Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes. Con Novoa e Rocamora, investigadoras da Universitat Politécnica de Valencia, como comisarias, esta exposición ten como punto de partida, explican, “obras de acción que cada artista realizou de maneira individual e cuxo rexistro se traballa desde diferentes formatos e medios, como a fotografía, o vídeo e a instalación”, dando lugar a novas pezas, nun “xogo de ecos”.
Inaugurada na tarde deste xoves, esta exposición insírese nas actividades do III Congreso Internacional de Creatividade, un evento promovido polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, que na tarde deste venres celebra a súa clausura na sede da Vicerreitoría do campus. Dentro desta programación, a egresada da Facultade de Belas Artes Cora Novoa e a investigadora da Politécnica de Valencia Elena Rocamora deron forma a un proxecto expositivo que explora como se interrelacionan entre si un conxunto de pezas que “parten do performativo, dialogando tanto co espazo como coas outras obras”, sinala Novoa.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou. A través de obras de diferentes disciplinas, realizadas por seis artistas orixinarios de Reino Unido, Alemaña, Brasil, Grecia e Zimbabue, esta mostra colectiva “reivindica a arte como unha forma de contacto co inaccesible”, engade Apostolou. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, Seres celebra este xoves 8, ás 19.30 horas, a súa inauguración e reúne as pezas de Murilo Álvarez, Dominic Beattie, Anna Franke, James Alec Hardy, Deny Párchei e James Wright.
Ata o 1 de decembro poderá visitarse na sala de exposicións do campus unha mostra que reúne unha “ampla variedade de disciplinas, que inclúen escultura, cerámica, pintura, debuxo, instalación, video performance, arte sonora e escultura dixital”, salienta o seu comisario. Trátase ademais de obras realizadas por creadores e creadoras con diferentes traxectorias artísticas, desde figuras xa consolidadas ata estudantes da propia Facultade de Belas Artes, como é o caso de Álvarez. As súas obras, recoñece Apostolou, “non comparten un vocabulario visual formalmente parecido”, mais conéctanse a través desa capacidade que ten a arte “como nexo de comunicación co inaccesible”, de como “arquetipos, musas, demos, heroes, monstros, compañeiros e deuses, sendo produto da mesma multitude de medos, soños, desexos e razoamentos, a miúdo se manifestaron a través da arte”.
Aberta ao conxunto da cidadanía, a programación de cursos de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus abrangueu un conxunto de propostas formativas que permitiron levar a formación máis aló do curso académico. Os coñecidos como cursos de verán arrancaron o pasado mes de xuño e complétanse nestas semanas na Facultade de Belas Artes co taller Transferencia a soportes cerámicos, centrado no traballo con diferentes técnicas que permiten plasmar imaxes en pezas cerámicas. Coas súas 20 prazas cubertas, ten como obxectivo achegar ás e aos asistentes unha base de coñecementos que lles permita ter unha visión xeral sobre a aplicación de diferentes técnicas de gravado á pezas de cerámica e os resultados que permiten obter, coa idea de que logo poidan seleccionar as máis apropiadas para os seus proxectos artísticos.
Dirixido polo técnico José Ángel Zabala, a primeira edición deste curso reúne tanto estudantado e profesorado da facultade como a persoas alleas á comunidade universitaria e conta coa participación como docentes dos “recoñecidos artistas” Javier Ramos Arana e Elena Carrasco, xunto coa egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece. “Este taller ten como obxectivo ofrecer unha introdución á técnica de transferencia de imaxes sobre soportes cerámicos”, salientan desde a organización desta actividade, que leva ás persoas participantes traballar con diferentes tipos de placas, tintas e métodos de impresión, así como a analizar as necesidades de cada imaxe para adaptarse mellor aos distintos procesos.
Comisariado polos investigadores da Universitat Politécnica de Valencia Lorena Rodríguez e José Luis Albelda, Proyectar el cambio é un proxecto que, partindo do concepto das humanidades ecolóxicas, busca promover unha reflexión sobre os retos xurdidos da “crise ecosocial", segundo sinalan os seus promotores. Con ese propósito, articúlase unha mostra internacional de creación audiovisual, que na súa terceira edición reúne 15 pezas nas que diferentes artistas reflexionan sobre esta problemática desde diferentes enfoques e que, no marco da súa itinerancia, poderán verse na tarde deste xoves 1 de outubro na Facultade de Belas Artes.
Baixo o título de Proyectar el cambio: crisis, resiliencia y restauración, a terceira edición desta mostra reúne obras con “formatos e narrativas moi variados”, que abranguen desde pequenos vídeos de carácter documental, activista ou performático, ata ensaios audiovisuais, poemas visuais, curtas de animación ou pezas de vídeo experimental, sinalan os seus promotores. Tras a súa exhibición en México, Italia e Brasil, así como en diferentes universidades españolas, esta mostra itinerante achégase a este centro da UVigo, nunha sesión aberta ao público, que dará comezo ás 16.30 horas no espazo 16 da facultade. No marco das iniciativas da rede europea ARTinRARE, esta proxección contará coa intervención por videoconferencia de Lorena Rodríguez Mattalía, comisaria do proxecto, e das artistas e docentes Holga Méndez, da UVigo, e Belén Díez, da Universidad de Zaragoza, coordinadoras do proxecto Geografía Poética.
- Un libro reúne diferentes miradas ao “territorio híbrido ente arte e ciencia”
- Artistas de nove países converten Ons nun espazo para unha creación conectada co territorio
- Carmen Hermo convértese na nova decana de Belas Artes
- Chelo Matesanz conecta tradición e contemporaneidade no Museo de Arte Contemporánea de Santander