Novena edición do Congreso internacional Fugas e Interferencias

Fugas e Interferencias desenvolverase entre o 31 de outubro e o 2 de novembro

A reflexión teórica sobre a arte de acción reunirá en Pontevedra e Santiago especialistas dunha decena de universidades

Desenvolverase na Casa das Campás e no CGAC entre o 31 de outubro e o 2 de novembro

A propia natureza da performance como unha arte ligada un momento e un público concreto, que non deixa unha obra de carácter permanente, fai tamén que a investigación sobre esta disciplina poida xogar un papel clave no seu propio desenvolvemento. Coa idea de promover o estudo teórico desta disciplina, o grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos impulsaba hai preto dunha década Fugas e Interferencias, o único congreso académico centrado na performance de España. Coa participación de investigadores e investigadoras dunha decena de universidades de España, Portugal, Estados Unidos, Grecia e Reino Unido, a sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollerán entre o 31 de outubro e o 2 de novembro a novena edición deste congreso, que combinará a presentación de estudos con conferencias e performances.

Dirixido polos investigadores Carlos Tejo e Marta Pol, a IX International Performance Art Conference Fugas e Interferencias reunirá en Pontevedra e Santiago de Compostela investigadores, docentes, artistas, comisarios e xestores culturais, nun foro no que o número de participantes, “lonxe de decrecer, aumenta ou se mantén”, sinala Tejo. Xunto a representantes de seis universidades españolas, nesta edición participarán tamén investigadoras e investigadores das universidades de Nova York, Surrey e Ioánina e do Instituto Politécnico de Cávado e Ave de Barcelos. Nese senso, Pol pon de relevo que “o carácter internacional do congreso está presente desde o principio”, á vez que incide no obxectivo a futuro de “aumentar a presenza estatal” e poder afondar na “incipiente investigación nesta práctica e investigación artística”.

Co obxectivo de seguir ampliando o corpus teórico sobre a arte de acción, o comité científico seleccionou as 17 comunicacións que se presentarán en seis mesas e que posteriormente se recollerán nunha publicación dixital. Esta articulación do congreso en mesas temáticas contribúe, como subliña Tejo, a afondar en “cuestións en común, que transitan arredor do xénero, da multidisciplinariedade da performance, da pedagoxía e dos territorios periféricos”, mais tamén acoller estudos que “abren os temas a outras cuestións de interese”. Nese senso, o profesor de Belas Artes salienta que as intervencións desta edición permitirán achegarse a contextos xeográficos concretos, como a performance en África, indagar “na influencia da intelixencia artificial” nesta arte ou explorar a relación “que pode chegar a establecer co circo ou coa institución museística”.

Dúas sedes, tres días de actividade

Na tarde do xoves 31, a Casa das Campás acollerá novamente o acto inaugural deste congreso, tras a que terá lugar a primeira mesa temática, centrada nas conexións da performance con outras disciplinas. Ao seu remate, a actividade trasladarase a Belas Artes, onde poderán verse as performances de Lista Corredoira e Leira Ramallo, estudantes da materia Proxectos de arte de acción.

Á xornada seguinte, o congreso trasladarase ao CGAC, onde unha conferencia da xestora cultural Caterina Varela permitirá facer balance das accións impulsadas desde 2017 en diferentes cidades galegas ao abeiro das Residencias Paraíso, que coordina o Colectivo RPM. “No noso esforzo por darlle un espazo ao contexto local”, sinala Tejo, este relatorio permitirá pór o foco na traxectoria dun dos poucos proxectos en Galicia “que apoian as artes vivas”. Así mesmo, o venres tamén terá lugar a performance A morte e o clima, do artista galego Matías Daporta, do que Tejo destaca un achegamento á arte de acción, “que se afasta dos trazos formais máis comúns para propoñer un proxecto máis híbrido e aberto”, e que neste caso presentará unha reflexión sobre os problemas ambientais, coa participación de Carmen Méndez e Alejandro Curiel.

Xa o sábado 2, o congreso acollerá unha conferencia do profesor da Universidad Complutense de Madrid Iñaki Estella, que, como lembra Pol, “desenvolveu diferentes estudos sobre a performance en España, atendendo especialmente ao seu particular contexto”. Ao longo destas dúas xornadas desenvolveranse tamén outras cinco mesas temáticas, que porán o foco tanto na interacción da arte de acción co contexto político, como na investigación teórica sobre performance ou sobre as publicacións centradas nesta disciplina. Esta última, lembra Pol, constitúe unha nova liña de análise que Fugas e Interferencias incorpora nesta edición. “Ao longo destas nove edicións, formulamos a necesidade de mostrar proxectos editoriais relacionados coa arte de acción”, subliña a investigadora e comisaria, que incide en que outro dos obxectivos deste eixe temático é por de relevo “como o libro de artista pode ser un bo soporte, non só para documentar, senón tamén para performar”.