Teatro, saúde, arte e ciencia combínanse nos proxectos gañadores dos Premios Crea

A creación dunha obra teatral que permitise formar o público infantil na prevención do afogamento e na realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e unha instalación artística xurdida dunha investigación centrada na obtención de papeis e tintas a partir de plantas exóticas e invasoras. Estes son os dous proxectos recoñecidos cos IV Premios CREA-Creatividade e Innovación, cos que o proxecto de especialización Campus Crea busca distinguir investigacións, obras creativas ou proxectos innovadores de carácter interdisciplinar.

Impulsados co apoio da Deputación de Pontevedra, no marco das actividades da Semana da Creatividade, estes premios contaron cunha modalidade dirixida ao persoal docente e investigador e outra ao alumnado. Na primeira, o galardón, dotado con 1500 euros, foi para Desafógate, un proxecto coordinado polos investigadores Begoña Paz e Roberto Barcala, do grupo Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O galardón da segunda modalidade, dotado con 750 euros, foi para a instalación artística The in-between (o medio no medio), realizada por Antía Iglesias no marco da investigación que desenvolveu para a súa tese, no doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.

Unha obra que conecta arte e ciencia

Titulada en Belas Artes, os procesos artísticos e a enxeñaría química e forestal combináronse na investigación que Antía Iglesias desenvolveu no doutoramento do Campus Crea. Dirixida por Anne Heyvaert, da Facultade de Belas Artes, e Ángeles Cancela, da Escola de Enxeñaría Forestal, a tese que Iglesias defendía no mes de xullo presentaba os resultados dun traballo centrado na xeración de papeis e tintas a partir dos residuos de diferentes especies exóticas e invasoras presentes na ribeira do Umia. Alén dos materiais xerados, a súa investigación levouna tamén a explorar as potencialidades artísticas dos procesos e ferramentas científicas que foi empregando para a súa obtención. Foi así como naceron obras como The in-beetween (o medio no medio), “unha instalación modular de caixas de luz retroiluminadas, nas que se mostran imaxes de microscopía electrónica de barrido do mundo interior dos papeis que elaborei durante a miña tese”, explica. A peza permite, nese senso, observar “como interactúan a tinta e o papel para dar lugar a una imaxe gráfica”, como sinala a artista e investigadora, quen se amosa “encantada” de que se recoñeza o seu traballo “dentro do contexto creatividade interdisciplinar”. Non en van, trátase dunha instalación cun “certo carácter científico”, dadas as ferramentas empregadas, pero que conta tamén “cunha dimensión pedagóxica, que nos achega ao proceso de conformación dunha obra gráfica”, ademais da propia compoñente artística, “ao permitirnos especular sobre outros microcosmos afastados do que apreciamos a simple vista”.

The in-between formou parte o pasado mes de maio da exposición Simbiose, promovida polo grupo de investigación dx5 no Pazo da Cultura, no marco do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira O múltiple que ocupa o espazo. “Nunha versión reducida” puido verse posteriormente na mostra Un bosque de malas hierbas, na Fundación RAC, na que Iglesias amosaba algúns dos resultados da súa tese. Actualmente forma parte da mostraque protagoniza na Casa Galega da Cultura, en Vigo, unha artista e investigadora que a pasada semana iniciaba en Noya York unha estadía postdoutoral no Bioart Lab da School of Visual Arts, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright.

Levar ao escenario os protocolos de prevención do afogamento

Impulsado en 2023 ao abeiro do plan Corresponsables, Desafógate tiña como obxectivo formar os nenos e nenas nos riscos do medio acuático e ás súas familias en conceptos básicos de supervisión acuática e RCP. Para iso, o grupo Remoss optou por unha proposta pioneira, a creación dunha obra de teatro de monicreques, centrada no protocolo de prevención de afogamento. “Foi un traballo realmente interdisciplinar e unha experiencia enriquecedora para nós”, recoñece Paz, que destaca o “recoñecemento” que supón este premio para un proxecto que conectaba a área da saúde coas artes escénicas. Xunto a Paz e Barcala, a tamén integrante do grupo Remoss Cristina Varela e o profesor da Facultade de Comunicación Oswaldo García foron os responsables dunha iniciativa que implicou tamén á actriz e contadora Raquel Queizás, quen traballou conxuntamente co equipo na creación dun contido que debía “un relato atractivo”, que captase o interese do público, á vez que mantiña o seu carácter pedagóxico. “Tivemos que sintetizar o protocolo de primeiros auxilios e prevención de afogamento nunha información clara e concisa e, desde as artes plásticas e escénicas, tivemos que adaptar este procedemento a cada palabra, xesto e acción dos personaxes da obra”, engade Paz dunha proposta ideada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos.

O resultado foi unha “produción teatral única e orixinal”, que tiña como protagonista a monicreque Lis e da que se levaron a cabo doce representacións en diferentes municipios de Pontevedra e Ourense, ás que asistiron 450 persoas, 265 delas nenas e nenos. As funcións víronse complementadas cun breve taller sobre RCP e coa realización dun cuestionario ás persoas participantes, antes e despois da obra, co obxectivo de avaliar o potencial didáctico do proxecto. Os resultados deste estudo piloto, recollidos recentemente nun artigo publicado na revista científica Children, amosan como todos os nenos e nenas sabían identificar correctamente tras a obra tanto os significados das bandeiras amarela e verde como o teléfono de emerxencias 112, cuestións que previamente non coñecían no 14% e no 36% dos casos, respectivamente. Do mesmo xeito, os resultados tamén “melloraron substancialmente”, apunta Paz, nas “variables referidas a condutas de baño seguro”.

Ademais da obra, o proxecto abrangueu tamén a creación do conto ilustrado O rato con ás que aprendeu a nadar e a creación de tres pílulas audiovisuais que condensan a “información fundamental” do proxecto, dispoñibles na rede, ao igual que a obra ao completo.