Baixo o título de Autoedición etc, o grupo de investigación dx5 de Belas Artes promove o luns 13 e o martes 14 unhas xornadas sobre autoedición que reunirán na facultade e na sede da Vicerreitoría do campus diferentes profesionais do mundo do cómic e da ilustración, cunha ampla experiencia no eido dos fanzines e dos proxectos autoeditados. Aberta ao conxunto da cidadanía, esta programación comprende tanto unha serie de coloquios cos autores e autoras participantes como dous talleres, con inscrición previa, a cargo dos debuxantes Yeyei Gómez e Martín López Lam.
Coordinada polos docentes Miguel Cuba e José Andrés Santiago, esta iniciativa insírese nos encontros de interacción gráfica nos que o grupo dx5 (digital & grahpic art research) busca promover un “diálogo con artistas e profesionais”, como sinalan os promotores dunhas xornadas que contan co financiamento do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas da Xunta de Galicia. O seu obxectivo, explica Santiago, é “explorar diferentes posibilidades no mundo da autoedición”, de tal xeito que se ben as e os participantes contan cunha “traxectoria importante no mundo do cómic e do fanzine”, esta actividade poida tamén abordar “outras manifestacións” vinculadas á idea da autoedición e á “liberdade creativa” que esta achega aos autores e autoras. De feito, trátase da primeira edición dunha iniciativa que busca dar resposta a unha “demanda do alumnado” da facultade e que permitirá tanto afondar na “escena do fanzine en Galicia, que é realmente potente dentro do contexto español”, como achegarse á “propia práctica artística” das e dos ilustradores, así como ás súas traxectorias no eido da autoedición.