Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Desde especialistas en historia da arte ou literatura, a expertos en manga e anime, o cómic e a animación xaponesas, pasando por académicas e académicos especializados en arquitectura, turismo ou política internacional. Un total de 72 investigadores e investigadoras participan desde este mércores en Pontevedra na XVI Congreso nacional e VII Congreso internacional da Asociación de Estudios Japoneses en España (AEJE), que se desenvolve por primeira vez en Galicia da man do grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes. Tres conferencias plenarias e 23 sesións de presentación de comunicacións integran o programa dun evento que pon o foco na importancia da cultura visual do país asiático en múltiples manifestacións artísticas, baixo o título de A imaxe do Xapón e o Xapón da imaxe. Coa Vicerreitoría do campus como sede central, o congreso vese complementado pola exposición Impresos, que presenta 25 xilografías dos séculos XVIII e XIX en diálogo coas creacións de sete artistas contemporáneos.

Como un “congreso puramente transdisciplinar” definiu este evento o investigador do grupo dx5 José Andrés Santiago, nun acto inaugural que contou coas intervencións da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto; da presidenta da AEJE, Pilar Cabañas, e da subdirectora da Fundación Japón Madrid, Kaho Nakano. “En cada edición, os organizadores imprimen un pouco o espírito do seu grupo de investigación no tema do congreso”, sinalou Santiago, director dun evento que se estenderá ata este venres e que combina a asistencia presencial coa virtual. Pór o foco na cultura visual do Xapón permitía, lembrou, conectar o congreso coa traxectoria do grupo dx5 no ámbito dos estudos sobre manga e anime, así como “animar á participación de novos investigadores” nestes eidos, mais tamén fomentar o “carácter transdisciplinar” deste foro, non só “pola cantidade de participantes de áreas moi diferentes”, senón tamén “polos cruces que se producen, que espertan ideas ou suxiren a posibilidade dunha colaboración”.

Ler a nova completa no DUVI