Presentada pola organización como “unha das grandes citas internacionais da arte contemporánea”, ata este domingo desenvólvese no Ifema madrileño a 45 edición da Feira Internacional de Arte Contemporánea Arco. Xunto á presenza de máis de 200 galerías de 30 países, na súa programación insírese a feira de libro de artista e libro de arte ArtsLibris, onde o grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes busca dar a coñecer a súa traxectoria e liñas de investigación. Fano a través do conxunto de publicacións que reúnen no stand co que contan nunha feira na que participan máis de 90 editoriais, librarías e axentes culturais dunha vintena de países. Nela, o equipo investigador presenta tamén o proxecto gráfico un_ende, un libro de artista desenvolvido especificamente para este evento e que afonda na idea de arte múltiple de campo expandido combinando as creacións artísticas de dez das e dos seus integrantes.
Desde o grupo dx5 (digital & grahpic art research) destacan esta participación en Arco como unha oportunidade para “presentar no panorama da arte contemporánea, tanto nacional como internacional, a posición do grupo dx5 (digital & graphic art research) e a investigación que desenvolvemos”. Ademais de contar por primeira vez cun espazo en ArtsLibris entre este mércores e domingo, o equipo investigador de Belas Artes forma parte tamén da programación do speakers corner desta feira. Esta iniciativa, inserida na programación do Foro de Arco, permitirá dar a coñecer, este sábado ás 14.30 horas, tanto o labor do grupo, como o libro El múltiple que ocupa el espacio. Trátase dunha publicación que fai balance do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira, que o grupo dirixido pola profesora Ana Soler desenvolveu en 2024 en Pontevedra, coa colaboración do Concello.
A noción de corporalidade e a idea de diáspora son os dous fíos condutores da exposición que deste este xoves reúne na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes as creacións de 17 artistas, a meirande parte formados na Facultade de Belas Artes. Coa tamén egresada deste centro Cora Novoa como comisaria, esta mostra conecta, sinala, un conxunto de “prácticas diversas que chegan a través de imaxes, obxectos, textos, rexistros, pantallas, xestos e procesos” e que comparten “unha atención común ao corpo como lugar de experiencia, arquivo vivo e medio de relación”. Baixo o título de Cando falo de corpo, a exposición promovida co apoio da Deputación de Pontevedra propón tamén un achegamento ao traballo dun conxunto de artistas naturais ou formados en Galicia.
O vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, e o vicedecano de Belas Artes e coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, participan na tarde deste xoves na inauguración dunha exposición que poderá visitarse ata o 24 de abril. Como destaca Pérez-Jofre, trátase dun proxecto que responde “a unha das liñas de traballo da sala, que é a de contar con comisarias e artistas novas e novos, vinculados á facultade”. De feito, tanto Novoa como boa parte das e dos artistas de diferentes xeracións participantes formáronse neste centro e contan na actualidade “cunha traxectoria moi interesante, recoñecida con premios, residencias ou bolsas”, subliña Pérez-Jofre. Ao mesmo tempo, o coordinador da sala de exposicións do campus subliña o interese dun proxecto que afonda tamén “na idea do desprazamento, xa que moitos destes artistas, por diferentes circunstancias, atópanse fóra de Galicia”.
Desenvolvido polo Concello de Pontevedra, Taller Abierto e as profesoras da UVigo Begoña Paz, Iciar Ezquieta e María Covadonga Barreiro, o proxecto Pontevedra Debuxada deu como resultado tres mapas ilustrados, nos que Natalia Umpiérrez, Aida Alonso e Paula Chesire propoñen unha reinterpretación artística do rueiro da cidade. O proceso de traballo que deu lugar a estes planos e os resultados dos talleres realizados no marco desta iniciativa centran a exposición que deste este xoves pode visitarse na sede da Vicerreitoría do campus. Organizada polas docentes das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes, presenta unha unha serie de pezas que permiten achegarse á elaboración destes planos artísticos, xunto a unha selección dos traballos realizados por máis de 40 nenas e nenos en tres obradoiros centrados nos procesos de traballo das ilustradoras.
A tenente de Alcaldía, Eva Vilaverde, e o director da Área Adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, participan na tarde deste xoves na inauguración dunha exposición que poderá visitarse ata o 26 de marzo na Casa das Campás. A mostra, sinalan as súas promotoras, “permite descubrir diferentes aspectos do proceso creativo”, reunido “probas, técnicas, materiais e reflexións que explican como se constrúe unha cartografía emocional da cidade”.
No seu ensaio Un cuarto propio (1929), a escritora británica Virginia Woolf incidía na necesidade de que as mulleres teñan un espazo propio para crear, idea que constitúe o punto de partida da exposición que desde este mércores pode visitarse na Sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes. Promovida polo colectivo estudantil Luscofusco, con motivo da conmemoración este domingo do Día Internacional da Muller, esta mostra reúne as creacións de 15 alumnas da facultade, baixo o título de Un Abrigo Propio. “O libro de Virginia Woolf funciona como premisa”, sinalan as organizadoras dunha mostra colectiva que emprega a idea dun “cuarto propio” como fío conceptual dunha exposición que propón “formular un lugar, físico ou figurado, propio unicamente de mulleres”.
A exposición que se inaugura na tarde deste mércores reúne obras pictóricas, fotográficas ou escultóricas, nas que 15 estudantes do Grao en Belas Artes “plasman a súa idea dunha habitación propia”. Nomeadamente, a mostra presenta as creacións de Ana Piñeiro, Aroa González, Creep, Dana Latorraca, Guadalupe Díez, Loreña Añón, Marina Saavedra, Mencía Fana, Noa Fontán, Paula Romay, Rain Ramos, Sara Ricoy, Sofía Saraiba, Victoria Rodríguez e Nila.
- Persoal investigador de 20 países conecta a investigación artística coa intelixencia artificial e a aprendizaxe automática
- Un relato colectivo centra a primeira exposición de 2026 na sala O Abrigo
- Unha publicación fai balance de como a arte múltiple ‘ocupou’ Pontevedra
- ‘Do final e do comezo’ reúne as creacións de 25 novas tituladas e titulados en Belas Artes