Dúas ladeiras de mesma montaña é o título da exposición que desde este xoves pode visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e que reúne as creacións que os artistas Martín Llavaneras e Elena Jones idearon na cidade mexicana de Guadalajara, como beneficiarios da primeira convocatoria de residencias internacionais do Centro de Arte Fundación María José Jove. Coa directora deste centro, Susana González, como comisaria, esta exposición conecta as creacións de dous artistas vinculados non só pola experiencia da estadía en México, senón porque “comparten unha atención particular cara os procesos materiais, as transformacións da materia e os sistemas de relación que se xeran entre os corpos, os obxectos e a contorna”, segundo recolle o texto de presentación desta exposición.
A mostra que ata o 20 de febreiro poderá visitarse na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus propón nese senso dous achegamentos diferentes á “idea de fluxo” como “forma de organización e pensamento”. Dúas ladeiras da mesma montaña configura “unha topografía simbólica” na que as obras do catalán Martín Llavaneras e da egresada da UVigo Elena Jones “entrelázanse como dúas vertentes da mesma paisaxe”, dando forma a unha “reflexión sobre a materia como forza vital e sobre as relacións que a sosteñen e a transforman”.
Desde a invasión rusa a comezos de 2022, a guerra marcou fundamentalmente a imaxe que os medios de comunicación trasladan de Ucraína, o que, máis aló de facer visible o conflito, pode contribuír a trasladar unha “percepción distorsionada” deste país “como un territorio baleiro e devastado, onde non queda nada”. Deste xeito presenta a historiadora da arte Yuliia Pantiukh o punto de partida da exposición Ucraína máis alá da guerra, que pode visitarse na sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes. Nela pode contemplarse unha escolma de imaxes de seis fotógrafos e fotógrafas deste país, coas que busca reflectir, explica, “outra faceta menos visible para o público estranxeiro: a vida cotiá da sociedade ucraína”.
Natural do Donbas, Pantiukh presenta por primeira vez un proxecto para o que seleccionou 14 fotografías, tomadas entre 2022 e 2024 por Herman Krieger, Borys Kulikovskyi, Serhiy Lastochka, Oleksandr Zanin, Anastasiia Tiutiunnyk e Viktoriia Nedilia. “O obxectivo da exposición foi atopar fotografías urbanas nas que necesariamente apareceran persoas na súa rutina cotiá”, salienta a comisaria dunha mostra que presenta os traballos de seis “autores e autoras novos, menores de 35 anos, que traballan en diferentes cidades do país” e que permiten “observar a vida en Ucraína desde perspectivas diversas e complementarias”.
Do labor das performers españolas nas primeiras décadas do século XXI, ás conexións da arte contemporánea coa performance, pasando polo estudo de accións levadas a cabo en espazos sagrados ou pola influencia da filosofía oriental na nesta disciplina. Estas son algunhas das temáticas abordadas por investigadores e investigadoras de dez universidades na X International Performance Art Conference Fugas e Interferencias, inaugurada na tarde deste xoves na Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Promover unha reflexión sobre os novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica, constitúe o obxectivo central deste evento académico, promovido polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos da Facultade de Belas Artes, que este venres trasladaba a súa actividade ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Nacido hai unha década co obxectivo de fomentar a investigación académica sobre esta arte, Fugas e Interferencias acolle, entre este xoves e sábado, a presentación de 13 estudos sobre esta disciplina, por parte de investigadoras e investigadores de seis universidades españolas, da Universidade de Coimbra, do Instituto Politécnico de Cávado e Ave de Barcelos, da University for the Creative Arts de Cantembury (Reino Unido) e da mexicana Universidad Autónoma de Nuevo León (México).
Da man do grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, da Facultade de Belas Artes, nacía no ano 2016 o congreso internacional de arte de acción Fugas e Interferencias, co obxectivo de promover a investigación académica sobre a performance, unha arte que non deixa unha obra de carácter permanente e que fora pouco abordada en España desde o punto de vista teórico. Impulsado coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o congreso converteuse ao longo desta década “nun espazo de pensamento crítico e de encontro entre artistas, investigadoras e institucións que traballan arredor das prácticas performativas contemporáneas”, como sinala a investigadora e comisaria Marta Pol, codirectora deste foro académico xunto ao profesor de Belas Artes Carlos Tejo.
Seguindo esta liña de traballo, a International Performance Art Conference desenvolverá a súa décima edición entre o 6 e o 8 de novembro na sede da Vicerreitoría e no CGAC, coa participación de investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Portugal, Reino Unido e México e combinando no seu programa as conferencias e a presentación de estudos coa práctica da performance.
- Unha exposición percorre en Belas Artes os 20 anos de historia da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración
- Os Premios Crea recoñecen dous proxectos que afondan na memoria histórica e nos límites da pintura
- Artistas e investigadores trazan unha panorámica do presente e futuro da bioarte en España
- Terra e territorio inspiran as creacións que alumnado de Belas Artes e Deseño desenvolve xunto a estudantes de toda Galicia