Un premio internacional de arte gráfica recoñece a obra dun investigador de Belas Artes inspirada en Kyoto

Detalle da obra gañadora. Foto: Deputación da Coruña

Un conxunto de pequenas pezas de papel washi xaponés, serigrafiadas a mano con tinta branca e nas que poden observarse diferentes fragmentos do plano da cidade xaponesa de Kyoto conforman A la deriva II, a obra que converte o investigador da Facultade de Belas Artes José Andrés Santiago no gañador do XIX Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica. Convocado pola Deputación da Coruña, trátase dun galardón cunha dotación económica de 6500 euros e a obra seleccionada formará parte dunha exposición na Fundación CIEC, en Betanzos.

Cunha “satisfacción enorme” recibía Santiago o fallo deste galardón, feito público este venres pola institución provincial, posto que, sinala, trátase “dun premio internacional moi competitivo, ao que se presentan artistas de moitos países”. O integrante do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research) lembra así mesmo que se trata dun certame “específico de arte gráfica”, coordinado por “unha institución de referencia” neste eido como a Fundación CIEC. De aí que vea ve neste galardón un recoñecemento tanto a súa traxectoria artística, “centrada en gran medida na gráfica contemporánea de campo expandido”, como ao labor investigador neste ámbito do grupo coordinado pola profesora Ana Soler.

Resultado do “deambular” por Kyoto

As orixes da peza gañadora remóntanse á estadía posdoutoral que Santiago realizou na Kyoto Seika University entre 2014 e 2016 e que lle permitiu, ademais de continuar co seu labor investigador no ámbito dos estudos de manga e anime, “deambular e descubrir o que era o enmallado urbano da cidade”. Esa experiencia “de vagar un pouco sen rumbo por diferentes localizacións” desta urbe viuse posteriormente reflectida na súa serie My Kyoto privado, da que forma parte a obra gañadora, da que o xurado destacou a súa “parte conceptual e complexa, combinada coa sutileza da imaxe e da cor, ao meso tempo que o autor fornécelle tridimensionalidade e mobilidade á peza, sen esquecer a poética e a perfecta execución”.

Conformada por un conxunto de papeis adhesivos que representan diferentes puntos da cidade a modo de plano, trátase dunha peza que busca tamén responder á idea de serie, na que se “agrupan ideas comúns” e coas que o artista afonda nesa idea de arte gráfica expandida. De feito, a “obra irmá” da gañadora, A la deriva, formou parte da exposición Simbiose, promovida polo grupo dx5 no marco das actividades do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira O múltiple que ocupa o espazo.