A mostra ” Amor, xénero e outras violencias” pode visitarse no Multiusos Mercado de Sabaris (Baiona) e reúne pezas de Mar Caldas, Andrea Costas e do proxecto ‘Sen Moldes’
Como un “conxunto de miradas e sentires arredor de diversos conceptos que histórica e culturalmente se presentan inamovibles, ou se cadra se nos inculca como deben ser”, presenta o Concello de Baiona Amor, xénero e outras violencias, unha exposición colectiva impulsada no marco dos actos conmemorativos do 25N. A mostra, que pode visitarse ao longo deste mes no Multiusos Mercado de Sabaris, reúne unha serie de pezas dirixidas a “reflexionar e rachar co aprendido”, no referido a “que é e como é o amor, como é unha muller, como é un home, que está ben e que está mal…”, e dela forman parte tanto as creacións das artistas e profesoras de Belas Artes Mar Caldas e Andrea Costas como unha selección de fotografías realizadas polo alumnado da facultade no marco do proxecto expositivo Sen Moldes.
Promovida pola Concellaría de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías, Amor, xénero e outras violencias foi inaugurada na noite do pasado venres polas artistas participantes, entre as que tamén se atopa a titulada en Belas Artes Elena Gómez Dahlgrem, xunto coa concelleira e tamén ex-alumna da facultade Yasmina Moreira. Esta exposición, como explica Caldas, constitúe “a primeira e única vez” que se exhiben fóra da Universidade algunhas das obras que integran Sen Moldes III. Comentarios fotográficos sobre o xénero, un proxecto coordinado por esta docente que propón ao alumnado reflexionar sobre a orde sexual imposta a través da fotografía. Promovida coa colaboración da Unidade de Igualdade, as 21 fotografías que integran esta mostra exhibíronse previamente nos tres campus da UVigo. Oito delas, Ser, de Abraham Alonso; En hilo rojo e Soy lo que reflejo, de Aldara Vázquez; Liturgia, de Antía Encisa; Censura, de Carlainsh; Me llaman Manuel, pero soy Gala, de Clo; Once you saw it you can´t unsee it, de Vilja Gunzelmann; e Gender de Rubén Mascato, forman parte agora desta exposición en Baiona.
Das violencias sutís ás normalizadas na historia da arte
A exposición presenta tamén pezas de Mar Caldas como Striptease literal, “un vídeo que interpela a mirada voieurística masculina”, dirixíndose en primeira persoa ao espectador; ou Curativo (La Entrega), unha obra que amosa “a imprecisa fronteira entre as relacións amorosas e as relacións de dominación”, a través dun negativo fotográfico que fai “aínda máis difícil discernir se o que vemos é un xesto de afecto ou de violencia”, explica a artista. Por último, Caldas tamén presenta unha obra realizada conxuntamente co egresado Nilo Arias, Grandes Historias del Arte, Grandes Historias de Amor, que revela “como desde a grande arte tense contribuído a normalizar a violencia contra as mulleres, en concreto a violación”, a través dunha “abundante iconografía” que os reúnen en dous bloques de postais, que permiten ler no seu canto a frase “non violarás”.
As “violencias sutís e case invisibles que nos levan a despezar o propio corpo” centran, por outra banda, a reflexión que Andrea Costas propón nas pezas Palabras de Amordolor, Non se mira e Inédito, un conxunto de obras fotográficas que, sinala, “investigan o malestar incorporado nas vivencias cotiás”, tratando de desvelar “estratéxicas tóxicas e tomar conciencia”.