Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A docente e doutora en Belas Artes Begoña Paz preséntanos o traballo de Lygia Clark con motivo do proxecto “8 mulleres para o 8M”, sobre a cal escribe este precioso texto:

A artista brasileira Lygia Clark (1920-1988) transita desde as súas pinturas espaciais por lugares-refuxio, espazos de vida, arquitecturas sensibles, estruturas vivas, formas biolóxicas… Alén da mirada, a artista explora un camiño de experimentación sensorial que racha coa concepción convencional do obxecto artístico.

As súas pezas, performance e obxectos activan xestos e reaccións entre as persoas no propio feito de habitar e crear: fricción, contacto, incomodidade, presión pero tamén cooperación, participación, acubillo e inclusión.

En “Diálogo de Mans” (1966) todo sucede entre os límites dunha cinta Moebius que as amarra. Dúas mans comunícanse a través de movementos forzados, torpes, descoñecidos, e tal vez, grazas a isto, atopan un espazo corporal sincopado, privado e íntimo.