Reivindicar a performance como unha “ferramenta de acción política” é o obxectivo central das xornadas Utopía: novos camiños, na que se insiren as cinco accións que estudantes de Belas Artes desenvolven entre este martes e o sábado 11, tanto na Sala O Abrigo da facultade como en diferentes puntos da cidade. Impulsada polo estudante William Evans Vinuesa, co apoio da facultade, o propósito desta iniciativa é “articular unha resposta desde o artístico fronte ás estruturas hexemónicas do mercado da arte”, pondo de relevo, explica, o "potencial crítico e transformador” da arte de acción.
Como sinala Evans, estas xornadas son froito dunha “iniciativa persoal” xurdida do seu interese pola performance, a raíz da materia Proxectos de arte de acción, que imparte o profesor Carlos Tejo. “A performance é unha disciplina que pola súa natureza non se adapta ben ás necesidades do mercado”, sinala dunha arte efémera e que non deixa “ningún obxecto artístico mercantilizable”. De aí que fronte a un mercado que, sostén, “tende a neutralizar e absorber os discursos disidentes”, estas xornadas buscan ser unha “contorna onde o corpo e a acción serven para cuestionar o imperialismo, a explotación capitalista e o control ao que nos someten aos algoritmos”.
Artistas consagrados como Antón Pulido, Francisco Leiro, Manolo Moldes, Xaime Quessada ou Acisclo Manzano e outros noveis, son os e as autoras das preto de 300 obras de pintura, escultura, gravado e fotografía, e ás que tamén se sumarán vídeos, instalacións e audios, que integran a día de hoxe o Museo de arte da Universidade de Vigo. Localizadas ao aire libre, en escolas e facultades e en edificios administrativos dos tres campus, as 287 obras que integran esta recompilación do patrimonio artístico da UVigo nunca antes foran reunidas nun repositorio dixital co dobre obxectivo de, por unha banda, agrupalas, neste caso nunha páxina web, e pola outra, dalas a coñecer á comunidade universitaria e á sociedade.
A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, foi a encargada este martes de dar a coñecer os detalles desta iniciativa, que partiu da súa vicerreitoría, aínda que tomando a remuda dunha acción similar posta en marcha no campus de Ourense en 2014 e para a que foi preciso actualizar, mellorar e completar a documentación fotográfica. Un proceso, no que destacou a impliación dos técnicos de Cultura dos campus de Vigo, Alfonso Caride, e de Ourense, Filemón Rivas, e para o que se contactou con centros e servizos da UVigo solicitándolles información sobre obxectos patrimoniais de interese, contratándose ademais ao docente da UVigo e especialista en Historia da Arte Jorge Varela, que reformulou a ficha técnica e realizou as fotografías que se atopan na web
“Este libro reconstrúe a imaxe da soidade como unha experiencia creativa, central para a constitución de suxeitos e identidades, no corazón íntimo do proceso artístico”. Deste xeito presentan o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego e o artista e docente Miguel Copón Soledades. Estéticas del retiro, o libro no que reflexionan sobre como artistas, poetas ou pensadores de diferentes épocas “converteron o retiro, o silencio e a distancia social” nunha condición para a creación artística. Publicado por Cátedra, trátase dun volume no que, desde o campo da Estética, buscan conectar un amplo abano de obras, autores e autoras nunha reflexión sobre “o distanciamento paradoxal do social en busca dunha comunicación máis intensa”.
“O libro refírese a unha estética, é dicir, á conexión entre as artes, ou as súas imaxes, e o retiro”, sinala Ruiz de Samaniego respecto dun volume que definen como “un proxecto de investigación en curso” no seu texto de presentación. De feito, Soledades insírese na liña de colaboración que este escritor, docente e comisario mantén desde hai máis de 25 anos co investigador Miguel Copón, profesor de Estética na Escuela de las Artes Sur de Madrid. Ambos desenvolveran xa previamente proxectos como a exposición-ensaio Cabañas para pensar, que tiña na idea do retiro un dos seus eixes centrais.
Nacida no ano 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín, co obxectivo de conmemorar o Día Internacional da Muller, a exposición Voilà la Femme alcanza nestas semanas a súa 33 edición, coas alumnas da Facultade de Belas Artes como principais protagonistas. Presentada pola súa comisaria, Celeste Garrido, como a “exposición de mulleres artistas con maior traxectoria de Europa”, reúne nesta edición as creacións de 17 artistas, a meirande parte estudantes deste centro do campus de Pontevedra. Faino ademais coa novidade de contar desta volta con dúas sedes, o propio Ateneo e o Museo Municipal Manuel Torres, nas que poderá visitarse ata o 27 de marzo.
Inaugurada a pasada semana, trátase dunha mostra que “dá visibilidade ás mulleres artistas, xeralmente recentemente graduadas e vinculadas dalgunha maneira con Galicia”, sinala Garrido, artista e colaboradora do grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes. Foi precisamente a súa coordinadora, a catedrática Yolanda Herranz, á que deu nome a unha exposición impulsada por Antón Castro e Antón Sobral co propósito de pór de relevo que “tanto na arte como en calquera outra disciplina, non se pode excluír a metade da poboación”, como lembra a súa comisaria. Garrido asumía en 1998 o comisariado desta mostra colectiva, avogando por unha “aposta firme pola arte emerxente”. Coordinada neste 2026 por Abril Iglesias e promovida coa colaboración do Concello de Marín, trátase dunha exposición que busca afondar en “aspectos directamente vinculados cos intereses das artistas mulleres, como son as cuestións de igualdade e xénero”.