Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Formadas na Facultade de Belas Artes, Deebo Barreiro, Lois Búa, Mónica Cabo, Teresa Búa e as integrantes do Colectivo Lag, Lara Buyo e Ana Corujo, son as protagonistas da nova publicación da serie En tránsito, coa que este centro busca achegar o actual alumnado aos proxectos, procesos de traballo e traxectorias de diferentes egresadas e egresados. Baixo o título de Identidades diverxentes, esta publicación reúne as entrevistas en profundidade realizadas a un grupo de artistas que, “desde liñas plásticas e conceptuais diversas, propoñen cos seus traballos unha revisión das cuestións de xénero e identidade”, como sinala a tamén egresada e xestora cultural Sara Donoso, responsable de realizar as entrevistas recollidas nos diferentes volumes desta serie.

Desenvolvido co selo de autoedicións da facultade Error es Bien, En tránsito é unha serie impulsada en 2021 que presenta en cada número unha escolma de entrevistas a artistas conectados por un fío condutor, como é desta volta “a investigación sobre o xénero, o feminismo ou a ruptura cos patróns establecidos”, sinala Donoso. En cada entrega, a escolla das persoas entrevistadas realízase coa participación dun ou dunha docente, que neste caso foi o tamén decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, que avogou por centrala en artistas que abordan, “desde unha perspectiva ampla”, temáticas relacionadas co colectivo LGBTIQA+. “Pensei que podía ser interesante escoitar a perspectiva de diferentes artistas que traballan neste campo ou noutros afíns” e que abordan diferentes cuestións relacionadas “coas identidades e a igualdade de dereitos”, sinala Buxán. Trátase, destaca, dunha “ollada necesaria”, tendo en conta ademais “que no contexto internacional no que estamos, semella que segue sendo necesario reflexionar” sobre as identidades de xénero e a “protección de dereitos”.

Ler a nova completa no DUVI