Para pechar este percorrido de “8 mulleres para o 8M”, a exalumna e xestora cultural Sara Donoso preséntanos a Sandra Gamarra: artista peruana residente en España, cuxa obra afonda nas narrativas e nos mecanismos de transmisión da historia.
A través da pintura, a escultura e a instalación, constrúe un discurso crítico arredor do legado colonial e das estruturas que perpetúan e lexitiman a historia da arte.
Na serie “Querían brazos y llegamos personas”, Gamarra revisita a “pintura de castas” de José Joaquín Magón, poñendo o foco nos brazos das mulleres representadas e incorporando a frase que dá título á obra, tomada do colectivo Territorio Doméstico, formado por traballadoras do fogar. Esta expresión funciona como denuncia das dinámicas deshumanizadoras que, aínda hoxe, sofren moitas persoas que desenvolven traballos de coidado, especialmente mulleres racializadas. Deste xeito, Gamarra establece unha ponte entre o pasado colonial e o presente migrante, facendo visible a continuidade das violencias e os mecanismos de exclusión. A súa obra propón unha lectura crítica e poética que nos convida a repensar quen conta a historia, desde onde e para quen.