Tomando o seu título da serie de Goya, a nova exposición impulsada ao abeiro da colaboración entre Belas Artes e o Museo de Pontevedra ten no potencial expresivo da cor negra e da escuridade o seu fío condutor. Na mostra Pinturas negras, trece artistas formados na facultade ou que exercen como docentes neste centro presentan un conxunto de obras de diferentes xéneros e con “significados moi diversos”, mais conectadas todas elas por “un vínculo formal e visual”, como é “a presenza do negro, da escuridade”, destaca o vicedecano de Cultura da facultade, Ignacio Pérez-Jofre, comisario desta exposición xunto á xestora cultural e investigadora predoutoral Sandra MG.
Pinturas negras inaugurase este venres 21 ás 19.00 horas no Edificio Castelao do Museo, onde poderá visitarse ata 6 de abril, e este mércores foi presentada por Pérez-Jofre e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez. Como sinalou o comisario, esta mostra “enmárcase nunha serie de proxectos que vimos realizando en colaboración co Museo” e que permitiron levar a este espazo as obras dunha serie de “artistas vinculados á facultade”, ben como antigos alumnos e alumnas, ben como docentes. Desta volta, Pérez-Jofre e a tamén comisaria Sandra Muñiz buscaron que a exposición tivese unha idea central, que rematou sendo a presenza da cor negra na obra destes trece artistas, “Pensamos que había unha conexión cunha certa tradición da pintura española e galega dun certo tenebrismo, dun uso dramático e expresivo da escuridade”, sinalou Pérez-Jofre. Nese senso, a través do título de Pinturas negras, buscaron pór o foco en que “a arte contemporánea, a pesar de ter a súa propia linguaxe, tamén procede dunha longa historia coa que estamos conectados”, como sería neste caso o xeito en que pintores como Goya plasmaron plasticamente esas ideas do escuro ou o tenebroso.
Trece propostas que van máis aló da pintura
“Nesta exposición podemos ver formas moi diferentes de entender ese uso do negro”, recoñeceu Pérez-Jofre dunha exposición que, como recolle o seu texto de presentación, achégase a esta cor “como orixe ou final da pintura, como escuridade, como materia opaca, como noite, como cegueira, como abismo, como morte” ou como a propia “negación da cor”. Faino en boa medida a través das creacións de artistas formados na facultade, como é o caso de Alejandra Pardo, quen aborda a escuridade “desde unha perspectiva de xénero”, a través da representación duns “espazos urbanos nocturnos” que poden traducirse en lugares dunha potencial “situación de perigo ou ameaza para a muller”, apuntou Pérez-Jofre. A tamén egresada Mónica Cabo achega á mostra unha peza escultórica que formula o “paradoxo dun vehículo condenado á inmobilidade”, mentres que Erik Balbuena transforma un xeito caligráfico nunha pintura mural e Juan Rivas presenta unha serie de obras que amosan ríos fluíndo na escuridade. A cor negra define tamén a peza téxtil proposta por Julia Huete, mentres que Lúa Gándara emprégaa nos seus cadros como “negación, como unha forma de cancelar”.
Por outra banda, as pezas de Miguel Teixeira conectan a escuridade coa idea de “climas cargados, asfixiantes”, mentres que Sol Mussa presenta unha obra que pon en cuestión a exotización da figura da muller negra realizada a través da pornografía. Ás súas pezas súmase a composición sonora creada especificamente para esta exposición por Acacia Ojea, “que crea un fondo sonoro grave que potencia moito este tratamento da escuridade”, como destacou Pérez-Jofre.
Pinturas negras presenta así mesmo ás creacións de profesores como Fernando Casás, de quen pode contemplarse Ashée II, unha obra cedida polo CGAC, na que presenta de madeira carbonizada sobre un leito de carbón, co que propón unha reflexión sobre o medio ambiente e á destrución da “forza vital”, significado da verba en ioruba que lle dá título á peza. Do mesmo, esta exposición tamén permite coñecer os debuxos da tamén profesora Araceli Liste, as pezas escultóricas de Juan Loeck, quen emprega alcatrán recollido nas praias galegas na súa produción artística, así como achegarse ao papel que o borroso e o azaroso teñen na obra do egresado e docente Fruela Alonso.