Entrevista a Lois Búa

Lois Búa – Mourae (Muxia 1996) é artista, deseñadora de son, drag e dj. Os seus traballos parten da análise da tradición e do presente para crear ficcións que especulen co futuro. Estudou Belas Artes na Faculdade de Pontevedra e está a rematar o Mestrado de Arte Sonora da Universitat de Barcelona.

Gañou o premio Novos Valores 2018 da Deputación de Pontevedra, foi residente en Graner (Barcelona) a través dun dos Cruceiros Paraíso do Colectivo RPM e en Columbiello nas residencias artísticas organizadas por AcciónMad. Habitualmente o seu traballo desenvólvese mediante a colaboración con diferentes artistas como Diego Vites en Cabria para Normal (Normal, A Coruña, 2022), Iver Zapata en Ablandar (Ars Santa Monica, Barcelona, 2022) e Nelu Vermouth en A Cova do Rei Cintolo (MIHL, Lugo, 2021). Ademais formou parte do dúo performativo Sangra&Loro xunto a Sandra Varela Asorey participando en Fugas e Interferencias (2018 – 2019) e no festival Performance Crossing en Praga (2018). Ten participado en iniciativas rurais como o proxecto Muxía Hoxe e Pasadomañá (Muxía, 2020) en colaboración coa asociación xuvenil Comarea e na organización do Fada Fornida, Festival Queer de les Guilleries (2022-2023). Desde 2022 a súa práctica combina o desenvolvemento do traballo artístico propio coa creación de espazos sonoros para pezas de danza contemporánea como Nit da compañía Xenologia (Teatre Lliure, Barcelona, 2022), The Weak Side de Marina Fueyo (Mercat de les Flors, Barcelona, 2022) e Anöa de Elvi Balboa que se estreará no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) en 2024.

Fálanos da túa formación en Belas Artes e dos teus primeiros anos de traballo. Como nace o teu interese polo uso do corpo como ferramenta artística e a súa exploración discursiva?

Cando entrei en Belas Artes cheguei cunhas ideas un pouco conservadoras. Eu quería aprender arte desde un punto de vista clásico e máis técnico, pero pouco a pouco fun entrando nun terreo conceptual e experimental. Basicamente, porque comecei a ver outras metodoloxías, tanto des miñes compañeires como por parte do profesorado, e tamén por unha cuestión de relación coa obra xa que, desde que probei a facer a miña primeira performance, non conseguín vincularme da mesma maneira coa creación de obxectos. A presenza volveuse unha parte crucial da miña maneira de crear. Máis adiante tamén me din conta de que, na miña práctica, o tempo é unha das chaves e, por iso, ademais de traballar coa performance, realizo pezas sonoras e audiovisuais. Máis ala diso, e volvendo ao uso do corpo como ferramenta artística, foi en primeiro de carreira cando comecei a traballar e a reflexionar ao redor do xénero e da miña experiencia como persoa non binaria, entón o corpo e a miña aparencia tamén se volveron un campo de xogo co que experimentar.

No teu traballo non só conta a mensaxe senón tamén a posta en escena, na que entran en xogo elementos como o deseño de vestiario ou os complementos. É interesante o modo en que vas relacionando diferentes áreas ou linguaxes plásticas, gustaríame que compartises de que maneira se integran na obra.

Como dixen, experimentar coa aparencia foi unha ferramenta chave para o meu desenvolvemento identitario, entón volveuse tamén un campo de investigación. É por iso que, de fondo, nas miñas pezas sempre aparece esta reflexión sobre a construción da identidade mediante a caracterización e reprodución de referentes audiovisuais. Eu podo non saber que son, pero si que podo saber con que personaxes empatizo, ou a que xogaba a ser de pequena. Foi un pouco o que experimentamos en Tempostagem (2022), o obradoiro que impartín en Leira Haus (Lugo). O poder que ten crear unha personaxe a través da maquillaxe e da roupa posibilítanos afastarnos de nós mesmas e atravesar barreiras que nos autoimpoñemos. Aínda así, tamén me dei conta de que para min as personaxes teñen esta centralidade na construcción da identidade, pero que outra xente pode identificarse con espazos ou situacións, o que me resulta moi interesante.

Alén diso, considero que, aínda que no meu traballo o experiencial e o performativo sexa o centro, como artista plástica non podo deixar de lado a creación de imaxes e de elementos estéticos. A combinación da corporeidade con outros elementos xera unha sorte de escenografías que en certa maneira tamén modifica o tempo e a nosa percepción sobre el. Neste aspecto inspíranme moito os traballos de Anne Inmhof, Dona Huanca, el Pelele ou Agnes Questionmark.

No ano 2022 estivestes no centro Graner de Barcelona, no Marco das Residencias Paraíso (Colectivo RPM), onde ampliaches o teu proxecto Mitologías NPC (Non Playable Character). Trátase dunha serie que vés desenvolvendo desde 2019. Cóntanos en que consiste e como foi evolucionando.

Este proxecto é unha serie de performances que seguen unha mesma metodoloxía. Primeiro pártese dunha lenda, normalmente con relación ao territorio no que se mostrará a performance, e de fragmentos da tradición oral (cantigas, estruturas rítmicas, etc). Desta lenda escóllese unha personaxe para utilizala como avatar e soporte da parte textual. Logo búscase un tema contemporáneo que poida ter relación coa historia, ou co que se poda facer un paralelismo, e comeza a construírse o texto, sempre desde unha perspectiva sonora e oral. Ademais, os textos son escritos desde unha temporalidade abstracta, o que me permite especular e crear diferentes posibilidades de futuro máis utópicas ou máis distópicas. En resumo, a miña idea con estas pezas é partir dos restos do pasado para recuperar, a través da fantasía e da ficción, a posibilidade de imaxinar futuros máis aló do que Mark Fisher chama Realismo Capitalista.

Este proxecto naceu con Xana (2019) dentro do marco das residencias AcciónMad coordinadas por Nieves Correa. Neste momento acababa de rematar a carreira e sentía a necesidade de retomar os mundos de fantasía que tiña deixado un pouco atrás na miña busca de traballar co real e afastarme da representación. A creación de personaxes posibilitoume afastarme de min mesma e permitiume volver a imaxinar. Logo viñeron Buserán (2019), dentro do marco de Muros do Nordés, unha xornada organizada por Lucía Alcaina, en nome da asociación xuvenil de Muxía Comarea que propoñía imaxinar futuros para a vila, e a Cova do Rei Cintolo (2021), peza na que colaborei con Nelu Vermouth dentro do ciclo Mexer realizado no Museo de Historia Interactivo de Lugo (MIHL) que curaba Solaina Galería.

Na residencia, Nelu e eu, estivemos construíndo o que será a segunda parte da Cova do Rei Cintolo, que ten dúas novas personaxes e cunha maior centralidade do movemento. Ademais hai unha mudanza de foco pois a obra orixinal trataba sobre a emigración forzada da xuventude e os dilemas que esta formula e, no medio do desenvolvemento da peza, mudeime a Barcelona mudando tamén con iso a miña situación a respecto do tema. A nosa idea é poder seguir desenvolvéndoa até presentala, pois xa temos os textos e grande parte do traballo sonoro. Aínda que como o temos formulado como un traballo máis ambicioso precisamos atopar financiamento e espazo (o eterno problema das artes).

Como comentas, durante a residencia tivestes a oportunidade de convivir con outras profesionais, ademais de contar co acompañamento de Nelu Vermouth (con quen colaboraches noutras ocasións). Aportou novas perspectivas ou impulsou a madurar o teu enfoque artístico?

A residencia, da cal agradezo infinitamente a oportunidade ao Colectivo RPM, foi unha experiencia moi interesante porque me serviu para repensar a miña maneira de traballar co corpo e tamén con procesos máis próximos á maneira de facer do mundo da danza e das artes vivas. Considero que no meu traballo en solitario utilizo o corpo como parte das instalacións, como un material máis. En cambio, cando traballaba con Sandra Varela Asorey, dentro do dúo Sangra&Loro, ou traballando con Nelu aparecen outras dinámicas de participación que me interesan pero ás que soa non consigo chegar. En xeral, penso que traballar colaborativamente ou, como o fago eu, con xente á que admiras, ten como virtude expandir o proceso artístico e sacar os nosos modos de pensar das cámaras de ego nas que tan facilmente caemos.

Outro exemplo foi a colaboración co proxecto Cabria para Normal, intervención de Diego Vites no espazo NORMAL da UDC (Universidade da Coruña, 2021). Establecer un diálogo coa peza doutro artista implica tamén comprender os seus procesos e inquedanzas. Como resultou a experiencia?

Pois traballar con Diego foi unha experiencia moi enriquecedora porque ten unha maneira de crear moi libre e, ao mesmo tempo, moi profunda. El explicoume o contexto da proposta e deume carta branca para facer unha activación da instalación. O resultado foi unha performance-colaxe sonora que facía unha viaxe desde Calatayud até Muxía reflexionando sobre que cousas queremos manter da tradición e cales queremos esquecer ou reconstruír para seguir avanzando.

Por certo, proximamente a súa Cabria vai estar exposta nas Galerias Municipais do Porto dentro da exposición Norte Silvestre e Agreste curada por Filipa Ramos e Juan Luis Toboso que reúne artistas galegos e do norte de Portugal e vou a volver a realizar a activación na inauguración o día 9 de decembro.

A túa liña de investigación contempla e analiza a tradición desde diferentes perspectivas, tendo en conta que a través dela perpetúanse determinados estereotipos ou canons. O mito, o ritual e a tradición constitúen unha parte importante do teu corpus creativo, revisados desde un punto de vista crítico. Pezas como Buserán ou Xana (2019) analizan o impacto do turismo e a especulación en localidades rurais, outra das problemáticas que están a afectar ao territorio. Como xorde o teu interese por explorar os mitos do territorio e de que maneira os empregas á hora de construír un discurso?

Os mitos, as noticias ou mesmo a Historia son narrativas que falan desde un punto de vista e cun sesgo concreto. Reflicten pensamentos, perspectivas e interpretacións do mundo. Estas narrativas utilizámolas para entender a nosa realidade e explicar a sociedade na que vivimos. Así que, ao partir destes razoamentos o que fago é especular sobre como entidades posthumanas ou mais-aló-do-humano experimentarían a nosa contemporaneidade. Como podemos imaxinar, estas ficción parten das miñas experiencias como persoa que existe e se relaciona cun territorio cunhas problemáticas específicas, entón proxéctoas nas personaxes que creo. Da mesma maneira que as miñas personaxes, as problemáticas sociais están inscritas no meu corpo.

Á hora de formalizar todas estas reflexións, a tecnoloxía introdúcese de maneira directa en moitos dos teus traballos. É o uso da tecnoloxía un elemento para actualizar os mitos? Ou, que analoxías encontras entre tecnoloxía e tradición?

A nosa imaxinación non pode desligarse do tecnolóxico e do mesmo modo tampouco pode facelo a nosa interpretación dos mitos. Moitos mitos antigos xa tiñan relación con diferentes tipos de tecnoloxías, por pór un exemplo: un elemento recorrente do mito da Moura é o peite e, aínda sendo moi antigo, o peite non deixa de ser un elemento tecnolóxico. Gústame subliñar o papel das tecnoloxías da comunicación e da información porque considero que fan explícito o meu traballo a redor do Cyborg seguindo a Donna Haraway, e porque tamén a nivel estético danlle ás miñas personaxes unha aparencia que as desliga deste pensamento que asocia o mitolóxico cos espazos naturais ou con realidades non antropocénicas. Se partimos da idea de que as fadas existen, non creemos que a elas tamén lles afectou a revolución industrial e a mudanza climática?

Tamén cabe engadir que o uso do teléfono móbil como elemento recorrente na miña obra parte da idea de que as interfaces de comunicación dilúen o suxeito transmisor das mensaxes, así como as súas intencións. Todos os avatares das miñas pezas que portan o teléfono non teñen por que ser quen creou a mensaxe, simplemente son quen a porta. Por tanto, incitan a unha sensación de desconfianza. Considero que pensar sobre as tecnoloxías é crucial para poder entender e contextualizar tanto o pasado como as posibilidades do futuro.

É interesante o modo en que empregas tradición e mitoloxía para facer unha lectura dende a actualidade, coma no caso de A Cova do Rei Cintolo (2021) onde recolles esta lenda para falar da emigración forzada da xente moza en Galicia.

Durante bastante tempo o tema da emigración forzada foi unha encrucillada para min porque desde moi nova me dixeron frases como: “tes que ir fóra e descubrir mundo”, “aquí non se valora o traballo artístico”, etc. E eu, que sou unha acuariana e encántame levar a contraria, tentei de diferentes maneiras continuar na Galiza. Por cousas da vida, tiven que marchar e actualmente resido en Barcelona polo que a reflexión sobre a emigración tócame de forma directa.

É por isto que, como desde o meu punto de vista a arte é a maneira que teño para reflexionar e por en común as miñas inquedanzas, o tema da emigración aparece na miña obra.

Que aspectos aporta a creación dende a periferia e que limitacións implica á hora de desenvolver unha práctica profesional?

A creación desde a periferia, xa sexa a nivel territorial como a nivel identitario, no referido a disidencia sexual e de xénero, ten como virtude permitir ver desde fóra moitos dos discursos normativos ou mainstream. Permite poder escapar da repetición de clixés aínda que esta tamén teña os seus propios recursos repetitivos. Desde o meu punto de vista hai que situar e asumir o punto desde onde se crea para poder xerar obras honestas.

Aínda así, desde un punto de vista profesional, se te afastas moito das cousas que funcionan dentro dos mercados do teu redor tamén te afastas das oportunidades de que o teu traballo se visibilice. Por exemplo, en Galiza a nivel cultural os proxectos que funcionan son limitados e moitas veces réxense por narrativas externas que actúan sobre o territorio. Por poñer un exemplo, está o mundo do cinema, onde a maioría dos produtos audiovisuais galegos que funcionan dentro dos circuítos tanto estatais como internacionais, aínda sendo periféricos, reflicten unha realidade que funciona coa norma imposta desde fóra. Unha lectura que recomendo sobre este tema é Um país a la gallega de Beatriz Busto Miramontes onde se analiza a representación da Galiza no NO-DO franquista e se reflexiona sobre como esta representación segue estando moi presente na actualidade. Por todo isto, considero que tanto os actores culturais como a xente nova temos tanto a oportunidade como a responsabilidade de imaxinar e crear circuítos onde funcionen outras cousas e onde se permitan os proxectos que de verdade funcionen de maneira periférica e tamén innovadora. Porque, aínda que moitas veces non teñamos todos os recursos, temos as ideas e o talento necesarios para poder autoxestionar unha escena artística interesante.

Fálanos do teu proxecto Mourae, que comezaches en 2019 e que actualmente ocupa unha parte importante da túa produción.

Mourae é o nome baixo o que conceptualizo os meus proxectos musicais. Parte da personaxe drag que criei para ser dj e coa que quería, por unha parte, volver a achegarme á fantasía e Á ficción e, por outro lado, achegarme á tradición galega desde un punto de vista musical. Neste momento xa non teño moi claro onde é que se divide a personaxe da miña persoa, mais interésame continuar a pensar en Mourae como marco de experimentación artística.

Por último, cóntanos que proxectos tes actualmente entre mans.

Actualmente estou a facer o meu traballo de final do Mestrado de Arte Sonora da Universitat de Barcelona. A miña idea é continuar a imaxinar futuros a partir de rexistros sonoros tanto da natureza como da voz. Tamén ando inmersa no mundo da produción de bandas sonoras para pezas de danza e, neste momento, estou a desenvolver con Elvi Balboa o son da súa peza Anöa que se estreará no teatro Rosalia de Castro da Coruña o 19 de abril do vindeiro ano.

Ademais, xunto a 3.lll.lll, estou a traballar en Abrassadassa, un proxecto colectivo de experimentación electroacústica que traballa desde a composición instantánea e a improvisación. Dentro deste proxecto estamos a realizar a banda sonora dunha peza de Pau Bueno que será exposta en La Capella de Barcelona.

Moitas grazas!