Promovido polo Departamento de Pintura, a Facultade de Belas Artes acolleu nas xornadas de luns e martes un taller que buscaba promover unha reflexión sobre como o racismo e o colonialismo poden facerse patentes tamén a través da arte e a achegar as e os participantes unha serie de cuestións a evitar e procurar como artistas. Impartido polo artista mexicano Augusto Metztli, este obradoiro deu como resultado unha exposición de “ilustración antirracista e anticolonial” que presenta na sala O Abrigo tanto os resultados dos exercicios propostos como información das diferentes cuestións tratadas neste seminario.
Dirixido tanto ao alumnado da facultade como a tituladas e titulados, este taller buscaba, en primeiro termo, servir como un espazo de debate e de reflexión para “cuestionarnos o noso racismo, clasismo, machismo e colonialismo”, como sinala Metztli. Con ese obxectivo, o taller abrangueu tanto a análise dunha serie de “exemplos de racismos e colonialismos nas artes gráficas e na historia da arte recente”, como unha serie de exercicios, dirixidos a mirar “en primeira persoa as nosas maneiras de representar a realidade”, co obxectivo de que permitisen detectar e confrontar “o racismo, o machismo e o colonialismo que se enreda nos nosos debuxos, ilustracións e pinturas”, destaca este ilustrador mexicano residente en Galicia.
Cuestión a evitar e procurar
Partindo desa importancia outorgada á reflexión persoal e colectiva, Metztli achegou ás e os participantes unha serie de cuestións a “evitar e procurar” tanto no proceso creativo, como na obra final ou na súa explicación. Nun primeiro termo, puxo o foco na importancia de non realizar unha “apropiación de imaxes, costumes, cerimonias ou vestimenta”, pero tamén de non “exotizar” vidas ou culturas e non empregar nas obras “cotas de cor de pel sen sentido ou non argumentadas”. Así mesmo, este artista e ilustrador defendeu a importancia de evitar “estereotipos de cor de pel, situacións e colectivos, así como unha visión baseada no “eurocentrismo”. Fronte a estas ideas, subliñou a importancia de investigar e “verificar fontes”, da empatía e de “preguntar ás persoas implicadas”.
Exposición dos resultados
Coa idea de levar estas reflexións á práctica, Metztli propuxo as e os estudantes tres exercicios, que deron lugar ás ilustracións que poden visitarse nestes días en O Abrigo, sala coordinada polo colectivo artístico Lupercais. Un destes exercicios centrouse en realizar un autorretrato “cunha representación precisa do ton de pel”, mentres que outra das propostas era realizar unha “pintura primitiva e salvaxe, representando un animal, feita coas mans e cunha soa cor”. Finalmente, a terceira proposta de Metztli era realizar un exvoto, “unha pintura tradicional e popular” cunha grande aceptación en México, “sobre todo na clase obreira”, que se realiza co obxectivo de “agradecer unha milagre” a un santo, santa ou deidade.
A exposición que pode visitarse ata o 21 de febreiro recolle nese senso os traballos realizados para estes tres exercicios por Noela Paz, Iñigo Barreiro, Andrea Sermeno e Youssef El Mouhaddab.