Estudantes e egresados forman parte da exposición que reúne as obras seleccionadas polo xurado
Como “unha representación biográfica da miña infancia a través do debuxo, empregando imaxes que reflictan unha contraposición entre a beleza e o sinistro”, presenta Antía Vieiro, estudante da Facultade de Belas Artes, a obra pola resultou galardoada nos XII Premios Auditorio de Galicia para Novos/as Artistas. Un conxunto de tres debuxos, que forman parte dun traballo que, explica, “busca destruír a imaxe que teño desta etapa, a máis feliz da miña vida, para reinterpretala desde un punto de vista sinistro”, permitiron a esta graduada en Belas Artes e alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda alzarse co segundo premio nun certame que na noite deste mércores celebrou a súa entrega de premios.
“Recíboo como un impulso para seguir creando”, sinala Vieiro Fernández do premio, dotado con 3000 euros, que recibía nun acto presidido polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López. “Foi toda unha sorpresa”, engade a artista, para a que “xa era toda unha honra” formar parte da selección de 30 artistas que integran a exposición deste XII Premio Auditorio de Galicia. Xunto á súa obra, Unha infancia sinistra, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a Diego Vites, pola súa instalación Rosa, e o terceiro ao egresado da Facultade de Belas Artes Christian García Bello, por Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto).
Reconstruíndo a “etapa máis feliz”
Un artigo de Sigmund Freud, no que fala do termo unheimlich, “unha palabra que designa as situacións familiares que se volven inquietantes e sobrecolledoras” constitúe o punto de partida do proxecto polo que Vieiro foi premiada. Partindo de fotografías de álbums familiares, a artista “reconstrúe” nesta serie de debuxos a súa propia infancia, “unha etapa que sempre me marcou moitísimo, tanto polo ambiente no que vivín, como polas cores, os xoguetes…”, recoñece. “Quería falar un pouco sobre esa idea dos recordos ledos, que pensando con máis profundidade e coa perspectiva que teño eu hoxe, non eran tan ledos”, engade a artista, que presenta nos diferentes debuxos escenas, que “aparentan ser alegres, con nenos e xoguetes coloridos”, mais nas que tamén se observan “expresións estrañas e grotescas”. Deste xeito, a Vieiro busca promover unha reflexión sobre como “a nosa memoria retén o alegre e suprime o negativo”.
As obras premiadas formaron parte así mesmo do conxunto de debuxos que integraban o seu traballo de fin de grao e insírense á súa vez nun proxecto que desenvolveu ao longo do curso pasado e que deu lugar tamén a pinturas e esculturas centradas nesa “reconstrución” da infancia, liña que Vieiro continúa explorando na actualidade, “máis enfocada ao mundo do téxtil e os estampados”, como alumna do mestrado de Esemga. “Agora que atopei un enfoque para recoñecerme artisticamente, a miña idea é seguir con esta temática e esta liña de debuxo”, salienta Vieiro, que quixo agradecer o apoio que nesta liña de traballo lle prestaron tanto a docente da facultade Almudena Fernández Fariña, como a que fora a súa profesora de debuxo artístico no instituto, Renata Otero.
Novas e novos artistas formados na Facultade de Belas Artes
De carácter bienal, este Premio Auditorio de Galicia preséntase “como un galardón clave na produción de arte contemporánea no noso país”, tras dúas décadas de traxectoria “recoñecendo e apoiando o talento dos e as artistas galegos de ata 40 anos”. De entre os diferentes traballos presentados, o xurado seleccionou 30, 18 de mulleres e 12 de homes, para a exposición que ata finais de xaneiro se exhibirá no auditorio compostelán. Unha mostra que dá conta á súa vez do papel que a Facultade de Belas Artes xoga na formación de novos creadores e creadoras, posto que máis dunha vintena dos seleccionados pasaron polas súas aulas. Así, xunto ás obras premiadas, forman parte desta mostra as creacións das estudantes de doutoramento Macarena Montesinos, Mar Ramón Soriano e Andrea Torres e a peza que a alumna do grao en Belas Artes Raquel Álvarez levou a cabo xunto co graduado en Comunicación Audiovisual Pablo Aguilar. Do mesmo xeito, na exposición están presentes tamén as creacións dos doutores en Belas Artes Thomas Apostolou e Joan Morera, xunto coas dos egresados e egresadas Eva Antelo, Teresa Búa, Ana María Cabanes, David Catá, Julio Catalán, Le Charli, Christian Randolfe, María Gar, Alejandra Pardo, Lara Pintos, Sara Piñeiro, Carlota Salgado e Verónica Vicente.