Trece artistas emerxentes reflexionan sobre a relación do ser humano co territorio nunha exposición itinerante

A sala 'O Abrigo' é a primeira parada desta mostra itinerante

Nos próximos meses exhibirase en A Coruña, Monçao e Donosti

Horizontes é o título da exposición que reúne na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, as creacións de trece artistas emerxentes e que nos próximos meses poderá verse tamén en A Coruña, Monçao e Donosti. Cos estudantes da facultade Noela Paz e Iñigo Barreiro como comisarios, esta mostra propón unha reflexión “sobre a relación entre o ser humano e o seu medio”, explican, na que, a través de gran variedade de técnicas, as e os artistas buscan “explorar as conexións entre as persoas e os espazos que habitan”. Nese senso, pintura, fotografía, vídeo, cerámica e ensamblaxe conviven nesta exposición, inaugurada na tarde deste luns e que poderá visitarse nesta sala ata o 23 de xaneiro.

Como “un espazo para cuestionar e reimaxinar, un limiar entre o individual e o colectivo” preséntase esta mostra colectiva, na que “a arte convértese nun catalizador de novas formas de pensar e sentir, fomentando unha relación máis profunda e consciente co mundo que nos rodea”. Faino a través das creacións de Ada Pérez, Ana Allegue, Ángel Raquidiam, Ángela Estévez, Carolina Ferro, Chary Docal, Chuvia Lago, Ismael Prieto, Luca Rodríguez, Manuel Balsas, Mónica Pérez, Pablo Martínez e Río Marbán, seleccionados nunha convocatoria aberta impulsada polos comisarios en redes sociais. Todas e todos eles, explican Paz e Barreiro, son estudantes e antigos alumnos e alumnas da facultade pontevedresa, coa excepción de Raquidiam, quen cursa esta titulación na Universidad de Castilla-La Mancha.

A súa exhibición en O Abrigo constitúe ademais a primeira parada desta exposición itinerante, que do 25 de xaneiro ao 15 de febreiro poderá verse na sala de exposicións Plataforma 14 do Fórum Metropolitano da Coruña. A continuación, a mostra viaxará á localidade portuguesa de Monçao, onde poderá visitarse entre o 22 de marzo e o 16 de maio na Galería de Arte CTJV, na que nestes días pode verse outra mostra xurdida da colaboración deste municipio coa facultade pontevedresa, Cabezas, do artista e investigador predoutoral Álex Fuertes. Finalmente en maio e xuño Horizontes poderá verse en Donosti, nunha das súas casas da cultura. “A intención inicial da exposición é a de mostrar diferentes perspectivas de como poder ser a relación do ser humano coa súa contorna. Por iso, parecíanos interesante movela a lugares diferentes, onde as pezas puideran verse con outros ollos”, salientan os seus comisarios.

Sexta exposición do curso en O Abrigo

Creada hai dous cursos como unha sala que puidese acoller diferentes iniciativas impulsadas polo alumnado, O Abrigo emprázase na antiga cafetaría da facultade, reconvertida nun espazo expositivo despois de que as convocatorias para a adxudicación deste servizo quedasen desertas. No presente curso, a coordinación e xestión da sala corre a cargo do colectivo artístico Lupercais, formado polas estudantes Lucía Leirós e Lucía Estévez, e desde outubro desenvolve unha programación expositiva continuada. De feito, Horizontes é a sexta mostra que acolle no presente curso un espazo no que ata a pasada semana podían verse as obras realizadas por unha quincena de estudantes nun obradoiro de Extensión Universitaria de reciclaxe de papel earxila e que en decembro acolleu tamén unha xornada dedicada á performance.