Unha exposición reúne na Vicerreitoría as obras colectivas de 14 “non-artistas”

Non-artistas. Obradoiro para descubrir o teu lado creativo
Non-artistas. Obradoiro para descubrir o teu lado creativo

Cada peza sumou ás achegas de todos os participantes

Non-artistas. Obradoiro para descubrir o teu lado creativo era o título do taller que, na tarde do pasado martes, os estudantes da Facultade de Belas Artes Ailén Anahí Alcoba, Ada Amigo e Pedro Arranz levaron a cabo na sede da Vicerreitoría do campus e no que convidaron a 14 persoas a explorar a súa creatividade dando forma a serie de obras que, ao longo do obradoiro, ían sumando as achegas do resto de participantes. Os resultados desta iniciativa, que estes tres alumnos impulsaron como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, reúnense nas xornadas de hoxe e mañá na exposición Non-artistas que, coa colaboración da Vicerreitoría, pode visitarse na Casa das Campás.

“Pareceunos interesante que xente non vinculada coa educación artística, de diferentes idades e profesións, explorase un pouco o seu lado creativo e tiñamos a curiosidade de saber como serían esas obras”, salienta Amigo dunha iniciativa que, “inspirada un pouco na práctica do cadáver exquisito”, tomou a forma dun “obradoiro participativo”, no que todos e todas as participantes “deixasen a súa pegada en todas as obras”. Con esa idea, os estudantes achegaron aos e ás participantes unha serie de lenzos e materiais, así como unhas nocións introdutorias sobre creatividade, que lles “axudasen a empezar”, como apunta Amigo. A partir de aí, cada asistente dispuña de 20 minutos para comezar a súa obra, que logo ía pasando de mesa en mesa, tendo cada un dos participantes doutros dez minutos para sumar o que considerase á peza. Finalmente, cada creación retornaba ao seu autor inicial, “que dispuña de 15 minutos para facerlle os últimos retoques e poñerlle un título”.

Deste xeito, sinala Amigo, buscaban que “non se centrasen só na súa obra e na súa idea inicial, senón que tivesen que pensar tamén en como contribuír ás dos demais”, o que á súa vez derivou que en os diferentes traballos “tivesen unha grande evolución” desde a idea inicial ata a súa versión final. Os resultados deste proceso de traballo, na súa meirande parte obras pictóricas á que se suman dous proxectos “máis escultóricos”, poden verse na sala de exposicións da Vicerreitoría, nunha mostra na que as pezas resultantes do taller preséntanse coas súas fichas técnicas, “como se formasen parte dunha serie artística dentro dun museo”, co engadido de que “cada obra ten un gran número de autores”.