Un ano máis, dende a Facultade de Belas Artes de Pontevedra conmemoramos o día 8 de marzo con: “8 Mulleres para o 8M”. Este proxecto, que comezou no 2021, continúa a crecer co obxectivo de mapear as diversas propostas que as mulleres artistas achegan á nosa comunidade.
Nesta edición, tanto docentes da facultade como exalumnado e profesoras convidadas aportan as súas recomendacións connosco. Queremos construír unha narrativa colectiva que celebre a diversidade e a creatividade das mulleres artistas.
Cada obra recomendada é unha exploración tanto persoal como universal, desafiando estereotipos e expandindo a nosa apreciación da arte. Desde temas políticos e relixiosos ata cuestións de xénero e influencias culturais, a arte posúe a capacidade de presentar realidades moitas veces ignoradas ou silenciadas: abre as portas a pequenos descubrimentos e pode tornar extraordinario o que ata entón considerabamos trivial.
A artista e doutoranda na facultade Andrea Davila Rubio colabora nesta nova edición de “8 mulleres para o 8M” para falarnos de Rebecca Horn:
Rebecca Horn (1944-2024) foi unha artista alemá recoñecida polas súas performances, nas que fusionaba corpo, movemento e espazo a través de esculturas corporais que desafiaban tabús sociais e nocións tradicionais de xénero, ao tempo que exploraban unha dimensión onírica e sensorial.
En concreto, Andrea Davila interésase pola proposta Cockatoo Mask, sobre a que explica:
“Na performance filmada Cockatoo Mask (1973) e recollida na serie Performances II (1971-1973), unha muller leva unha máscara de plumas brancas que lle oculta o rostro, mentres outra a abre e introduce nela a súa cara, creando un espazo de intimidade compartida. Rebecca Horn describía este xesto como un illamento do exterior que reforzaba a conexión entre ambas. Inspirada na tradición surrealista, a máscara evoca o desexo erótico, desafía tabús sociais e subverte as nocións de xénero, mantendo unha sutil tensión entre tenrura e agresión”.
Seguiremos actualizando este arquivo nos vindeiros meses. Tamén podes seguir as nosas redes sociais para estar ao día das actualizacións!