Entrevista a Carla Souto

Carla Souto (A Coruña, 1994) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Durante este tempo, recibiu bolsas para estudar como Freemover na especialidade de Arte Multimedia na Universidade do Porto (Portugal) e Artes Visuais, Artes Escénicas e Moda no CEART-UDESC en Florianópolis (Brasil). Tamén cursou un mestrado en escultura na Universidade de Lisboa (Portugal). O seu traballo foi exposto na Galería Vilaseco (A Coruña), Sant Andreu Contemporani (Barcelona), Sala Amadís (Madrid), ART Mustang (Elche), Galeria Monumental (Lisboa), Pazo da Cultura de Pontevedra e Museu da Imagem e Som de Florianópolis (Brasil), entre outros espazos. Entre os seus premios, Carla conta coa VI Beca Puénting de profesionalización artística e INJUVE 2019 na modalidade de Produción. Tamén participou nas Residencias Artísticas da Bienal de Cerveira 2017 en Portugal e KH Messen de Noruega.

A súa práctica artística flúe entre formatos, medios e técnicas que van dende a pintura, a performance, a documentación fotográfica e videográfica, o téxtil, o bordado e o patrón. Investiga temas que implican o corpo, as cuestións xeopolíticas –o que hai por enriba e por debaixo da terra–, a materialidade e os procesos de creación.

Actualmente estás establecida en Madrid, pero tamén realizaches estancias en países como Portugal e Brasil. Cada lugar ten a súa propia memoria e narrativa. Como percibes o territorio galego en comparación cos outros lugares onde traballaches, e de que xeito inflúen estas experiencias na túa obra?

Grazas ao meu contacto con Portugal, puiden entender unha poética detrás de cada acto, acrecentando o significado de cada obra. En Brasil aprendín novas formas de relacionarse, o que me impulsaría a involucrar o meu corpo nas obras ou que o rexistro e a pegada do corpo estivesen presentes dalgún xeito en cada peza.

Vexo Galicia como un territorio en bruto e un gran potencial para expandir a miña mente. Ao residir fóra, podo ver e vivir Galicia sen a inquedanza de ter que estar atenta ao que acontece ao meu redor para crear novas obras. Teño o ollo e a mente relaxados, polo que aínda podo percibir máis cousas que se estivese centrada nun proxecto. Consigo sorprenderme aínda e é unha cousa que non quero perder.

Outros cruzamentos interesantes atopámolos na túa formación: artes visuais, escénicas e moda. Os teus proxectos hibridan moi ben estas disciplinas. Cóntanos cando comezas a entendelas dun modo máis integral.

Sempre fun unha persoa moi inqueda. Teño un fervor nas mans e na cabeza que me fan estar moi activa e querer aprender novas técnicas. Agora mesmo temos a sorte de ter acceso a moita información e formación e deberiamos aproveitala.

Non me sinto moi identificada cando alguén se refire a min como unha certa profesión como «escultora» ou «deseñadora». Non quero ser encadrada dese xeito, porque a miña práctica é moi extensa e o mellor xeito de demostralo é que esas disciplinas flúan e crezan en conxunto. Non quero poñer límites á creatividade.

A túa obra explora temas como a identidade, o corpo e a memoria. De que xeito se vencellan estas cuestións e cal é o enfoque que che interesa?

Son temas que me interesan persoalmente moito, aínda que, sinceramente, e como fan todos os artistas, creo que era máis un tema egoísta, de coñecerme a min mesma. Agora interésame outro tipo de traballo, tamén egoísta, no que gozo de facer e espero que o espectador goce de ver.

Destaca, así mesmo, o teu interese pola observación e pola comprensión da paisaxe en relación cos modos de habitalo. Pezas como Conquistar montañas e Alcanzar montañas (ejercicios de posesión) establecen diversas reflexións sobre as propias formas da montaña e a nosa relación con ela. Podes contarnos máis sobre estes traballos?

É moi curioso como comecei a formular estes proxectos que comentas. Estaba visitando unha amiga no sur de Galicia cando me sinalou unha montaña. Díxome que lle pertencía a unha soa persoa, relacionada co club de fútbol Celta de Vigo. Non entendín como alguén pode ser o propietario non só dunha extensión tan grande de terreo, senón dunha gran parte da paisaxe e como pode modificala ao seu parecer. Ás veces, as obras xorden de conversas do día a día e de escoitar realidades cos ollos ben abertos.

En A partir del suelo (2019) estudas os vínculos entre o corpo feminino e o espazo natural, nunha relación que parece ter algo de ritual, de danza e de mística.

Este foi o proxecto máis amplo e persoal no que traballei. Fíxome pensar moito sobre o que quero contar e cal debe ser a implicación da arte na sociedade. Foron performances con movementos sinxelos e poéticos que tiveron un grande impacto social no lugar onde as fixen.

Nunca pensei en que este proxecto, ou calquera outro no que traballase anteriormente, podería ter as connotacións que dis. Para min é un cumprimento porque sempre teño estas ideas no fondo da miña mente. Son os adxectivos que procuro nas investigacións que fago, as características que máis me mexen.

Antes falabamos da túa formación plural e da relación entre disciplinas. Actualmente contas coa túa propia liña de xoiaría, iniciada coa colección 001, que marcou un momento significativo na túa carreira. Cando decides dar o paso e crear Carla Souto Jewelery?

Cando a covid aconteceu, tiña moitas exposicións e charlas programadas para ese ano. Pensaba que estaba nun bo camiño. Foron case todas canceladas. Entendín que, nun momento de crise sociosanitaria como era aquel momento, as persoas non ían investir en cultura e tiña que buscar outra opción laboral. Xa tiña un background na moda e pensei que formarme en xoiaría sería unha boa opción para mesturar os dous mundos: a arte e a moda. Por iso digo que as miñas xoias son «esculturas vestibles».

Canto máis estudaba xoiaría, máis me gustaba. As xoias teñen a tridimensionalidade das esculturas, a modelaxe do xesto, unha dedicación manual e unha narrativa emocional. É innegable a conexión emocional coa persoa que as porta ou a historia que hai detrás de cada xoia. As xoias non poden existir sen a presenza do corpo humano porque perden o significado ou o contexto. Por todas estas razóns, estou apaixonada pola xoiaría.

Ademais, cada liña de xoias contén a súa narrativa. Por exemplo, colección 001 ten unha historia moi particular. Que te inspirou a centrarte na mística dos obxectos cotiáns e da natureza para esta colección?

As xoias teñen unha parte de amuleto e quería mesturar iso co segundo significado persoal que lles damos a algúns obxectos, sen esquecer a misticidade que trata Galicia.

Fálanos do resto das túas coleccións. Que se esconde en cada unha delas?

Na seguinte colección Beneath the Cypress, Facing up falaba do momento presente e o medo ao paso do tempo. Tamén sobre a necesidade do ser humano de gardar memorias. Eran pezas con formas orgánicas e naturais que ficaron con esa forma permanente debido ao metal: un instante suspendido en prata.

A última colección La Rosa en los Labios xurdiu a partir dun caderno con bosquexos de xoiaría dos anos trinta en Barcelona. Eses deseños pararon no ano 1936 debido á guerra civil española. Quixen recuperalos e reinterpretalos desde o presente.

Agora estou traballando nunha colección de aneis de alta xoiaría que se chama Love Can Take Many Forms. Fala de como o amor se pode construír de diferentes formas e mostrar dun xeito tridimensional, como son os aneis.

Tamén estás a levar toda esa produción ao espazo da arte. Por exemplo, na mostra La primavera silenciosa na Galería Vilaseco (2023-2024) algúns dos obxectos expostos eran esculturas para ser usadas, que poden transitar entre o corpo e a parede para tratar diferentes matices e significados.

Quería crear obxectos híbridos, que fosen difíciles de clasificar nun punto ou noutro. Son esculturas vestibles, tipoloxías de xoias pouco usuais, pezas que tamén funcionan na parede. Pódense usar e pódense gozar visualmente. Non só me importaba o significado e a beleza da peza, senón tamén que tivesen un uso máis alén da decoración dunha estancia.

Podes avanzarnos algo dos proxectos que estás a preparar?

Recentemente concedéronme o título de artesá de Artesanía de Galicia. É un pequeno logro na miña carreira na creación de xoiaría e a ruptura dun prexuízo na arte. Estamos acostumados a unha diferenciación entre artista e artesán e gústame poder englobar os dous mundos. O saber facer manual debe de ser expandido desde todas as perspectivas posibles.

Por outra parte, estou volvendo pintar. Na maior parte da miña vida, dende os 6 ata os 20 anos, a pintura foi o meu principal medio de expresión. Isto pouca xente o sabe porque non mostrei nunca ese tipo de traballo. Nos últimos dez anos tiven medo de coller un pincel e de mostrar os resultados ou non ter nada que expresar. Non sei cal será o futuro destas últimas e próximas pinturas pero, polo menos, estou gozando e quebrando o meu propio tabú.

Parabéns e moitas grazas, Carla!