Continuando con “8 mulleres para o 8M”, o artista e profesor da facultade Javier Tudela sinala a obra de Cristina Lucas (Xaén, 1973), sobre a cal comenta:
“Cristina Lucas utiliza diferentes recursos: fotografía, vídeo, debuxo, animación, instalación… tamén emprega os textos e constrúe narracións cunha elaboración moi coidada nas que a ironía é un ingrediente importante. Sérvese de todo iso para sinalar criticamente os patróns que manteñen as estruturas de poder na nosa sociedade. A lectura que esta artista fai de relatos hexemónicos incuestionables desvelando as súas arestas paréceme un exemplo a ter en conta. Recordo como o seu traballo me fixo volver reler o libro Emilio, o De la educación de Jean Jacques Rousseau -un libro que segue considerándose un referente da pedagoxía- e descubrir a Sofía nunhas condicións de absoluta desigualdade con Emilio. Na exposición A ousadía do bufón/ Pequenas historias de Arte e Política, que comisariei en 2010 no Centro Torrente Ballester de Ferrol puiden contar con Habla un vídeo de Cristina Lucas de 2008″.
(O vídeo está rodado no palacio de Velázquez do parque do Retiro en Madrid.)
“Cristina Lucas entra nun gran espazo branco ao que chega a luz polos lucernarios do teito. No lugar, nun plano próximo ao espectador, espera unha réplica en escaiola de Moisés, a escultura de Miguel Anxo. A obra mide 2,35 m. Cristina Lucas leva un vestido de cor morada e na súa man dereita carga cunha maza de canteiro de mango longo. Con ambas as mans golpea as táboas da lei e a figura de Moisés, talvez a Miguel Anxo, talvez a un Deus demasiado patriarcal como para que sexa unha casualidade. Cóntase que cando Miguel Anxo terminou a escultura golpeoulle no xeonllo mentres lle dicía “Habla””.