Preto de 80 gravados, realizados coas técnicas da augaforte e augatinta e que teñen como eixe temático o erotismo reúnense desde este martes na sala de exposicións da Casa das Campás. Trátase dunha mostra que reúne unha escolma dos traballos realizados polo alumnado do Grao en Belas Artes no marco da materia Técnicas gráficas, que poderá visitarse ata o vindeiro martes 25 e que non é ademais a única exposición de creacións do alumnado da facultade estreada nas últimas horas. Na tarde deste luns, o espazo O Abrigo deste centro acollía a apertura da mostra (in)conexo, na que se presentan as creacións pictóricas de tres estudantes e un egresado da facultade, todas elas conectadas, explican, en torno ás ideas da “pintura como linguaxe” e a “exploración do espazo”.
Catro reflexións sobre como os cadros condicionan o espazo
Despois de que as convocatorias abertas no presente curso para a adxudicación da cafetaría da facultade quedasen desertas, desde o Decanato de Belas Artes acometeuse o acondicionamento do espazo que ocupaba este servizo co propósito de destinalo temporalmente á organización de exposicións e actividades por parte do alumnado. Naceu así O Abrigo, que este luns estreaba a súa quinta exposición, promovida polos estudantes Lidia Amado, Manuel Balsas e Raúl Ordóñez e o egresado da facultade Andrés Urbieta. Ata o 28 de abril poderá visitarse neste espazo (in)conexos, mostra na que buscan “xerar un diálogo a través da reunión das nosas obras”, xa que a pesar de que os seus traballos parten dunha “idea, un discurso e unha intención distintas”, conflúen todas elas en torno “á exploración do espazo”.
Como explica Balsas, a exposición nace do interese destes catro artistas por reflexionar sobre como a propia obra “condiciona un espazo”. Nese senso, pese a que todos articulan os seus discursos “a través da pintura”, as súas obras van máis aló da idea de cadro para valerse de obxectos non pictóricos, de soportes creados con material atopado ou da “exploración dos espazos pictóricos”. Nese senso, a mostra presenta catro achegamentos distintos á idea do espazo, desde o traballo con materiais atopados que Ordóñez realiza a partir do seu “imaxinario persoal e vivencias”, aos “espazos surrealistas e imaxinarios nos que habitan seres monstruosos e inconclusos” de Amado. A representación do propio espazo, “xogando co real e a mímese”, é a base das creacións de Urbieta, mentres que Balsas, explica, traballa “co espazo pictórico entendéndoo como unha realidade abstracta que se desenvolve en materiais da realidade palpable”.
Un espazo de proxección para o alumnado
Coordinado polo colectivo de estudantes Refugallo, O Abrigo acolle ao longo do curso unha serie de exposicións promovidas polos propio alumnado. De feito, ata o pasado venres puido verse unha mostra de bocexos e cadernos, na que participaron doce estudantes. Ao igual que nas tres mostras que impulsadas previamente por Refugallo, tratábase dunha mostra na que se propuña un eixe temático para logo dar cabida a todas as obras presentadas. Desta volta, tratábase dunha exposición de “cadernos de campo, bocexos bidimensionais e tridimensionais e intervencións nas paredes”, co propósito de afondar no propio “proceso creativo” do alumnado de Belas Artes. Non obstante, como destacan desde Refugallo, O Abrigo é un espazo aberto a que o estudantado promova tamén outra serie de actividades, como talleres ou coloquios. De feito, este grupo levou a cabo hai unhas semanas un taller de elaboración de selos con linóleo a través do gravado, que prevén realizar de novo no presente curso.
Preto de 80 gravados na Casa das Campás
Ata o vindeiro martes poderá visitarse na sede da Vicerreitoría unha mostra que reúne os gravados realizados por preto de 80 alumnos e alumnas da materia Técnicas gráficas, do segundo curso do grao. Como explica a estudante Xulia Arias, que se encargou de articular esta mostra xunto con Patricia Táboas e Iñigo Barreiro, a exposición ten como punto de partida os traballos realizados para unha materia impartida polo profesor Manuel Dimas, quen propuña ao alumnado realizar con diferentes técnicas unha serie de gravados que tiveran como motivo temático o erotismo. En torno a esta idea, a mostra reúne unha serie de gravados de pequenas dimensións, realizados con diferentes técnicas, que se presentan agrupados nunha serie de paneis. “Os dous últimos traballos da materia eran realizar un gravado en augaforte e outro en augatinta do mesmo debuxo, polo que escollemos o que para nós era o mellor, tanto técnica como visualmente”, explica Arias, que recoñece o “interesante” da proposta de Dimas de levar esta serie de pezas fóra das aulas, “xa que a organización de exposicións é un tema que sempre me interesou”.