Responsables institucionais e empresariais coñecen as creacións do alumnado de Belas Artes

O obxectivo de iniciativa era que entrasen en contacto co sector profesional

No marco da súa formación na materia Imaxe II, o alumnado do Grao en Belas Artes ten que desenvolver como proxecto final unha serie de obras que partan do traballo con diferentes técnicas gráficas. Co obxectivo de amosar as obras realizadas por preto de 80 alumnos e alumnas e de achegalos ao mundo profesional, a facultade acolleu este xoves unha visita de responsables institucionais e de empresas dos ámbitos da cultura e a publicidade, que puideron tanto observar as creacións do alumnado como intercambiar impresións cos seus autores e autoras. Promovido por Ana Seoane, unha das docentes desta materia de terceiro curso, o obxectivo deste encontro, explica, é que servise como “unha xornada de portas abertas, de carácter informal, que axuda a que o alumnado poida saír do recinto pechado e que o mundo profesional vexa o que fan”.

Xunto a docentes e profesorado, neste encontro participaron o alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo; os concelleiros de Cultura e Rural de Pontevedra, Demetrio Gómez e María Xosé Abilleira; e o concelleiro de Cultura de Caldas de Reis, Manuel Fariña, así como responsables de empresas como Kalandraka, Era Comunicación, Ovo Publicidade e Trisquelia e profesionais do sector cultural. Todos eles puideron os resultados finais duns proxectos que, partindo do traballo manual con técnicas gráficas, deron lugar a resultados dispares, como “proxectos editoriais, instalacións ou estampas”, explica Seoane.