O pasado mes de abril, o grupo de investigación ES2 da Facultade de Belas Artes e o Instituto Cervantes de Milán puxeron en marcha 10 Creadoras actuales. Lugar, cuerpo e identidad, unha iniciativa que, no contexto do estado de alarma, buscaba dar visibilidade a unha serie de artistas españolas cunha dilatada traxectoria, a través dos vídeos que semanalmente o instituto difunde a través da súa canle de Youtube. Na súa sexta entrega, estreada este sábado, a protagonista é a artista e catedrática de Escultura da Universidade de Vigo Yolanda Herranz, que afonda neste vídeo na súa proposta artística así como nos seus máis recentes proxectos e exposicións, como a mostra …No, aún no…, que a comezos de marzo presentaba no Marco de Vigo.
Licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e doutora con premio extraordinario pola de Salamanca, Herranz, natural de Barakaldo, é profesora da Facultade de Belas Artes desde 1991, ademais de co-directora do grupo ES2. A súa produción artística abrangue debuxo, fotografía, pintura, escultura, accións e instalacións, e nela destaca o uso da palabra como material artístico, o traballo coa “potencialidade poética da linguaxe” e a reflexión en torno á identidade. As súas creacións, que teñen no texto, o corpo e o xénero os seus “núcleos reflexivos esenciais”, formaron parte, como destaca o vídeo, de máis de 200 exposicións en 25 países.