“Reflexionar de maneira colectiva sobre o presente e o futuro das profesións creativas en Galicia” é o obxectivo central de Voces de lo posible, un encontro cultural promovido polas estudantes da Facultade de Belas Artes Cristina Rus, Sara Ricoy e Laura Hernández, que terá lugar este sábado 13 e domingo 14 no espazo da asociación Kentada. Co propósito de afondar en “traxectorias que demostran que é posible soster e fomentar a práctica artística desde o territorio”, este evento aberto ao público reunirá responsables de diferentes colectivos e proxectos culturais, nunha serie de mesas nas que “compartirán as súas experiencias, desafíos e modos de facer dentro do panorama cultural actual”, segundo sinalan as súas promotoras.
O evento arrancará o sábado, ás 16.00 horas, coa mesa Xestión cultural, comisariado e montaxe. Nela participarán as responsables de VacioCero Servicios Culturales, o artista e doutor en Belas Artes Thomas Apostolou; a comisaria, xestora cultural e historiadora da arte Elena Bangueses e o artista e investigador Alberto Santos, responsable do proxecto itinerante de comisariado e didáctica Ash Projects. Esta primeira xornada completarase cunha conversa sobre a autoedición e a creación, na que intervirá o ilustrador, artista e docente Berto Fojo, membro fundador da asociación cultural Liceo Mutante; representantes de Boa Onda Cómix e a artista e deseñadora gráfica Cynthia Alfonso, cofundadora do estudo de animación experimental Rapapawn.
Do medo ao folio en branco á fugacidade do cotiá, pasando por unha reflexión sobre a expresión da ira ou polas relacións que se xeran entre as persoas e os obxectos. Estas son algunhas das ideas que once estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes converteron nas curtametraxes estreadas na tarde deste martes no Teatro Principal, na xornada de apertura da décima edición de Novos Cinemas. Trátase dos resultados finais do taller Cinema dende dos corpos, promovido pola Vicerreitoría do campus xunto co festival e no que a cineasta Anxos Fazáns guiou este grupo de estudantes no desenvolvemento dunhas pezas que tiveran como punto de partida o “compoñente físico do cinema”, a parte “máis intuitiva” da creación audiovisual, como sinalaba esta directora e guionista.
Egresada da Facultade de Comunicación, Fazáns protagoniza na noite deste martes a sesión inaugural deste festival, coa estrea en Galicia da súa segunda longametraxe As liñas descontinuas. Previamente, participa xunto coa vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, o director artístico de Novos Cinemas, Suso Novás, e este grupo de alumnos e alumnas na presentación destas curtametraxes, que abrían a programación desta edición.
Estudante de doutoramento na Universidade de Vigo, o artista Andrés Rivas Rodís convertíase este mércores no adxudicatario da primeira Residencia ArtLab IGFAE, promovida pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela e dirixida a conectar a creación contemporánea galega coa investigación punteira no campo da física. A partir de febreiro, este artista e estudante do Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea desenvolverá o seu proxecto Outro e sobre si nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e na Cidade de Cultura, onde será exposto a finais de 2026. Seleccionado de entre unha trintena de candidaturas, segundo informaron desde o Goberno galego, o seu proxecto explorará o concepto da superposición, tema fundamental na teoría e computación cuántica, desde a perspectiva das artes visuais.
Valéndose de materiais reciclados, catro estudantes de Belas Artes propoñen unha reflexión sobre o consumo e a identidade nunha exposición inserida na programación do Culturgal, que se desenvolve ata este domingo no Pazo da Cultura. Baixo o título de Metabiosis, trátase dun proxecto expositivo do colectivo Luscofusco, que pode visitarse no espazo de arte contemporánea desta feira das industrias culturais, na que se insiren máis de 200 espectáculos e actividades. Entre elas atópase tamén a presentación, na tarde deste venres, do Directorio de Artistas Globais na Galiza, resultado dun proxecto de investigación desenvolvido por investigadoras das tres universidades públicas galegas.
Os estudantes Dana Latorraca e Pablo Martínez, integrantes de Luscofusco, son os comisarios da exposición que representa a Belas Artes nesta décimo oitava edición do Culturgal. Reunindo as creacións de Diosbett Montero, Sheila Parcero, Ramiro Agulla e Cristina Rus, buscaron recrear no espazo expositivo da feira “un ecosistema ou ‘selva’ a partir de materiais de refugallo”, co que propor “unha reflexión sobre os ciclos de consumo e a identidade no mundo contemporáneo”. A liña temática desta mostra, sinalan, parte das “relacións posibles entre o orgánico e o sintético”, a través do emprego nas diferentes obras dun conxunto de obxectos e materiais “que perderon a súa función orixinal ou a súa vida útil”. Estes, lembran os comisarios, “non desaparecen o planeta” e con eles é posible “construír espazos dignos e válidos, sen a necesidade de repetir ciclos de produción e consumo”. Nese senso, recoñecen a inspiración que supuxo para este proxecto “a figura do cangrexo ermitán” e como este emprega restos doutros animais, nunha forma de relación biolóxica, a metabiose, que dá nome á exposición.
- Dous proxectos artísticos nacidos en México conéctanse na Sala Manuel Moldes
- Unha exposición presenta a realidade cotiá de Ucraína, máis aló da guerra
- A investigación sobre performance reúne en Pontevedra e Santiago especialistas de dez universidades
- Dez anos explorando as ‘fugas e interferencias’ da arte de acción