Belas Artes centra este venres a actividade do 22 Encontro Galego de Ilustración, que desde o pasado luns se desenvolve en diferentes puntos de Pontevedra e que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) presenta como un “espazo de aprendizaxe, inspiración e celebración” que reúne anualmente a profesionais, estudantes e afeccionados á ilustración. No marco desta programación, a sala O Abrigo acolle deste este venres a exposición coa que AGPI rememora as súas dúas décadas de traxectoria, reunindo ás creacións de 63 autores e autoras membros desta asociación.
A mostra XX anos de AGPI poderá visitarse ata o 24 de outubro e reúne un conxunto de obras de ilustradores e ilustradoras de diferentes xeracións, desde Siro ou Manel Cráneo, ata novos ilustradores e ilustradoras, varios deles egresados da facultade pontevedresa. Desenvolvida para a anterior edición deste encontro, celebrada en Lugo, desde a asociación presentan esta exposición como “un exemplo e celebración grupal da calidade e heteroxeneidade, non só da asociación senón tamén de ilustración en Galicia, xerando así un diálogo entre as diferentes xeracións de profesionais do sector”, segundo sinala a presidenta de AGPI, Laura Romero, no seu texto de presentación. Nel sinala tamén que, con frecuencia, asóciase á profesión de ilustrador ou ilustradora a un “medio de vida cheo de cor, creatividade e diversións”, recoñecendo que “a ilustración vai a miúdo da man destes conceptos tan positivos”, mais tamén que trae consigo outros “como precariedade e illamento”. Romero participa esta tarde, xunto ao vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, na inauguración desta exposición, completada cunha actuación de Zeltia Irevire.
A investigación e a produción artística combínanse nos dous proxectos galardoados na quinta edición dos Premios Crea, dirixidos a recoñecer estudos, publicacións e obras creativas adscritas ás liñas de investigación do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovidos polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, trátase duns premios con dúas categorías. Na dirixida ás iniciativas do persoal docente e investigador, o xurado decidiu premiar Retrato de familia, un proxecto no que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas reflexiona sobre súa historia familiar para denunciar a violencia exercida pola ditadura franquista. Por outra banda, o galardón da modalidade destinada ás propostas do alumnado foi para Letting the Painting Fall / Deixar a Pintura Caer, un proxecto expositivo no que o estudante de doutoramento de Belas Artes Carlos Fer reflexiona sobre os modos de presentación dunha pintura, convertendo a gravidade nunha técnica pictórica.
Estes premios contan cunha dotación económica de 1500 e 750 euros, respectivamente, e serán entregados o 14 de novembro na Escola de Enxeñaría Forestal, no marco da Xornadas de Investigación do Campus Crea.
Artistas e investigadores de diferentes universidades españolas participan na sede da Vicerreitoría do campus no III Art at the Edge of Nature – IX Foro Internacional de Creación na Fronteira, que ten como obxectivo reunir diferentes achegamentos á idea bioarte e aos procesos e prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía. Promovida polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, a Escola de Enxeñaría Forestal e o Campus Crea, trátase dunha reunión científica que ten como obxectivo “mapear un pouco o que se está facendo e intentar ver as múltiples visións da bioarte”, como sinala a investigadora Antía Iglesias, coordinadora deste seminario. Dirixido a explorar proxectos e procesos de traballo “que xorden na fronteira entre a arte e o que chamamos natureza”, este encontro dará lugar á súa vez a unha publicación, dirixida a facer balance das tres edicións deste seminario.
Inserido no ciclo de foros internacionais do grupo dx5, este seminario ten de feito como punto de partida as dúas edicións de Art at the Edge of Nature que Iglesias promoveu ao longo deste 2025 en Nova York, ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright. Nese senso, o obxectivo desta terceira edición, continuar con esa idea inicial de "mapear" este tipo de prácticas, tratando neste caso de “contextualizar cal é a situación aquí e xerar un diálogo sobre o futuro destas prácticas en España”. Estas, sinala Iglesias, comprenderían desde proxectos que conectan arte e natureza ou enfocados na “sostibilidade nos materiais”, ata “prácticas de cocreación” ou propostas que parten “doutras perspectivas, de ver a natureza doutra maneira”. De feito, un dos obxectivos destes encontros é precisamente “ver a propia definición das e dos participantes” da propia idea de bioarte, xa que “é un termo co que moitos artistas non se identifican”.
A terra, como materia e como lugar, constitúe o eixe temático da sexta edición da residencia de artistas emerxentes Encontros de Mariñán, que ao longo desta semana leva un grupo de estudantes das facultades de Belas Artes e Deseño a desenvolver proxectos artísticos en colaboración con alumnado de sete centros formativos de diferentes puntos de Galicia. Promovida pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), xunto cos nove centros implicados, e coa colaboración da Deputación da Coruña, esta residencia reúne 40 estudantes no Pazo de Mariñán, na localidade coruñesa de Bergondo, onde traballan no desenvolvemento dunha serie proxectos artísticos que na tarde deste xoves presentarán ao público, nunha xornada de portas abertas.
Dirixida a crear sinerxías entre os distintos centros de formación artística superior de Galicia, este encontro reúne, xunto ao alumnado da UVigo, a estudantes das EASD Antonio Faílde, Ramón Falcón, Pablo Picasso e Mestre Mateo, do Conservatorio Superior de Música da Coruña, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e do CIFP Imaxe e Son da Coruña. “É unha experiencia moi positiva, de moita intensidade”, recoñece o profesor de Belas Artes Ignacio Barcia, que coordina a participación do estudantado do campus neste encontro xunto co docente da Facultade de Deseño Román Corbato. Nese senso, pese a que as e os estudantes participantes foron seleccionados por un proxecto previo, estes vanse transformando ao da semana, como froito desa interacción “con alumnado de ámbitos artísticos máis ou menos próximos”. De feito, o encontro arrancaba este luns cunha xuntanza, “na que falan dos seus proxectos e empezan a establecer sinerxías”, sinala Barcia, que incide no “activador” que resulta para o estudantado poder “alimentarse no propio proceso creativo” das achegas de creadoras e creadores doutros eidos ás súas propostas.
- Unha exposición articula “unha reivindicación da memoria colectiva de Palestina” a través do cómic
- As identidades diverxentes centran o novo libro que Belas Artes dedica aos seus titulados e tituladas
- A Bienal leva a Belas Artes un obradoiro sobre o papel da creación artística en tempos de guerra
- Cinco estudantes de Belas Artes exhibirán as súas curtas na Mostra de Cinema Periférico