A artista internacional Karin Sander reflexiona sobre os seus procesos de traballo na Sala Manuel Moldes

Nun coloquio no que abordou tamén a evolución dunha mostra conformada por froitas e verduras

O MoMa e o museo Gugghenheim de Nova York, a Bienal de Arquitectura de Venecia, a Galería Estatal de Suttgart, o Palais de Tokyo de París, o Museo Nacional de Arte de Osaka ou a Fundación Joan Miró de Barcelona son algúns dos numerosos espazos museísticos que, ao longo das últimas tres décadas, exhibiron as creacións de Karin Sander (Bensberg, Alemaña, 1957). Formada na Academia de Belas Artes de Stuttgart e no Withney Museum of American Art de Nova York, esta artista alemá reflexionou este xoves sobre “os procesos artísticos e o desenvolvemento das ideas” que rematan dando lugar a unha obra na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Fíxoo nun coloquio co alumnado e profesorado da Facultade de Belas Artes que servía á súa vez para clausurar a exposición Kitchen Pieces, na que Sander propuña unha reflexión sobre a idea da representación na arte a través dun conxunto de 25 froitas e verduras que, en lugar de amosarse representadas en pezas pictóricas ou escultóricas, exhibíanse directamente, penduradas das paredes da sala.

A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o vicedecano de Cultura e coordinador da Sala Manuel Moldes, Ignacio Pérez-Jofre, acompañaron a Sander nun coloquio que permitiu tamén afondar na transformación da propia exposición, xa que, desde a súa inauguración en decembro, as pezas foron secando ou podrecendo. “É moi bonito pensar que o tempo é un gran escultor”, apuntou nese senso Pérez-Jofre, que destacou a importancia para a Sala Manuel Moldes de ter contado cun “traballo deste nivel”, definido ademais por esa “característica tan especial de ser unha obra cambiante”. Nesa mesma liña, Lantarón destacou a “relevancia” de poder contar coa presenza de Sander como “colofón a estes meses de exposición”.

Unha reflexión “sobre os elementos que configuran” unha obra

O traballo artístico de Sander, destacou Pérez-Jofre, baséase “nunha reflexión e, en certo modo, unha deconstrución dos elementos que configuran a obra de arte, sempre establecendo unha relación co seu contexto”, o que provoca que “moitas das súas series” teñan como punto de partida unha serie de “mecanismos” que logo fan posible que a obra se produza “dunha maneira automática, sen a intervención da artista”. Nese senso, Sander sinalaba neste coloquio que proxectos como este teñen un “longo proceso de desenvolvemento” previo á propia execución dunha instalación na que “as froitas represéntanse a si mesmas artisticamente”, e non son “interpretadas” por un artista.

Sander destacaba así mesmo o interese de poder “ver a evolución” do proxecto, que remite directamente a “certos procesos na vida”, posto que, desde a súa inauguración en decembro, as froitas e verduras “cambiaron” e na maioría dos casos “acabaron as súas vidas”, aínda que “nalgunhas está medrando algo novo”. Nese senso, esta instalación conectábase á súa vez coa reflexión sobre o paso do tempo presente na montaxe audiovisual que completaba a mostra, na que Sander contrapuña unha gravación de 1930 dunha nena xogando cunha pelota con outra de 2019, na que esa mesma persoa empregaba unha pelota para realizar exercicios de motricidade.

A substitución das pezas cando caen por outras novas, o deseño de cravos específicos para cada froita ou verdura ou que adquire exactamente un coleccionista ou institución desta serie foron outras das cuestións abordadas por Sander nesta conversa co estudantado. “O encontro coas novas xeracións de artistas sempre xera un diálogo creativo interesante”, salientaba nese senso esta artista, recoñecida ao longo da súa traxectoria con galardóns como o premio da Academia Alemá Villa Massimo de Roma, o Hans Thoma Prize ou o Great State Prize Baden-Württemberg ou o Premio Vila Romana de Florencia.

A instalación que desde decembro podía verse na sala de exposicións do campus forma parte dun proxecto que desde 2012 Sander desenvolve con diferentes formatos, que abranguen desde a exhibición dunha única froita a propostas conformadas por más dun centenar de pezas. De feito, Kitchen Pieces puido verse previamente en espazos como a i8 Gallery de Reykjavik, o Kunst Museum Winterthur, o Carolina Nitsch Contemporary Art de Nova York ou o Kunsthalle Tübingen.