Unha investigación plástica que converte o po de granito en material dun proxecto artístico e un estudo sobre os elementos narrativos e estéticos comúns do cinema luso-galaico foron recoñecidos cos VI Premios Crea, dirixidos a distinguir accións destacadas no ámbito da creatividade da comunidade universitaria. Promovidos polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, a investigadora predoutoral Sara Piñeiro e a estudante Cristina Martínez foron recoñecidas nas dúas categorías destes galardóns, que teñen como propósito premiar investigacións, publicacións, obras e proxectos vinculados coa creatividade e adscritos ás liñas de investigación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra.
Na modalidade destinada ao persoal docente e investigador, a investigadora da Facultade de Belas Artes Sara Piñeiro acadou un premio de 1500 euros polo seu proxecto Esas estupendas materias duras, na que o po de granito dá lugar a unha serie de pezas para unha instalación artística. “A verdade é que un premio sempre é unha alegría e máis no contexto da Universidade”, recoñece Piñeiro Fernández, que lembra que “moita parte do proceso” que abrangue o desenvolvemento dun proxecto artístico “é invisible”, polo que recoñecementos como este supoñen “dalgunha forma unha especie de empurre e de ánimo”.
Artistas, profesionais e especialistas de sete universidades españolas participan ata este mércores na sede da Vicerreitoría do campus no XI Foro Internacional de Creación da Fronteira Diving the gutter: Cómic de campo expandido, intermedialidade e transmedialidade. Promovido polo grupo dx5 da Facultade de Belas Artes, este encontro científico ten como obxectivo explorar como o cómic contemporáneo supera as concepcións de soporte e formato tradicionalmente asociadas á banda deseñada, abordando as súas interaccións con disciplinas como o cinema, os videoxogos, a arquitectura ou a pintura e como estas dan lugar a “produtos transmedia”, que manteñen, non obstante, os sinais de identidade da banda deseñada.
Dirixido polo profesor Miguel Cuba e financiado pola Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, este simposio botou a andar na tarde do luns con catro conferencias que afondaron na “deconstrución do xénero de superheroes”, no cómic como obxecto museístico, no binomio manga-anime e nas conexións coa arquitectura. Fixérono da man do crítico e programador Felipe Rodríguez, do investigador da Universitat de Valencia Álvaro Pons, do integrante do grupo dx5 e codirector deste foro, José Andrés Santiago, e do investigador da Universidad de Alcalá Enrique del Rey.
Discutir academicamente acerca do cómic contemporáneo desde as novas concepcións e usos do soporte e do formato tradicionalmente asociados á banda deseñada é o obxectivo central do XI Foro Internacional de Creación na Fronteira, que entre o luns 19 e o mércores 21 reunirá un conxunto de especialistas de diferentes áreas na sede da Vicerreitoría do campus. Promovidas polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, estas xornadas buscan reflectir “as distintas maneiras nas que o cómic se relaciona con outros medios e disciplinas”, como o cinema, os videoxogos, a arquitectura ou a pintura, dando lugar a “produtos transmedia”, sinalan desde a organización.
Baixo o título de Diving the gutter: Cómic de campo expandido, intermedialidade e transmedialidade, trátase dunhas xornadas abertas ao público, que poderán seguirse tanto de xeito presencial como virtual. A través dun conxunto de conferencias, impartidas por especialistas de ámbitos como os videoxogos, o cine ou a literatura, o grupo busca promover unha reflexión sobre a evolución que está a vivir este medio e as súas “interaccións con outras disciplinas artísticas”, como sinala o profesor Miguel Cuba, director deste foro. O seu obxectivo é afondar nesa idea do cómic de campo expandido desde unha “perspectiva ampla”, de tal xeito que haxa espazo tanto para obras que parten da alteración dos formatos como para aquelas que fusionan a banda deseñada con outras disciplinas. Deste xeito, preténdese tanto abordar sobre as “conexións” do cómic co mundo do cinema ou dos videoxogos, como pór o foco “en interaccións máis complexas, nas que as linguaxes se mesturan e o cómic abandona eses parámetros tradicionalmente” asociados á banda deseñada.
Contribuír a facer das aulas espazos seguros en materia de diversidade sexual e de xénero é o obxectivo central da VIII Xornada de Formación Pinto e Maragota, que o Concello de Pontevedra promove coa colaboración da Universidade de Vigo e as asociacións Arelas e Avante. A Facultade de Belas Artes acollerá o sábado 24 de outubro un congreso con inscrición gratuíta, orientado principalmente a profesorado, aínda que aberto a toda a cidadanía, como explicaron na súa presentación a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e a vicerreitora do campus, Marián Fernández. No seu programa reúnense un conxunto de relatorios dirixidos a afondar na educación sexoafectiva, na creación de espazos seguros na aula, na inclusión LGTBI+ no deporte ou nas redes sociais como espazos de inseguridade.
Na súa intervención, a vicerreitora salientou que a Universidade achega “soporte e apoio estrutural” a un evento que contribúe á formación das e dos profesionais do ensino, pondo e relevo que a UVigo é unha institución académica “que cre na diversidade, non de xeito transversal, senón como un foco fundamental que debe respectar nas súas aulas, investigación e transferencia”. Fernández Villarino recalcou que “crer na diversidade significa respectar a diferencia, e só así conseguiremos unha sociedade realmente igualitaria”. Neste punto, Gulías lembrou que o punto de partida desta xornada é a pregunta de “se a diversidade sexual e de xénero nas aulas é unha materia pendente, e cremos que segue séndoo”. Neste punto, a edil de Igualdade subliñou a importancia de “traballar para que as aulas volven ser espazos de coidado e de seguridade”, lembrando que “a diversidade é unha materia obrigada no currículo educativo”.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes. Con Novoa e Rocamora, investigadoras da Universitat Politécnica de Valencia, como comisarias, esta exposición ten como punto de partida, explican, “obras de acción que cada artista realizou de maneira individual e cuxo rexistro se traballa desde diferentes formatos e medios, como a fotografía, o vídeo e a instalación”, dando lugar a novas pezas, nun “xogo de ecos”.
Inaugurada na tarde deste xoves, esta exposición insírese nas actividades do III Congreso Internacional de Creatividade, un evento promovido polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, que na tarde deste venres celebra a súa clausura na sede da Vicerreitoría do campus. Dentro desta programación, a egresada da Facultade de Belas Artes Cora Novoa e a investigadora da Politécnica de Valencia Elena Rocamora deron forma a un proxecto expositivo que explora como se interrelacionan entre si un conxunto de pezas que “parten do performativo, dialogando tanto co espazo como coas outras obras”, sinala Novoa.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou. A través de obras de diferentes disciplinas, realizadas por seis artistas orixinarios de Reino Unido, Alemaña, Brasil, Grecia e Zimbabue, esta mostra colectiva “reivindica a arte como unha forma de contacto co inaccesible”, engade Apostolou. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, Seres celebra este xoves 8, ás 19.30 horas, a súa inauguración e reúne as pezas de Murilo Álvarez, Dominic Beattie, Anna Franke, James Alec Hardy, Deny Párchei e James Wright.
Ata o 1 de decembro poderá visitarse na sala de exposicións do campus unha mostra que reúne unha “ampla variedade de disciplinas, que inclúen escultura, cerámica, pintura, debuxo, instalación, video performance, arte sonora e escultura dixital”, salienta o seu comisario. Trátase ademais de obras realizadas por creadores e creadoras con diferentes traxectorias artísticas, desde figuras xa consolidadas ata estudantes da propia Facultade de Belas Artes, como é o caso de Álvarez. As súas obras, recoñece Apostolou, “non comparten un vocabulario visual formalmente parecido”, mais conéctanse a través desa capacidade que ten a arte “como nexo de comunicación co inaccesible”, de como “arquetipos, musas, demos, heroes, monstros, compañeiros e deuses, sendo produto da mesma multitude de medos, soños, desexos e razoamentos, a miúdo se manifestaron a través da arte”.
Aberta ao conxunto da cidadanía, a programación de cursos de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus abrangueu un conxunto de propostas formativas que permitiron levar a formación máis aló do curso académico. Os coñecidos como cursos de verán arrancaron o pasado mes de xuño e complétanse nestas semanas na Facultade de Belas Artes co taller Transferencia a soportes cerámicos, centrado no traballo con diferentes técnicas que permiten plasmar imaxes en pezas cerámicas. Coas súas 20 prazas cubertas, ten como obxectivo achegar ás e aos asistentes unha base de coñecementos que lles permita ter unha visión xeral sobre a aplicación de diferentes técnicas de gravado á pezas de cerámica e os resultados que permiten obter, coa idea de que logo poidan seleccionar as máis apropiadas para os seus proxectos artísticos.
Dirixido polo técnico José Ángel Zabala, a primeira edición deste curso reúne tanto estudantado e profesorado da facultade como a persoas alleas á comunidade universitaria e conta coa participación como docentes dos “recoñecidos artistas” Javier Ramos Arana e Elena Carrasco, xunto coa egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece. “Este taller ten como obxectivo ofrecer unha introdución á técnica de transferencia de imaxes sobre soportes cerámicos”, salientan desde a organización desta actividade, que leva ás persoas participantes traballar con diferentes tipos de placas, tintas e métodos de impresión, así como a analizar as necesidades de cada imaxe para adaptarse mellor aos distintos procesos.
Comisariado polos investigadores da Universitat Politécnica de Valencia Lorena Rodríguez e José Luis Albelda, Proyectar el cambio é un proxecto que, partindo do concepto das humanidades ecolóxicas, busca promover unha reflexión sobre os retos xurdidos da “crise ecosocial", segundo sinalan os seus promotores. Con ese propósito, articúlase unha mostra internacional de creación audiovisual, que na súa terceira edición reúne 15 pezas nas que diferentes artistas reflexionan sobre esta problemática desde diferentes enfoques e que, no marco da súa itinerancia, poderán verse na tarde deste xoves 1 de outubro na Facultade de Belas Artes.
Baixo o título de Proyectar el cambio: crisis, resiliencia y restauración, a terceira edición desta mostra reúne obras con “formatos e narrativas moi variados”, que abranguen desde pequenos vídeos de carácter documental, activista ou performático, ata ensaios audiovisuais, poemas visuais, curtas de animación ou pezas de vídeo experimental, sinalan os seus promotores. Tras a súa exhibición en México, Italia e Brasil, así como en diferentes universidades españolas, esta mostra itinerante achégase a este centro da UVigo, nunha sesión aberta ao público, que dará comezo ás 16.30 horas no espazo 16 da facultade. No marco das iniciativas da rede europea ARTinRARE, esta proxección contará coa intervención por videoconferencia de Lorena Rodríguez Mattalía, comisaria do proxecto, e das artistas e docentes Holga Méndez, da UVigo, e Belén Díez, da Universidad de Zaragoza, coordinadoras do proxecto Geografía Poética.
Como “unha selección de miradas” a un “territorio híbrido entre arte e ciencia” preséntase un libro editado pol grupos de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature. Estes seminarios, desenvolvidos en Nova York e Pontevedra, puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais, co obxetivo de “mapear” as prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía, sinalan as súas responsables. Baixo o título de Posthumanismos interdisciplinares en el arte y la ciencia, o volume ten como editoras á investigadora Antía Iglesias e á responsable do grupo dx5, Ana Soler, e conta tanto cunha edición en papel como cunha versión dixital de acceso aberto.
Ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts (SVA) de Nova York, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright, Iglesias impulsou en febreiro de 2025 este ciclo, cunha primeira ediciónno Biolab deste centro. O seu obxectivo, explica, era “activar un espazo de encontro entre creadoras, investigadoras e axentes culturais cuxas prácticas se aproximan á noción de natureza desde os seus límites de contacto con outras disciplinas”. Poucos meses despois, o BioBAT Art Space de Nova York foi sede da segunda edición deste seminario, que a finais dese ano desenvolvería un terceiro encontro en Pontevedra, froito da colaboración entre os grupos dx5 e AF4, xunto co Campus Crea e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra.