A sala de exposicións do campus inicia un novo camiño seguindo os vieiros de Manuel Moldes

O espazo leva desde este venres o nome do artista e profesor de Belas Artes, falecido en 2017
O espazo leva desde este venres o nome do artista e profesor de Belas Artes, falecido en 2017

A súa serie ‘Vieiros’ e tres debuxos inéditos reúnense na mostra que poderá visitarse ata decembro

Manuel Moldes. Vieiros na memoria é o título da exposición coa que este venres iniciou unha nova etapa a sala de exposicións do campus, que desde esta xornada pasa a nomearse Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Co propósito de render homenaxe a este artista e docente, falecido en 2017, a Vicerreitoría e a Facultade de Belas Artes impulsaron a iniciativa de darlle o seu nome á antiga Sala X, que inaugurou esta nova etapa cunha exposición que reúne as obras que conforman a súa serie Vieiros, xunto con tres debuxos que Moldes realizou en 1977 e nunca expostas previamente. Comisariada por Sara Donoso, trátase dunha mostra que pon de relevo o interese do pintor “polo debuxo, polo grafismo, non só como disciplina autónoma, senón tamén aplicado á pintura” e protagonizada por unha serie que Moldes comezou a desenvolver pouco despois de iniciar a súa etapa como profesor na facultade.

Homenaxe a un artista, un docente e un pontevedrés

Como “unha homenaxe moi acaída á persoa, ao artista, ao profesor, ao compañeiro e tamén á súa familia, a Pontevedra e, desde logo, á Universidade”, definiu o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a inauguración desta sala Manuel Moldes, un acto que abriu o descubrimento, por parte da súa familia, da placa coa nova denominación do espazo na entrada da facultade. Reigosa destacou a figura de Moldes como un exemplo de “como se pode ser de Pontevedra e galego e ao mesmo tempo internacional”, mentres que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, incidiu en que máis aló de que o seu legado artístico “está por todas partes”, a súa figura deixou tamén un “legado intanxible”, que se plasma nunha homenaxe “que demostra que era unha persoa querida”.

En representación da súa familia, interveu a súa viúva, May Díaz Cacheda, quen agradeceu que desen o nome de Manuel Moldes a un espazo emprazado nunha facultade “na que Manolo pasou moitos anos dando clase e na que foi moi feliz”. “Esta homenaxe por parte da Universidade é algo que tiña que ser”, engadiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que destacou como Moldes “quixo e construíu Pontevedra desde a súa creatividade, desde a súa xenerosidade persoal e desde o cariño”. Como un “acto de cariño da Universidade” definiu precisamente esta homenaxe o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quen lembrou o pintor como “unha figura que forma parte da historia da arte galega contemporánea”. Neste aspecto incidiu tamén o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, que destacou a Moldes “como unha persoa moi próxima”, que representaba “o artista feliz por antonomasia”, á vez que puxo en valor “a conexión que tiña coa cidade e coa propia facultade”, na que deixou “unha herdanza de bonhomía e dun talante xeneroso nese amor á arte”.

O acto que abriu e pechou a actuación do grupo de gaitas e percusión da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus, nos xardíns de acceso á facultade, contou así mesmo coa participación do presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa, a concelleira de Cultura Carme Fouces, o deputado provincial Gregorio Agís, e a coordinadora da sala, Chelo Matesanz, así como docentes da facultade e representantes do tecido cultural da cidade.

Vieiros que reivindican o trazo

Resultado dun “diálogo continuo” coa familia do artista, a exposición desenvolvida coa colaboración da Fundación Manuel Moldes non buscaba reunir “as obras icónicas” do pintor, senón unha serie de pezas que, “ademais coinciden en datas coa súa entrada como profesor na Universidade”, como salientou Sara Donoso. A comisaria lembrou de feito a súa etapa como alumna de Moldes, “que sempre nos incitaba a aprender facendo, a experimentar, a aprender do erro, a debuxar e continuar debuxando…”, para incidir en que esta mostra buscaba tamén “reivindicar” o labor de Moldes como profesor de debuxo. Académico da Real Academia Galega de Belas Artes e un dos fundadores do colectivo Atlántica, Moldes iniciou en 1995 a súa etapa como profesor da facultade e dous anos despois realizou o primeiro dos seus Vieiros, un conxunto de obras que teñen precisamente o seu nexo de unión no debuxo, “como disciplina autónoma, pero tamén como bosquexo e como parte dun proceso preparatorio”.

Vieiros na memoria, explicou Sara Donoso, reúne unha serie de obras que “desenvolveu na súa maior parte entre finais dos anos 90 e principios da década do 2000”, e que agrupa “imaxes ao óleo sobre lenzo e cartolina con obras en papel milimetrado e debuxos realizados sobre follas de caderno”, nun diálogo “que reivindica a expresión artística máis aló do soporte o do seu formato”. O papel do debuxo, dos trazos e liñas como punto de partida para “dotar de vida ás ideas” cobran nese senso un papel central nestes conxunto de obras abstractas, de “espírito labiríntico” e que levan tamén “a pensar na natureza”, engadiu Donoso.

Na exposición que poderá visitarse ata o 15 de decembro, esta serie preséntase acompañada por tres debuxos de 1977, ata agora inéditos, “coa intención non tanto de trazar un paralelismo, senón de confirmar esa conexión continua entre a novidade e a revisión”, que definiu a traxectoria do pintor pontevedrés.