Pode verse no espazo O Abrigo ata o 22 de decembro
Desde 2021, Belas Artes participa no proxecto Arte em Tránsito, unha iniciativa promovida pola Cámara Municipal e o Cine Teatro João Verde de Monção, na que estudantes desta facultade, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e da Escola Superior Artística do Porto (ESAP) crean conxuntamente obras inspiradas nas paisaxes e na tradición vitivinícola desta vila portuguesa. Trátase dun proxecto de pintura colaborativa no que os lenzos son intervidos en tres ocasións ao longo do curso polos diferentes participantes, en encontros que teñen lugar en adegas do municipio. Os resultados finais das dúas primeiras edicións do proxecto, oito cadros realizados por 30 estudantes, poden verse desde este xoves no espazo O Abrigo da facultade pontevedresa.
A mostra Arte em Trânsito 2021/2023 será inaugurada na tarde deste xoves polo vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, e polo comisario e responsable deste proxecto, Ricardo Campos. Nela pódense contemplar os catro cadros realizados na primeira edición do proxecto, no curso 2021-2022, na que participaron seis estudantes de IPVC e os alumnos e alumnas de Belas Artes Marina Aradas, Abraham Alonso, Sandra Gutiérrez, Lili Algo, Lola Medio e Raisa Paz. Nesta ocasión, cada un dos lenzos foi iniciado por unha das persoas participantes no primeiro encontro e logo intervido novamente en dúas ocasións por outro alumno ou alumna. Xa o pasado curso, o proxecto sumou tamén a ESAP e en cada un dos tres encontros os lenzos eran intervidos por todos os asistentes, entre os que se atopaban as e os estudantes de Belas Artes Lidia Amado, Nerea Gundín, Eva Iglesias, Elena Ibáñez, Lucía Anta e Martín Núñez.
De exposicións cambiantes a unha mostra itinerante
Nas diferentes edicións, cada intervención daba lugar a unha exposición no Museu do Alvarinho, na que podían verse uns cadros que posteriormente ían mudando nos sucesivos encontros. De feito, nestas semanas poden verse neste espazo os primeiros resultados da terceira edición de Arte em Tránsito, que arrancou a finais de setembro coa participación de seis alumnos e alumnas das tres institucións, entre eles, os alumnos da facultade pontevedresa Natalia Rodríguez e Sergio Martínez.
De xeito paralelo, as obras xa finalizadas iniciaron, como explica Campos, unha itinerancia polas tres entidades implicadas e, tras pasar polo IPVC, poderán verse en Belas Artes ata o 22 de decembro. Arte em Tránsito “é unha experiencia moi interesante, que permite o intercambio de ideas, ver diferentes formas de traballar e unha cousa que moitas veces na arte non é tan fácil, atopar un espazo de colaboración libre e espontáneo”, salienta Pérez-Jofre, que define os traballos resultantes como obras “moi potentes plasticamente”, marcadas pola “heteroxeneidade, a densidade e a saturación”.
Esta mostra súmase así mesmo á programación de activiades de O Abrigo, a antiga cafetaría da facultade, reconvertida nun espazo para a organización de exposicións ou talleres e que, baixo a coordinación do colectivo Refugallo, combina ao longo de curso un conxunto de mostras de traballos do alumnado con outro tipo de iniciativas.