Dúas ladeiras de mesma montaña é o título da exposición que desde este xoves pode visitarse na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e que reúne as creacións que os artistas Martín Llavaneras e Elena Jones idearon na cidade mexicana de Guadalajara, como beneficiarios da primeira convocatoria de residencias internacionais do Centro de Arte Fundación María José Jove. Coa directora deste centro, Susana González, como comisaria, esta exposición conecta as creacións de dous artistas vinculados non só pola experiencia da estadía en México, senón porque “comparten unha atención particular cara os procesos materiais, as transformacións da materia e os sistemas de relación que se xeran entre os corpos, os obxectos e a contorna”, segundo recolle o texto de presentación desta exposición.
A mostra que ata o 20 de febreiro poderá visitarse na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus propón nese senso dous achegamentos diferentes á “idea de fluxo” como “forma de organización e pensamento”. Dúas ladeiras da mesma montaña configura “unha topografía simbólica” na que as obras do catalán Martín Llavaneras e da egresada da UVigo Elena Jones “entrelázanse como dúas vertentes da mesma paisaxe”, dando forma a unha “reflexión sobre a materia como forza vital e sobre as relacións que a sosteñen e a transforman”.