A mostra reúne obras desenvolvidas como traballos de fin de grao
“Unha selección de proxectos artísticos resultado dun longo e intenso proceso de investigación e creación”, que reflicten “os intereses e inquedanzadas de toda unha promoción” de graduados e graduadas en Belas Artes. Deste xeito preséntase Do final e do comezo, a exposición que desde este venres reúne no Pazo da Cultura os proxectos artísticos desenvolvidos por 28 novos titulados e tituladas desta facultade no marco dos seus traballos de fin de grao (TFG). Promovida polo Concello e a facultade, a exposición comisariada por María Gar e coordinada por Vaciocero Servicios Culturales poderá visitarse ata o 12 de xaneiro e verase complementada por visitas guiadas e talleres.
Pinturas, esculturas, pezas cerámicas, creacións audiovisuais, debuxos, fotografías, instalacións, videoxogos e pezas inmersivas conforman esta nova edición dunha mostra que cada ano reúne no Pazo da Cultura unha selección dos TFG defendidos o pasado curso na facultade. Trátase, como lembran as coordinadoras da exposición, de obras que representan “o broche final dunha etapa de aprendizaxes, experimentación e transformacións, para dar paso a novos camiños”, que son á súa vez “múltiples, diversos e en constante movemento”.
Ademais de amosar a “diversidade de formatos, técnicas e procesos creativos” coas que o alumnado traballou ao longo da súa etapa formativa, Do final e do comezo permite tamén, como destacan as súas coordinadoras, proxectar “o fascinante universo” que estes graduados e graduadas plasman nun conxunto de propostas que permiten “falar da identidade persoal e colectiva, da conexión co territorio nunha sociedade en deterioro” ou da “procura do senso creador”. Nas diferentes obras fanse tamén presentes as reflexións sobre a memoria familiar, a memoria histórica ou o consumismo das sociedades temáticas, un conxunto de temáticas que “conforman o fío condutor dunha mostra sempre honesta, sempre reflexiva e transformadora”.
A “festa” dos novos graduados e graduadas
Do final e do comezo 2024 inaugurouse este venres, ás 19.00 horas, coa participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e a artista e docente Basilisa Fiestras, en representación do equipo coordinador. “A exposición é como unha gran festa de fin de carreira para cada promoción, no senso máis acaído para Belas Artes”, destaca Buxán, que incide no positivo de que os novos egresados e egresadas poidan pór fin á súa etapa na facultade “cunha mostra nun gran espazo”, que permite á cidadanía de Pontevedra coñecer “o gran proxecto persoal” que desenvolveron no grao, ademais de ver os seus traballos recollidos nun catálogo.
Seleccionados de entre todos os TFG defendidos o pasado curso, a exposición reúne os proxectos de Ainoa Simons, Anxo Rodríguez, Bruno Castro, Candela Eirea, Celia Vilariño, Cris Souto, Daniela García, Delia Vázquez, Esperanza Valentina, Gloria Liñares, Goa Vázquez, Iago Rodríguez, Irene Ávila, Iria González, Luca Carrero, Luisa Caperán, Manuel Balsas, María Tabernero, María Ángeles Vecino, Marta Suárez, Mencía G. Fana, Montserrat Gay, Nerea Santiago, PacoPez, Samuel Chacón, Taro, Victor Chamorro e Yas de Luaces.
Visitas guiadas e talleres
Aberta ao público ata o domingo 12 de xaneiro, xornada na que se clausurará cunha mesa de debate, a exposición contará con visitas guiadas para o público xeral e para grupos concertados. No primeiro caso, estas terán lugar nas tardes dos venres 20 e 27 de decembro e 10 de xaneiro, ás 18.30 horas, e nas mañás dos domingos 15, 22 e 29 de decembro, ás 12.00 horas. Estas visitas requiren de inscrición previa, ao igual que os talleres, dirixidos a maiores de 16 anos, que impartirán dúas das artistas participantes. Trátase de Goa Vázquez, que o 29 de decembro protagonizará un obradoiro de ecoprint, dirixido a afondar no estampado natural de teas mediante elementos orgánicos, e de Irene Ávila, que impartirá un taller de creación téxtil. Programada para o 9 de xaneiro e baixo o título de Garrapateiras, esta actividade centrarase no uso da técnica do ganchillo para experimentar a abstración e terá na memoria o seu fío condutor.