Entrevista a Andrea Davila Rubio

Andrea Davila Rubio é graduada en Belas Artes (Universidade de Vigo, 2017), posúe o Mestrado en investigación e creación en arte contemporánea (Euskal Herriko Unibertsitatea [Universidade de Euskadi], 2018) e é experta universitaria en Estudos Culturais, Afectos e Coñecemento Situado (Nafarroako Unibertsitate Publikoa [Universidade Pública de Navarra] e Euskal Herriko Unibertsitatea, 2022/2023). Durante 2021 completou a súa formación como investigadora predoutoral no Departamento de Filosofía do Boston College (Boston) grazas a unha bolsa Fulbright para a ampliación de estudos artísticos. Actualmente é doutoranda na Universidade de Vigo, onde desenvolve a súa investigación sobre o corpo como instancia sensitiva nos procesos de materialización da escultura contemporánea española, grazas a unha bolsa predoutoral da propia universidade (2020-2023) e outra de investigación da Deputación da Coruña (2023-2024).

As súas exposicións máis recentes son Atravesar el jardín/entre las dos esquinas, Culturgal: Feira de Arte e Cultura de Galicia (Pontevedra, 2023); Cuerpo, afectos, territorio, Centro Cultural de Arte Contemporáneo Huarte (Pamplona/Iruña, 2023); Snapshots de Chantada, Espazo Os Casares, Galería Vilaseco (Lugo, 2022) e Novos Valores, Museo de Pontevedra (Pontevedra, 2020). Ademais, foi residente en Residency Unlimited (Nova York, 2021); participou en 12 Miradas, Galería Vilaseco e Fundación María José Jove (Lugo, 2021). Así mesmo, recibiu premios da Deputación de Ourense (primeiro premio do XVI Certame de Artes Plásticas, 2021) e da Deputación de Pontevedra (Novos Valores, 2020), e a súa obra pasou a formar parte de ambas as coleccións.

A túa traxectoria académica desenvolveuse entre varias universidades e centros de investigación. Desde Galicia e Euskadi ata Boston, como valoras os coñecementos obtidos e a experiencia artística adquirida en cada lugar?

Foron momentos todos eles moi especiais. Desde como che pode influír unha cidade ata os vínculos que creas coas túas compañeiras e, por suposto, ao que te expós artisticamente. Entendo a creación como un ecosistema aberto e considero que os meus desexos respecto da elección de materiais, asociacións e aparencia do meu traballo, aínda que subxectivos, responden tamén a uns modos de ver e de facer que foron sensibles a eses contextos.

De volta á Facultade de Belas Artes (Universidade de Vigo), estás a realizar a túa tese de doutoramento ao redor das relacións corpo-escultura. Gustaríanos coñecer que reflexións ou que hipóteses estás a tratar.

De acordo co criterio convencional, a maioría de metáforas que tratan sobre o estilo adoitan colocar o contido no interior e o estilo no exterior. Esta concepción leva implícita a noción de que a obra de arte debe ser interpretada, relegando o estilo a un simple complemento susceptible de ser apartado
–coma se dun pano de fondo se tratase–, co obxectivo último de desvelar o seu significado. Susan Sontag resalta a importancia da forma na arte, sinalando que a súa característica distintiva non radica tanto en xerar un coñecemento conceptual, senón máis ben na súa capacidade para evocar emocións. En consecuencia, a autora define o coñecemento que obtemos a través da arte como «a experiencia da forma ou o estilo de coñecer algo», en lugar do coñecemento de algo en si mesmo.

Neste contexto, analizo a práctica escultórica dun grupo de artistas españolas nadas entre as décadas de 1940 e 1990, para quen –evocando a Peio Aguirre– o estilo non se constitúe coma un adorno do contido, senón coma un elemento esencial da súa estrutura e materialidade. É dicir, o estilo é entendido como portador dunha significancia e substancia intrínsecas polo que, en termos xerais, estas artistas desempeñan un traballo meticuloso na elaboración formal da escultura. Isto xera unha sensación de inmediatez sensual e resonancia física máis profunda ca a que se experimenta con calquera imaxe abstracta asociada a un corpo.

Tamén é interesante o modo en que as indagacións corpo-escultura se formalizan no teu traballo visual. A el aludes moitas veces de forma sutil, a través da relación con determinadas formas ou obxectos que habilitan conexións coa idea de movemento, tensión ou volume. Fálanos sobre o proceso, de que maneira se sintetizan e se tornan matéricas todas estas abordaxes?

Sen darlle ningún carácter rotundo, diría que no meu traballo o corpo xorde desde unha dimensión fenomenolóxica e do proceso polo cal elementos como a memoria, a intuición e o humor se mesturan nunha relación física e conceptual cos materiais. Creo que a tendencia é cara a un lugar no que a práctica é cada vez máis porosa e me permite moverme en varias direccións, así como a deixar que a peza mesma poida definir ou redefinir o seguinte paso, permitindo unha evolución orgánica.

Pezas como I wish you’d rub your quills against my stomach (2020) e Sitting piece for 2 (2021) preséntannos dous corpos en contacto, vencellados. Con todo, a propia relación formal e os materiais empregados refiren unha sensación de distancia. É coma se producise un choque entre elementos. Como se comunican aquí os afectos e a memoria?

Ambas son moi importantes para min. Penso que definen un modo de facer e uns intereses que foron xusto os que me levaron a realizar a estancia de investigación entre Boston e Nova York durante 2021. Naquel momento interesábame moito Gaston Bachelard e a imaxinación material. O que el expuña era a idea de que, cando imaxinamos cousas, non só creamos imaxes visuais na nosa mente; tamén as imaxinamos desde a nosa «consciencia muscular». É dicir, en termos de como senten e como interactuariamos con elas.

O mesmo ocorre na experiencia estética. Algunhas autoras recorreron á noción de afecto para pensala precisamente desde un sentido inmanente. O afecto, nesta perspectiva, non é só un estado mental, senón unha interacción entre as emocións e o corpo.

A esta relación co corpo súmase no teu traballo a presenza do espazo natural como lugar ocupado e punto de encontro. Que simboliza para ti a paisaxe e que papel ten na túa obra?

A idea é moi vaga. É unha sensación. Un estar na natureza similar ao namoramento. Resúltame complexo explicalo mellor, pero nestes momentos teño moi presente un poema de Anne Carson, no que di:

Nunha tarde de xuño.
Aquí tedes o meu consello,
aguantade.
Aguantade a beleza.

En s/t (atravesar el jardín) (2023) presentas unha serie de obxectos lixeiros, en aparencia fráxiles, realizados en materiais tan diversos como o ferro, o papel, a escaiola, a resina epoxi ou o cobre, entre outros. Cóntanos que conexión atopas entre estes materiais e a simboloxía do xardín.

Estou interesada nos exercicios mínimos, na posibilidade dos materiais e en abrir lecturas. Como dicía antes, a miña relación cos espazos da natureza condénsase en determinadas sensacións que, doutra banda, non son para nada exclusivas a eses eventos: a luz a través das follas, o movemento, unha pupila e o centro dunha flor, un recordo que se cruza…

S/T (169 afectos, 169 huellas o 169 impresiones de una roca ahora que escalo rocas con mi cuerpo) (2022) é unha obra creada no marco de Snapshots de Chantada, exposición colectiva que recolleu os resultados do taller realizado dentro do programa 12 Miradas (Galería Vilaseco) coa artista Irene Kopelman. Como foi esta experiencia e que achegou ao teu traballo?

A residencia foi fundamental á hora de comezar a incluír situacións espaciais na miña práctica, especialmente aquelas relacionadas co bosque ou co xardín, así como a estar máis atenta ao desprazamento e á mobilidade.

Mentres a peza anterior atendía a unha forma moito máis recoñecida, como é a orografía e os relevos dun territorio concreto, en Un bosque, un jardín (A. P./L. I.) (2023) a paisaxe percíbese desde unha memoria íntima e un simbolismo moito máis depurado. Aquí está moi presente o xesto, a pegada do corpo na materia. Comentaches que nela intervén a práctica performativa. Que nivel de implicación ten o teu corpo neste traballo?

O desexo de conxelar un movemento levoume a traballar con cerámica, escaiola, plástico e plastilina, porque son materiais directos e maleables. As formas son orgánicas, creadas co corpo a base de repetir un xesto moi simple, polo que a natureza performativa era algo necesario no proceso. Tamén me gustaba a idea de experimentar co debuxo na escultura, así como o modo en que a luz interactúa e disolve os contornos.

Optas polo minimalismo visual para achegarnos a unha experiencia táctil, cunha serie de elementos moi connotados. Dirías que hai un proceso de experimentación e de descarte de materiais ou traballas desde o inicio cunha idea clara?

A miña maneira de achegarme á práctica artística foi cambiando co tempo. Por exemplo, desde I wish you’d rub your quills against me (2020) ata s/t (atravesar el jardín) (2023), apenas pasaron catro anos; pero son uns anos nos que tiven a oportunidade de experimentar diferentes situacións académicas, artísticas e persoais que influíron nos meus modos de facer. Se antes había unha tendencia a controlar os resultados subordinándoos a unha forma, actualmente permítome máis liberdade no proceso. Hai moito máis gozo niso.

Para rematar, cóntanos en que punto se atopa actualmente o teu traballo (artístico e investigador) e como consegues equilibrar ambas as tarefas.

Agora mesmo estou a traballar nalgunhas pezas que se van expor entre 2024 e 2025 e que, en parte, continúan na liña do xardín. En canto ao traballo investigador, decidín –na medida do posible– focalizarme en todos aqueles aspectos prácticos das artistas que conforman o núcleo da tese, polo que me resulta moito máis sinxelo combinar ambos os aspectos.

Moitas grazas, Andrea!