Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Profesora da Academia de Belas Artes e Deseño de Katowice, Weronica Siupka propón un percorrido gráfico pola rexión polaca de Silesia na exposición que nestes días pode visitarse na Sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes. Baixo o título de Auto-da-fé, esta mostra reúne unha trintena de gravados nos que esta artista e docente plasma múltiples realidades da rexión polaca de Silesia, desde estruturas arquitectónicas a detalles de portas, corredores ou fiestras. “Todos son lugares reais”, apunta Siupka dunha mostra que ten como punto de partida o xeito no que se percibe a propia contorna a través da arte e que nace, recoñece, da importancia que ten para ela “mostrar Silesia”, a través das imaxes de espazos que foron espertando a súa atención, ás veces “dun xeito un pouco máxico”.

Esta exposición poderá visitarse ata o 29 de abril neste espazo xestionado polo colectivo Lupercais e foi impulsada coa colaboración da asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Conteporánea, con sede en Cangas. De feito, Auto-da-fe foi en 2023 a serie gañadora da primeira edición do certame de gravados de pequeno formato Mini Print Internacional Galicia, promovido por esta asociación. Tras exhibirse por primeira vez, a raíz do premio, nesta localidade do Morrazo, esta mostra supón a segunda oportunidade de contemplar en Galicia o traballo dunha artista que este xoves impartía tamén unha conferencia en Belas Artes, dirixida a achegar o alumnado a súa obra gráfica e procesos de traballo. Nese senso, Siukpa, directora do departamento de Deseño Gráfico da Academia de Belas Artes e Deseño de Katowice, resalta o positivo dunha estancia que agarda que sirva tamén como punto de partida para promover un convenio coa facultade, mentres que o seu vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, salienta que esta colaboración permitiu achegar ao centro “unha exposición tecnicamente moi boa e moi contemporánea”. 

Ler a nova completa no DUVI