Desde 2018, a Facultade de Belas Artes conta cunha multicopiadora Riso SF9350, que permite realizar múltiples tipos de publicacións de pequenas tiraxes, que se caracterizan ademais polo singular rexistro que as tintas deixan sobre o papel, que pode dar lugar a certas imperfeccións ou erros puntuais na uniformidade das impresións. As particularidades deste proceso inspiran de feito o nome, Error es bien, do “selo editorial” impulsado nesta facultade para promover a “autoedición” de proxectos de diferente índole facendo uso desta duplicadora, “un híbrido entre a serigrafía e unha fotocopiadora”, como sinalan os responsables da iniciativa. Impulsado polos profesores Nono Bandera e Marcos Covelo, co catedrático emérito Juan Fernando de Laiglesia como director, o proxecto articúlase en torno a tres liñas, a elaboración dunha revista anual, a edición de proxectos do alumnado seleccionados nunha convocatoria aberta e a colaboración con outras institucións e axentes do mundo da arte.
O proxecto, que recibiu o apoio da Xunta de Facultade, supón unha “aposta pola autoedición”, como sinala Covelo. Nese senso, o profesor asociado incide en que a copiadora Riso permite levar a cabo “desde publicacións máis sinxelas a outras máis ambiciosas”, a través “dun proceso moi creativo”, de tal xeito que poderían levarse a cabo pequenas tiraxes de catálogos de exposicións, follas de sala, documentos didácticos, obra seriada, rexistros de accións artísticas… “Desde o Decanato, consideramos que é unha liña ben interesante, un brazo máis de produción artística, neste caso de produción gráfica e editorial, que abre moitas posibilidades na facultade”, salienta o decano, Xosé Manuel Buxán, dunha proposta que contribuirá a difusión externa, dun xeito “moito más económico” que unha edición tradicional, de diferentes proxectos e iniciativas xurdidas no centro.