella que segue sendo necesario reflexionar” sobre as identidades de xénero e a “protección de dereitos”.
Como pode a arte axudar á paz en tempos de guerra? É a arte unha vía de escape do mundo ou un xeito de transformalo? Arredor destas dúas preguntas articúlase o obradoiro que a filósofa Elodie Moreau impartirá os días 19 e 20 de xuño na Facultade de Belas Artes, no marco da programación da 32 Bienal de Arte de Pontevedra. Aberto ao conxunto da cidadanía, este seminario de filosofía práctica propón analizar “de xeito discursivo e participativo, as relacións entre arte e guerra” e insírese no conxunto de actividades complementarias dun evento que terá na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha das súas sedes expositivas.
Formada nas universidades de Galatasaray, Sorbona e Rennes 1 e, na traxectoria de Moreau combínase o seu labor como docente, co seu traballo en proxectos centrados na protección de especies en perigo de extinción e na preservación da memoria de poboacións obrigadas a migrar por causas ecolóxicas e sociais. Neste obradoiro, proporá “traballar sobre as relacións entre arte e guerra e sobre como a arte pode apoiar a paz ou dialogar con situacións de conflito”, como sinala o vicedecano Ignacio Pérez-Jofre. Aberto a toda a cidadanía, o seminario impartirase en inglés e conta con 12 prazas, debendo realizarse a inscrición a través do correo electrónico
Cinco estudantes da Facultade de Belas Artes presentarán as curtametraxes que desenvolveron como traballos académicos na 16 edición do festival internacional (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña. Por quinto ano consecutivo, o alumnado da facultade pontevedresa será un dos protagonistas da sección Paraíso, que cada ano reúne unha escolma de traballos de estudantes de diferentes universidades, co propósito de servirlles como un “espazo iniciático para internarse no contexto do cinema”, sinalan desde o festival. Coa cineasta e profesora da facultade Xisela Franco como comisaria, a sesión dedicada ao estudantado da UVigo terá lugar o venres 6 de xuño ás 11.00 horas, na Filmoteca de Galicia, e presentará, baixo o título de Reparar a dor, as creacións de Sara Ricoy, Iván X. Esmorís, Irene Santamaría, Rocío Campoy e Gema Rodríguez.
Impulsada hai cinco anos co obxectivo de pór o foco no “enfoque interdisciplinar e libre” co que o alumnado de Belas Artes se achega á creación cinematográfica, Paraíso contou co estudantado da Universidade de Vigo nas súas cinco edicións. De feito, algunhas das alumnas seleccionadas en anos anteriores foron posteriormente escollidas para as seccións profesionais do festival. Ese é o caso de Cristina Souto e Marta Lara, que participarán este ano na sección Sinais, ou de Claudia Pineda, que pouco despois do seu paso polo (S8) era seleccionada polo ICAA para participar no Short Film Corner do Festival de Cannes.