Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A través dunha serie de pezas, que van máis aló da paisaxe para reflectir “sentimentos e sensacións”, sete artistas emerxentes desenvolven o seu “concepto de mar, un mar libre e subxectivo que busca romper cos convencionalismos”. Deste xeito presentan os estudantes da Facultade de Belas Artes Fabiola Quintela e Héctor Pousa Un mar de sensaciones, a exposición que ao longo deste mes de xaneiro pode visitarse no estudio A Balea, de Moaña, e que comisarían como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional. Foi a propia importancia que ten o mar para esta localidade a que serviu como punto de partida para unha mostra que definen como “unha homenaxe aos nosos océanos” e na que reúnen as pinturas, gravados e pezas cerámicas de sete artistas, boa parte delas estudantes da facultade. 

Ese é o caso de María R. Hervás, que presenta un lenzo que “polos seus trazos e vivas cores”, recorda desde a abstración “un fondo de corais mariños”, como salientan os comisarios dunha mostra na que a tamén estudante da facultade Jimena Rodríguez presenta unha impresión dixital que lembra a “calidade reflectante do mar” polas súas “texturas acuosas” e gama cromática. Combinando pintura e téxtil, a obra de Isis Huerga, “unha reflexión visual sobre recordos, persoas e lugares que xa non existen”, achega a mostra ás conexións dos o océanos coa da travesía, mentres que Lucía Riveiro percorre os lugares que habitaron os seus familiares a través dunha serie de gravados de paisaxes marítimas. A tamén comisaria da exposición Fabiola Quintela suma á exposición outro gravado, o dunha “paisaxe descoñecida que convídanos a mirar máis aló do evidente”, mentres que Lara Brañas conecta nos seus cadros auga e emocións e Paula Gil exhibe un conxunto de pezas cerámicas con motivos propios dos fondos mariños. 

Ler a nova completa no DUVI