Deebo Barreiro é graduada en Belas Artes na Facultade de Pontevedra. Tamén conta co Mestrado de investigación e creación en arte contemporánea e o título de Fotografía de moda en Esdemga, ambos da Universidade de Vigo. No ano 2016, estudou na Escola de Fotografía Blank Paper de Madrid. En 2018, gañou a Bolsa Lens de Fotografía para cursar o mestrado MAPA da Escola Lens de Artes Visuais en Madrid.
Entre as súas exposicións individuais destacan ¿Te gusta el rosa o el azul? na sala Dispara da Estrada (2018), Ser un cuerpo e Estigia no Festival Nueva Cultura Joven de INJUVE en Mollina (Málaga) (2022), Hola k tal? en Fuck This Studio de Vigo (2021), Ocupar un corpo na sala Alterarte de Ourense (2021) e Hackear un cuerpo (2021), en liña en colaboración coa Galería Visión Ultravioleta. Tamén expuxo en institucións como A Casa das Artes (2016), na sala Apostrophe e na Galería Sargadelos de Vigo (2021), La Cárcel de Segovia (2019), Galería Nueva (2022), La Quinta del Sordo (2017), Le Mur Photo Gallery (2019), Factoría de Arte y Desarrollo de Madrid (2020/2021), LaFact Cultural de Terrassa (2022), Can Basté (2019) e Can Batlló (2022) de Barcelona, a Fundación Luis Seoane da Coruña (2020), o Museo de Pontevedra (2016) ou o Museo Ramón María Aller de Lalín (2015), entre outros. Foi o Primeiro Premio de Fotografía do V Concurso sobre Diversidad Sexual y de Género de AMLEGA (2022). Tamén foi seleccionada para as Residencias Artísticas de Boiro 2022 e para Descubrimientos PhotoEspaña 2021. Formou parte do espazo vigués Fuck This Studio en 2021. Posteriormente, co-creou El Local en 2023, un espazo independente para a fotografía en Madrid.
A túa traxectoria artística desprázase entre diversas miradas, atendendo tanto ao mundo da moda coma ao da fotografía e ás artes plásticas. Que relacións foron trazando estas disciplinas na túa etapa formativa?
Cando estudaba Belas Artes, sinaláronnos moito a importancia das influencias, tanto teóricas coma visuais. Isto fixo que a miña mirada estivese moito máis atenta non só ás referencias directas, senón tamén a outras máis achegadas ao noso imaxinario cotián, como pode ser o mundo da moda ou o consumo de imaxes nas redes sociais.
No caso das referencias de moda, vinculadas ao meu proxecto Tribus difusas, son persoas que constrúen a súa identidade e personalidade a través da súa roupa. Por iso, foi necesario apropiarse do recurso de moda Street style, que é unha maneira de look book urbano. Pero tampouco puiden ignorar que estas imaxes xa as facían August Sander, Virxilio Viéitez ou Miguel Trillo para retratar de forma frontal, case a nivel antropolóxico, os personaxes que se atopaban nas rúas. Neste caso, a fotografía antropolóxica e a moda teñen a mesma visualidade.
Ao longo do tempo, como se foi construíndo o teu enfoque na ruptura dos estereotipos de xénero? Ademais, que papel desempeñou a túa formación no desenvolvemento do teu discurso actual?
O meu enfoque cara á destrución dos estereotipos de xénero comezou cando mudei a Madrid en 2016. Ata ese momento, non tratara esa temática, pero houbo un antes e un despois a raíz dun comentario dunha persoa próxima que me dixo: «Pareces demasiado masculina, vou axudarche a que parezas unha muller de verdade». Nese momento, comecei a cuestionarme se eu era o erro, ou se era a sociedade a que tiña a mirada demasiado estereotipada. Comecei a ler libros sobre teoría de xénero e a visualizar a disidencia de forma cotiá. As imaxes resultantes son a revisión dos estereotipos de xénero, ás veces desde a crítica e outras apropiándome deles desde a ironía.
A miña formación tivo moito que ver nese momento. Entón estudaba na escola de fotografía madrileña Blank Paper, na cal iniciei o meu proxecto ¿Te gusta el rosa o el azul? en 2016. Foi moi necesario ter axuda e tutela á hora de transformar a teoría de xénero en imaxe. Tomar referencias de textos tan flutuantes e esquivos como a teoría queer proporcionábame unha base demasiado volátil. Por iso, foi imprescindible para a construción dos meus proxectos o estudo dos recursos visuais que pode dar a fotografía.
A fotografía é unha das túas principais ferramentas de diálogo. Que valores achega este medio fronte a outras linguaxes visuais?
A fotografía é a imaxe do contemporáneo. Construímonos a través delas, ata tal punto que apenas existe un recordo sen unha imaxe que o acompañe. Vemos miles de fotografías ao día, tanto a través da pantalla coma en lonas publicitarias, nas nosas casas ou na televisión. As redes sociais explotaron este recurso, convertendo as novas xeracións en xente que ten máis conciencia á hora de facer ou ler unha fotografía ca de ler ou escribir. Ata existen aplicacións que serven unicamente para conversar a través de instantáneas. A capacidade da imaxe nestes momentos é infinita, é a voz do poder e das marxes á vez, das persoas maiores e das máis novas, das grandes empresas e do recordo máis persoal.
A fotografía tamén ten outro poder; o da educación en segundo plano. A xente consome imaxes a unha velocidade de vertixe, moitas veces sen darse conta de que está a adestrar subconscientemente o que sente como «normal» ou como «aceptable». O imaxinario colectivo evoluciona a través do consumo de fotografías. Nas miñas imaxes utilizo activamente este feito para visibilizar eses corpos menos normativos aos que o imaxinario colectivo non tivo suficiente acceso coa finalidade dunha representación democrática.
O proxecto Ser un cuerpo, iniciado en 2018 e actualmente en proceso de desenvolvemento, trata a identidade de xénero para visibilizar os corpos disidentes, híbridos. Identidades que foxen dos patróns heteronormativos e que na túa obra alzan a voz, reivindícanse. Trátase dunha proposta que tomou forma en diferentes exposicións. Como evolucionou o proxecto, tanto dende a túa perspectiva como artista coma dende o punto de vista da crítica e o público en xeral?
Este proxecto está en proceso porque concibo que deberían ser 23 persoas as que formen parte. É un número simbólico, pola cantidade de parellas de xenes humanos. A través deste conxunto, formulo a construción dun canon cheo de diversidades corporais que se expresan de múltiples formas mediante microdiscursos expositivos.
Naceu en 2018 como un proxecto único, pero de súpeto atopeime con miles e miles de imaxes e un discurso inabarcable, polo que comezaron a aparecer os capítulos expositivos. A exposición é o contorno nativo dos capítulos, xa que sen ela o discurso quedaría orfo de forma. A fotografía convértese nun medio e o seu formato final é o que lle dá a pincelada conceptual. Digamos que, neste caso, a fotografía é un recurso queer: cambiante de forma segundo o discurso e esquivo polo carácter temporal do expositivo.
Desde o punto de vista da crítica, non son moi consciente do que se di. Pero, falando do público, gústame darlle un engado extra. Ás veces, isto conségueo impulsando a participación activa a través de diferentes estratexias. Outras veces, a secuenciación das imaxes físicas é abonda para propiciar unha reflexión.
Consideras que cambiou a súa lectura e recepción na actualidade?
Ao ser obras que non están dispoñibles todo o tempo para a súa visualización total, a recepción está reducida a un recordo parcial nas redes sociais e na miña web. Por outro lado, de expoñelas de novo, creo que dependendo dos discursos que estivesen enriba da mesa nese momento habería diferentes lecturas.
Cando comecei coa temática de xénero en 2016, sinto que falar diso estaba completamente normalizado. Eran conceptos que estaban de moda na fotografía, sempre se vían proxectos relacionados con isto nas escolas ou nas institucións… Actualmente están cambiando as cousas. O crecente discurso de odio desde a ultradereita desequilibrou o avance cara á normalización destas identidades, mentres que unha rama do feminismo trans-excluínte axita a viva voz que as mulleres trans non son mulleres. Nesta actualidade, as miñas imaxes lense como parte dun discurso completamente posicionado cara a unhas políticas trans-inclusivas. A nivel social comeza a sentirse medo de falar da disidencia, pero hoxe máis ca nunca é necesario seguir mostrando estas imaxes para normalizar outros corpos e outras realidades.
Continuando co impacto artístico e social das túas imaxes, de que maneira dirías que o sistema sociopolítico exerce o seu control sobre os corpos e desde que estratexias pode a arte combater os canos impostos?
Como diría Paul B. Preciado, a nosa presenza na sociedade baséase en acatar un réxime farmacopornográfico, dirixido por un capitalismo disciplinario que exerce continuos exemplos do que debemos aspirar a ser mediante técnicas de representación do corpo. Esta presión constante ditamina cales son as identidades válidas e cales non. A acumulación e reiteración destes estímulos concibe o que se chamaría coloquialmente como «o normal», e neste leito nacen o estereotipo e o canon.
Inevitablemente, este control exhaustivo cala desde os comentarios que escoitamos pola rúa ou nos medios de comunicación ata o máis profundo da nosa intimidade. Na soidade da habitación é onde concentramos todas estas imposicións, pero tamén é onde aparece o noso verdadeiro eu. Realmente aquí temos que vivir coas entrañas desta dicotomía. Por iso, paréceme o espazo máis idóneo para derrocar a imposición do que debemos aspirar a ser. E é a través da visibilización de persoas que decidiron escoitarse a si mesmas antes ca á sociedade. É desde a intimidade e a identidade onde atopamos a forza para combater os erros da estrutura social.
Na arte, coma en todos os sistemas, tamén existe este control, polo que a miña aposta é mostrar incansablemente a disidencia coa intención de que haxa unha representación equilibrada de todos os corpos, e mostralos dun xeito digno, e incluso enxalzado. Cando esta igualdade exista e a mirada social se acostume a estas realidades, o canon será moito máis amplo e acorde coa totalidade das diversidades: o diferente converterase nunha opción máis para ter en conta.
É interesante o modo no que fas confluír os recursos da fotografía de moda e publicitaria, habitualmente adheridas a un determinado canon estético, cun imaxinario no que se presentan corpos disidentes. Corpos non normativos que, baixo a túa mirada, rematan monumentalizados. Neste sentido, gustaríanos coñecer as influencias que xorden no teu traballo.
Creo que para crear imaxes é importante saír das referencias artísticas e prestar atención ao noso contorno máis cotián, sen esquecer que o contexto final é expositivo. A influencia máis forte para construír un traballo sobre o cuestionamento de corpos normativos é recorrer á fábrica máis potente de representación contemporánea do corpo: a pornografía. Á miña maneira de ver, non se poden obviar os métodos de desenvolvemento de narrativas e mecanismos de normativización tan poderosos que se manexan nos medios de comunicación masivos da sexualidade. Visualmente, tampouco podo obviar as maneiras de fragmentación do corpo empregadas para erradicar as zonas que non interesan ou a repetición das zonas que si son importantes. É mencionable tamén o comportamento, as poses, o espazo utilizado… O resultado é unha masiva representación do que é o canon e o estereotipo corporal da época.
Como contraposición, aludo á corrente do posporno para falar da visibilización dos outros corpos. Esta colectividade insurxente subverteu tanto a representación do corpo coma os límites mesmos da sexualidade e dos marcos expositivos e artísticos. Estou a falar de Post-Op, Quimera Rosa, María Llopis, Itziar Ziga, Diana J. Torres… Antes tamén estiveron grupos como LSD ou Cabello/Carceller, ou artistas como Pepe Espaliú, Annie Sprinkle, Shu Lea Cheang… No ámbito fotográfico, interésame a forma de retratar de Wolfgang Tillmans, Catherine Opie, Collier Schorr, Ethan James Green, Soraya Zaman, Emillie Hallard, José Luis Cuevas, Larry Sultan, Ren Hang…
Como se recollen estas influencias no contorno expositivo?
A nivel expositivo, utilizo formas directamente recollidas dos contornos conceptuais dos que falo. Por exemplo, en Padecer un cuerpo (2023), recorro ás radiografías médicas para falar dos síntomas visuais que aparecen nun corpo diagnosticado como enfermo. Tamén utilicei métodos de escaneamento corporais para criticar a forma de ler un corpo desde o punto de vista clínico, que sempre é fragmentado e obxectualizando a persoa. Durante este proceso tiven o acompañamento de edición de Maider Jiménez, que me axudou á hora de desenvolver a proposta expositiva e a secuenciación.
Ser un cuerpo foi ramificándose noutras propostas paralelas, onde se analizan as formas de interacción entre corpos. Penso en mostras como Hackear un cuerpo (exposición en liña realizada para Visión Ultravioleta en 2021) e Ocupar un corpo (2021) presentada na sala Alterarte do campus de Ourense, que hibrida o físico e o dixital. Ambas introducen conceptos como o papel da rede e as tecnoloxías na construción do xénero, e ambas implican a participación activa do público espectador. Fálame sobre as súas relacións e diverxencias.
Ambas foron exposicións construídas contra o reloxo. Para Ocupar un corpo, Vítor Nieves propuxo encher a sala Alterarte de Ourense cunha marxe de tres semanas, así que o tempo foi bastante xusto, pero aproveitámolo moi ben. A primeira semana dedicámonos intensamente a poñer todo enriba da mesa, e a pulir o concepto, a montaxe e o contido da exposición. A segunda foi para imprimir e encargar as teas, as madeiras e os materiais; e a terceira dedicámola á montaxe e á inauguración. No caso de Hackear un cuerpo, tiven unha reunión con Cristina García Moreno e propúxome facer unha exposición en liña para as datas do orgullo, e isto foi unhas tres semanas antes tamén. Aquí contei con Fran Barreiro para a construción da web, que a ía montando ao mesmo tempo que eu desenvolvía o mapa da exposición, os textos que aparecían nas pantallas e a visualización das imaxes.
Trátase de exposicións con percorridos bastante complexos, onde é moi complicado que se transiten da mesma maneira dúas veces. Con todo, en Ocupar un corpo aplícase unha metáfora do cruising, coa idea de perderse para atoparse. Durante este tránsito, habítanse constantemente espazos nos que nalgunhas ocasións hai imaxes xigantes, e noutras códigos QR que te levan á pantalla para ver imaxes facendo scroll (Instagram) ou slide (web), que seguen o percorrido natural das app como Tinder ou Grindr. Nalgún momento desta exposición hai un encontro cunha estrutura de madeira cun buraco no medio, seguindo a metáfora do glory hole. Detrás hai unha imaxe xigante dun dildo. As persoas que aparecen retratadas teñen identidades líquidas, pois son persoas de xénero fluído, trans en proceso de hormonación ou agardando operarse para sentirse máis acorde co seu xénero. Á súa vez, é unha apropiación dos espazos públicos sexuais convencionalmente atribuídos a homes cis homosexuais.
Con Hackear un cuerpo, o percorrido era moi semellante. A través da consecución de pantallas, o espectador convertíase activamente en explorador. O espectador atópase con varias imaxes e a decisión de sobre cal picar leva a unha pantalla distinta. De súpeto, aparece a notificación dun virus e entra na parte escura da exposición, a deep web. Aquí reluce a ética da desintegración mediante preguntas que aluden á descomposición do xénero, que neste caso se traduce en que as imaxes están cada vez máis rotas. Pouco a pouco imos adentrándonos nunha estrutura máis anárquica, ata que ao final aparece un manifesto en honor ás ciberfeministas dos anos noventa. As persoas representadas nesta exposición son persoas binarias que utilizan a súa pluma para romper os estereotipos convencionalmente asignados ao home ou á muller.
En ambos os casos, hai unha esaxerada multiplicidade de imaxes, moi similares entre si, porque o xénero constrúese a través da reiteración. Tamén funciona como metáfora da cantidade de imaxes iguais que produce unha persoa ao longo do día. Cando alguén se fai un selfie non se fai un, senón trinta. Por que non utilizar entón esas trinta imaxes? A toma decisiva xa non existe debido á gran capacidade de produción que temos ao noso alcance, un concepto que se relacionaba co carrete. Agora, cos xigas e teras que temos para gardar as nosas instantáneas, o dispendio de toma de fotografías é irrisorio e, como consecuencia, ese instante decisivo diluíuse nun presente continuo.
Tamén empregas a linguaxe como canle para interpelar o público. Sucede nalgunhas das obras que comentamos e, de forma máis evidente, na proposta ¿Te gusta el rosa o el azul? (2017), onde formulas unha serie de preguntas que serven para explorar a nosa propia intimidade.
En ¿Te gusta el rosa o el azul? pódese entender como acompañamento social, pero no fondo é unha maneira de que o espectador teña o mesmo proceso introspectivo ca as persoas ás que está vendo na súa intimidade. Así, mentres as persoas retratadas van apoderándose e aceptándose na súa identidade para mostrarse publicamente, o espectador toma o papel de interpelado e termina pensando de forma máis íntima as súas respostas. É un: «agora tócache a ti». As preguntas tamén as uso en Hackear un cuerpo de xeito que, ata que o espectador non responda, non pode continuar vendo a exposición.
Tamén en Padecer un cuerpo (2023) é importante a linguaxe, pero integrada aquí dun modo moito máis íntimo. A imaxe acompáñase dunha testemuña na que se expón de forma directa a vulnerabilidade da persoa e os seus efectos sobre a saúde mental.
Si, en Padecer un cuerpo a tónica é bastante distinta. Estou mostrando imaxes dunha persoa que o sistema clínico sentencia como enferma, e neste sentido estou recolonizando fotograficamente un corpo que xa colonizou a medicina. Por iso, paréceme imprescindible que esta persoa teña unha vía de expresión directa da súa man e que fale por si mesma en primeira persoa.
Fálanos do proceso que se agocha tras as túas imaxes, as relacións que constrúes coas persoas retratadas e como se van tomando as decisións para compoñer cada retrato.
Á maioría das persoas que retrato non as coñezo de antemán. Nalgúns casos atópoas por redes sociais, outras veces fálanme delas outras persoas. Pero interésame, antes de propoñerlles facerlles fotos, ver como se autorretratan nas súas redes para ver a concepción que teñen delas mesmas. Unha vez contactadas, móstrolles en persoa as imaxes que fixen con anterioridade para o proxecto, como o expoño, o proceso que sigo e como será o trato nas sesións.
Como son persoas descoñecidas, é difícil xerar o nivel de intimidade que se percibe nas miñas imaxes tan rápido, así que nas sesións tento falar moito e, en xeral, son bastante distendidas, aínda que ás veces poden chegar a ser moi longas. Tamén son consciente de que estou indo ás súas habitacións reais para facerlles fotos con pouca roupa, polo que o meu papel como fotógrafa é ser o máis respectuosa posible. Sempre lles pregunto que partes do corpo lles apetece que se vexan e cales non lles interesan. Cada certo número de fotos, paramos e ensínolles as imaxes que vou sacando, que é o que me vai interesando, que é o que me gusta… Voulles preguntando como se ven e se se senten ben representadas. Para min é importante que se vaian expresando, que conten como se conciben con respecto ao seu xénero, e como se senten ese día con respecto ao seu corpo. O acto de retratar é mutuo; eu estou vendo cousas a nivel visual e externo, e estas persoas teñen que mostrarse tal e como son. Interésame que teñan o poder de comunicarse e de decidir activamente.
Por último, en que proxectos estás a traballar agora mesmo?
Agora mesmo estou a traballar nun libro que se chama + MEMORIA DIVERSA. É un encargo fotográfico da Deputación da Coruña, que me propuxeron Eva Mejuto e Belén G. Freijeiro. Trátase dun conxunto de entrevistas acompañado por retratos a distintas persoas vinculadas a Galicia que loitaron ou loitan polos dereitos LGTBQI+, e que está planificado que se publique en setembro deste ano.
No mundo do arte, cada vez interésame máis o lado da xestión cultural. Estou a empezar, pero pouco a pouco estou a coller as enerxías e as aprendizaxes necesarias para propoñer proxectos e desenvolvementos neste sentido. Interésame moito actuar dende a colectividade, e pensar desde os circuítos independentes á institución.
Moitas grazas Deebo!