Promovido polos grupos de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, e AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, Art at the Edge of Nature é un ciclo itinerante de encontros científicos centrados nas conexións entre arte, natureza e ciencia, que nestes días desenvolve a súa cuarta edición na Universidad Complutense de Madrid. O espazo La Trasera da Facultade de Belas Artes da UCM é a sede desta nova edición dun evento centrado en afondar, “desde unha perspectiva interdisciplinar”, nas relacións “entre prácticas artísticas, investigación científica e pensamento ecolóxico contemporáneo”, sinalan desde a súa organización.
Coordinado pola investigadora Antía Iglesias, xunto coa profesora de Belas Artes Ana Soler, directora do grupo dx5 (digital & grahpic art research) e a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela, o encontro que nestas dúas xornadas se desenvolve en Madrid conta tamén co apoio do Campus Crea, a través da convocatoria de axudas á organización de congresos, promovida co financiamento da Deputación de Pontevedra. Nela, máis dunha vintena de artistas, investigadoras e investigadores protagonizan as conferencias e mesas de debate dos catro eixes temáticos nos que se estrutura esta edición, que leva por título Responsabilidades y conciencias biocreativas. Á fronte deste encontro sitúase un comité organizador integrado polas investigadoras da UVigo e os docentes da UCM Santiago Morilla, José Carlos Espinel e José Enrique Mateo.
Baixo o título de Morea, a nova mostra da Sala O Abrigo de Belas Artes reúne as curtas de máis dun centenar de estudantes da facultade nunha “exposición singular, que desafía as formas habituais de mirar e habitar unha mostra audiovisual”, como sinala o profesorado responsable desta iniciativa. Non en van, as pezas exhíbense nun teito cuberto de teas, convidando ao público a contemplalas deitado nos colchóns que poden atoparse no chan da sala.
Como unha “exposición para habitar” preséntase nese senso unha proposta que reúne unha ampla selección de pezas realizadas polo alumnado da materia Imaxe en movemento, do Grao en Belas Artes. Cos docentes responsables desta materia, Cynthia Alfonso, Iria Vázquez, Xisela Franco e Berio Molina, como comisarios, a exposición inaugurase na tarde deste xoves, ás 18.00 horas, e poderá visitarse ata o 4 de xuño neste espazo coordinado polo colectivo estudantil Luscofusco.
A raíz das mobilizacións promovidas polo alumnado da facultade, en protesta por presuntos casos de acoso sexual no centro, o Decanato de Belas Artes subliña nun escrito o seu apoio “á política de tolerancia cero fronte aos abusos sexuais”. O equipo en funcións que encabeza o profesor Xosé Manuel Buxán, ata o proceso electoral para elixir novo decano ou decana, manifesta tamén neste escrito o seu “apoio total ás vítimas e o rexeitamento dos agresores”.
Á vista das mobilizacións impulsadas polo alumnado, tras unha asemblea de estudantes celebrada o pasado 5 de maio, o equipo responsable da facultade subliña tamén que “o Decanato, en canto ten coñecemento da existencia dunha vítima de acoso ou abusos sexuais, eleva de inmediato a correspondente solicitude ou informe á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo”.
O uso do residuo na práctica artística contemporánea conecta as obras de oito artistas de diferentes xeracións, todos eles vinculados á Facultade de Belas Artes, na exposición que pechará a programación da Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes neste curso 2025/2026. Baixo o título de A derruba, a mostra que se inaugurará este xoves 14, ás 20.00 horas “pretende establecer un diálogo entre diferentes perfís artísticos que representan a historia viva da Facultade de Belas Artes”,segundo sinala o seu comisario, o vicedecano da facultade e coordinador deste espazo expositivo, Ignacio Pérez-Jofre.
Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, a mostra colectiva que poderá visitarse ata o 26 de xuño na sala de exposicións do campus de Pontevedra reúne as creacións de Juan Fernando de Laiglesia, Natividad Bermejo, Román Corbato, Alejandro Fuertes, Julio Catalán, Sol Mussa, Cristina Rus e Yanina Sgro. “A mostra vincula o pasado e o presente de Belas Artes a través de propostas que incorporan o residuo na práctica artística”, sinala o texto de presentación desta mostra.
A Xunta de Facultade de Belas Artes aprobou este martes por unanimidade unha declaración institucional dirixida a expresar publicamente o seu desacordo co procedemento impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Xunta de Galicia para a selección da persoa responsable da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). No documento aprobado nesta xornada por asentimento, a Xunta de Facultade insta a Consellería “a convocar un concurso público internacional, avalado por un comité de profesionais independentes expertos na materia” para a elección do director ou directora dunha “institución relevante na arte contemporánea en todos os seus aspectos, incluído o formativo”, no ámbito cultural galego, estatal e internacional.
“Estimamos que a dirección do CGAC non debería ser un posto de libre designación e, aínda menos, tras unha convocatoria restrinxida a persoal funcionario do Estado ou docentes da comunidade autónoma de Galicia”, recolle unha declaración na que a Xunta de Facultade amosa a súa desconformidade co procedemento establecido na convocatoria publicada pola Consellería. Entre as razóns deste posicionamento, a declaración sinala que a fórmula adoptada “podería comprometer a independencia da persoa que asuma ás funcións da dirección do CGAC” e que esta selección debería “corresponder a profesionais independentes e de prestixio”. Ao mesmo tempo, sostén que a convocatoria exclúe profesionais doutros campos máis aló da Historia da Arte ou as Belas Artes, “como a Estética ou a Socioloxía”, á vez que “pecha a posibilidade, que consideramos moi valiosa, de recibir candidaturas de orixe internacional”.
Como “unha inmersión no imaxinario e nos usos históricos das cavernas como espazos de memoria, refuxio e violencia” presentaban desde Play-Doc o filme Furada Negra, do artista e profesor da Facultade Belas Artes Berio Molina, recoñecido co premio da sección competitiva de Galicia na 22 edición deste Festival Internacional de Cinema de Tui. O xurado destes galardóns decidiu outorgar este premio ex aequo a Crías, de Xiana do Teixeiro, e á curtametraxe documental no que este artista e docente combina imaxes de arquivo de diferentes covas galegas coa “paisaxe sonora” destes espazos subterráneos.
“Moi contento, porque sempre é de agradecer que valoren o traballo que fas”, recoñecíase Molina despois de recibir este galardón na xornada de peche deste festival. A isto sumábase o “valor especial” de poder recoller este galardón nun acto no que estiveron presentes, lembra, integrantes do Clube Espeleolóxico Maúxo, responsables do traballo que serviu como punto de partida de Furada Negra. O filme premiado, explica Molina, emprega material de arquivo anterior ao ano 1970, que este club foi compilando cos anos e que deu lugar ao libro Tesouro Espeleolóxico Galego, editado por aCentral Folque, que reúne este conxunto de imaxes e documentos sobre covas, xunto con textos de Alba Cid.
Que culpa ten a arte? Esta pregunta, formulada polo profesor Juan Carlos Román ao alumnado do Máster en Creación Artística Contemporánea, rematou converténdose no título da exposición que desde este mércores reúne as obras das 20 alumnas e alumnos deste mestrado da Facultade de Belas Artes. Organizada polo propio estudantado, esta mostra reúne un conxunto de obras conectadas, sinalan, pola “premisa de que a arte non pode escapar do artista, e o artista non pode escapar de si mesmo”. Nese senso, “a idea de representar a experiencia persoal” convertése no fío condutor dunha exposición que se inaugura na tarde deste mércores e que poderá visitarse ata o 22 de abril na Sala O Abrigo da facultade.
A través dun conxunto de obras diversas, ¿Qué culpa tiene el arte? “explora a tendencia a velo todo dende o afecto e o identitario”, reunindo creacións de múltiples disciplinas, realizadas tanto antes como durante a súa etapa formativa nun posgrao implantado no presente curso. “Propón un encontro entre as prácticas do alumnado, unificadas a través da tendencia temática que todos adoptan”, a translación á obra das “vivencias e experiencias persoais”, sinalan as e os seus responsables. “Mesmo vendo á arte como unha práctica autónoma, achégase á identidade, ao territorio e ao afecto, non coma categorías que limiten unha obra a unha lectura biográfica, senón como unha tensión entre a peza artística e o autorreferencial”, engaden as e os promotores dunha exposición que verase complementada por tres talleres, abertos a toda a cidadanía.
Baixo o título de Autoedición etc, o grupo de investigación dx5 de Belas Artes promove o luns 13 e o martes 14 unhas xornadas sobre autoedición que reunirán na facultade e na sede da Vicerreitoría do campus diferentes profesionais do mundo do cómic e da ilustración, cunha ampla experiencia no eido dos fanzines e dos proxectos autoeditados. Aberta ao conxunto da cidadanía, esta programación comprende tanto unha serie de coloquios cos autores e autoras participantes como dous talleres, con inscrición previa, a cargo dos debuxantes Yeyei Gómez e Martín López Lam.
Coordinada polos docentes Miguel Cuba e José Andrés Santiago, esta iniciativa insírese nos encontros de interacción gráfica nos que o grupo dx5 (digital & grahpic art research) busca promover un “diálogo con artistas e profesionais”, como sinalan os promotores dunhas xornadas que contan co financiamento do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia. O seu obxectivo, explica Santiago, é “explorar diferentes posibilidades no mundo da autoedición”, de tal xeito que se ben as e os participantes contan cunha “traxectoria importante no mundo do cómic e do fanzine”, esta actividade poida tamén abordar “outras manifestacións” vinculadas á idea da autoedición e á “liberdade creativa” que esta achega aos autores e autoras. De feito, trátase da primeira edición dunha iniciativa que busca dar resposta a unha “demanda do alumnado” da facultade e que permitirá tanto afondar na “escena do fanzine en Galicia, que é realmente potente dentro do contexto español”, como achegarse á “propia práctica artística” das e dos ilustradores, así como ás súas traxectorias no eido da autoedición.
Reivindicar a performance como unha “ferramenta de acción política” é o obxectivo central das xornadas Utopía: novos camiños, na que se insiren as cinco accións que estudantes de Belas Artes desenvolven entre este martes e o sábado 11, tanto na Sala O Abrigo da facultade como en diferentes puntos da cidade. Impulsada polo estudante William Evans Vinuesa, co apoio da facultade, o propósito desta iniciativa é “articular unha resposta desde o artístico fronte ás estruturas hexemónicas do mercado da arte”, pondo de relevo, explica, o "potencial crítico e transformador” da arte de acción.
Como sinala Evans, estas xornadas son froito dunha “iniciativa persoal” xurdida do seu interese pola performance, a raíz da materia Proxectos de arte de acción, que imparte o profesor Carlos Tejo. “A performance é unha disciplina que pola súa natureza non se adapta ben ás necesidades do mercado”, sinala dunha arte efémera e que non deixa “ningún obxecto artístico mercantilizable”. De aí que fronte a un mercado que, sostén, “tende a neutralizar e absorber os discursos disidentes”, estas xornadas buscan ser unha “contorna onde o corpo e a acción serven para cuestionar o imperialismo, a explotación capitalista e o control ao que nos someten aos algoritmos”.