Mulleres, traballo e memoria é o título da exposición que a artista e profesora da Facultade de Belas Artes inaugura na tarde deste venres no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e no que se reflicten os eixes temáticos dunha mostra na que os “elementos da memoria persoal e familiar da artista se entretecen coa memoria colectiva dun pasado histórico anda recente” e coa “reivindicación do traballo das mulleres e a denuncia da súa escasa consideración, pasada e presente”, como sinalan desde o CGAC. Presentada como “pioneira da paxe artística feminista en Galicia”, Caldas foi seleccionada para protagonizar unha nova mostra do programa dedicada a artistas galegos de media carreira da “principal institución dedicada á arte contemporánea de Galicia”, como sinala a docente, que destaca a oportunidade que supón poder “traballar profesionalmente” nun espazo como este museo de Santiago de Compostela.
Acompañada polo director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o director do CGAC, Santiago Olmo, e a comisaria da exposición, Montse Cea, Caldas presentaba na mañá deste venres unha exposición “centrada na memoria das mulleres e na memoria familiar vinculada á memoria democrática”, que poderá visitarse ata o 25 de maio. Como recoñece a profesora do Departamento de Pintura, para esta exposición “quixemos fuxir radicalmente da idea dunha retrospectiva”, de tal xeito que avogaron por unha “articulación temática” sustentada en creacións recentes, adaptacións de obras previas ou pezas creadas creados especificamente para esta mostra, como o proxecto Retrato de Familia, no que a artista e docente “reflexiona sobre a súa historia familiar para denunciar a violencia sufrida pola sociedade durante a Guerra Civil e a ditadura franquista”, sinalan desde o CGAC.
Memoria democrática e memoria familiar
O punto de partida de Retrato de familia é o filme 12 de maio de 1937, data na que foi fusilado o avó materno da artista, José Caldas, dirixente sindicalista da UGT e edil socialista en Vigo. A partir dunha obra presentada como un “exercicio de posmemoria”, Caldas dá forma a un conxunto de obras como unha colaxe de 17 metros, “conformada mediante a ensamblaxe de fotografías e documentos do tempo en que se produce o acontecemento que vertebra este peza”. Outra das propostas, 12 de maio, 86 cabodano, documenta fotograficamente a acción que esta artista levou a cabo na rúa onde vivía na súa familia no cabodano do asasinato do seu avó e onde a única fotografía familiar do seu avó e avoa converteuse no pano de fondo sobre o que se retrataron as e os descendentes da súa familia.
Resultado dun proceso de investigación, Caldas suma a este proxecto pezas como Sementes, que parten do álbum familiar e que conectan a memoria democrática co outro eixe central da exposición, a reivindicación dos traballos silenciados das mulleres. O proxecto detense nese senso “na memoria das persoas sobreviventes”, como súa avoa e súa nai, o que permítelle afondar “en cuestións da violencia sufrida e da represión, pero tamén en cuestións laborais, das dificultades para seguir adiante”. Nesa mesma liña, pezas como Os traballos de miña avoa e Os traballos de miña nai preséntanse como “un recoñecemento a todas aquelas mulleres pertencentes a familias represaliadas”, como recolle Cea no texto de presentación da mostra.
Mulleres e traballo
Na exposición preséntanse tamén un conxunto de traballos que poñen en valor os traballos, remunerados e non remunerados, que realizan as mulleres, “remarcando a súa importancia como alicerces fundamentais para a comunidade á que pertencen”, como recolle o texto de presentación da mostra. Ese é o caso dunha selección de imaxes pertencentes ás series fotográficas Facedoras de Bueu e Facedoras do Baixo Miño, nas que Caldas retrata mulleres traballadoras en composicións que recrean “obras mestras da pintura occidental e da vangarda histórica galega”, como explica Cea. Nesa mesma liña insírese tamén 100% contigo, os retratos de cen traballadoras do Rosal que presenta nesta mostra a través dunha videoinstalación.
A exposición verase complementada nos meses de marzo e abril polas xornadas Memoria: democrática, feminista, laboral, unha serie de encontros semanais que permitirán reflexionar sobre os eixes temáticos da exposición desde unha perspectiva feminista, coa participación de investigadoras e investigadores dos ámbitos da historia, o xornalismo, a economía, a arqueoloxía ou as artes. Así mesmo, Caldas impartirá en febreiro no CGAC o taller Fotografía familiar e memoria, que dará lugar á súa vez a unha intervención no antigo cemiterio do parque de Bonaval.