Teresa Búa estudou o Grao en Belas Artes entre a Universidade de Vigo, a Universidade de Kingston (Londres) e a Universitat Politècnica de València; realizou o Mestrado en creación e investigación de arte contemporánea na Universidade de Vigo; e é graduada en Deseño Téxtil pola Esdemga. Dende 2007 compaxinou a academia coa vida laboral nun estudo de fotografía, colaborador do xornal La Voz de Galicia.
Dende 2011 foi seleccionada e premiada en modalidades creativas como a fotografía, artes plásticas, gravado e deseño téxtil; así mesmo, participou en exposicións nacionais e internacionais. Realizou performances en eventos como Violencia Zero da Deputación de Pontevedra, Acción xm2 en La Juan Gallery en Madrid. Tamén foi seleccionada en residencias artísticas como o Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura ou as Residencias InSitu da Fundación DIDAC. En 2018 comeza a formar parte do proxecto Wom@rts, liderado polo Auditorio de Galicia e cofundado por Creative Europe Programme da Unión Europea, que tivo proxección por Europa ata 2021. Nos dous últimos anos formou parte da exposición Cultivar incertezas: reformular o espazo/conmocionar a mirada no CGAC (2021), da exposición Point couru au lieu de travers dentro do evento La Regional (Francia, Suíza, Alemaña, 2021/2022). Tamén foi bolseira das axudas Injuve para a creación xove e gañou o premio Novos Valores 2022.
Colabora activamente con diferentes artistas e creadores no ámbito nacional e internacional, como o galego Félix Férnandez, o colectivo Uh513 (María Castellanos e Alberto Valverde) e a deseñadora interactiva de coidados femininos Giulia Tomasello.
Contas cunha formación ampla e dispar onde conecta a creación artística contemporánea coa moda e o deseño téxtil. Primeiro rematas os estudos en Belas Artes para despois continuar en Esdemga, na Universidade de Vigo. Como foi a etapa formativa?
A realidade foi que comecei a traballar de adolescente no estudo fotográfico de meus pais, polo que a etapa formativa para min eran «vacacións» e o verdadeiro traballo era nos períodos de vacacións da universidade e do instituto. Adoro aprender, aínda que o que realmente me apaixonaba durante esa etapa era estar nos talleres da facultade creando obras e falando con outras persoas, creadoras e técnicas, que habitaban eses mesmos espazos. As estancias de estudo que realicei na Universidade de Kingston de Londres e na Universitat Politècnica de València foron un factor moi importante para tomar a decisión de seguir formándome na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, debido á accesibilidade e ás oportunidades que nos ofrecen os talleres, que son dunha gran calidade.
Cando e por que tomas a decisión de ampliar os estudos con Esdemga?
Foi o propio desenvolvemento artístico o que me guiou o camiño que seguir. Durante o grao traballei a maior parte do tempo co corpo espido. Cando realicei o Mestrado en arte contemporánea comecei a facer obras onde a vestimenta entraba en xogo, e para o traballo final creei o meu primeiro vestido para a performance Estética amor-al, onde me presentei en Muxía como presidenta da mesa das eleccións ao Parlamento Europeo. A raíz deste feito, a roupa entrou en xogo na miña produción artística e decidín inscribirme en Esdemga para aprender máis técnicas e formas de resolver problemas para futuras creacións. Tamén visibilizaba un futuro laboral no mundo da moda, xa que vía difícil poder pagarme os gastos vitais coa miña creación artística.
Defíneste como artista multidisciplinaria. A gráfica, a moda, a performance, a artesanía ou o medio audiovisual son algunhas das linguaxes que manexas. Como estableces o diálogo entre elas?
Despois de anos de produción artística teño un arquivo de material e un imaxinario persoal, recoñezo as técnicas nas que me sinto cómoda e descubrín o meu método de traballo. Unha vez chegado a este punto, a creación, a selección e a unión das técnicas e das temáticas flúe facilmente. Deste xeito, dependendo do que quero expresar, decido os ingredientes que coller, case como unha receita de cociña. Tamén habería outra forma de establecer o diálogo, que sería como unha ecuación matemática. Neste caso é un proxecto que precisa unha determinada execución técnica; aquí faría o camiño da receita á inversa.
Desenvolves proxectos que ordenas en catro bloques principais: Persoa Ola, Caderno vermello, Estudo xeolingüístico e Moda dixital&artesanía. Fálanos brevemente destas liñas abertas na túa actividade artística.
Persoa Ola é un proxecto híbrido de gráfica, moda e performance. Con el pretendo eliminar o binarismo de xénero e facer florecer un centenar de sexos a través das aparencias fluídas, creando manifestacións de corpos vestidos como actos de terrorismo estético.
Caderno Vermello é un diario íntimo, autocoñecemento e autonomía, pensar a través do corpo. Nel plasmo as experiencias de ter útero, ser cíclica e ser unha persoa potencialmente capaz de concibir, xestar e portar criaturas. A menstruación ten uns tempos diferentes aos do capitalismo patriarcal, o noso corpo desafía o paradigma produtivista da sociedade actual.
Estudo xeolingüístico é o grupo de traballos onde o galego é o punto de partida. Con eles pretendo xerar consciencia lingüística, repenso e ofrezo unha visión dende a arte contemporánea ao Atlas lingüístico galego e ao Arquivo do Galego Oral.
O último bloque, Moda dixital&artesanía é unha liña de investigación onde fusiono a tradición e a representación dixital. Inspírome e traballo o traxe rexional e a artesanía do encaixe de Camariñas. Actualmente apetéceme profundar máis nesta liña de investigación.
Todos estes bloques abranguen a cuestión da identidade. Poderiamos dicir que, partindo desta idea chave, abres varias vías de lectura? Trátase dun concepto esvaradío, complexo de definir, pois é unha suma de varios factores. Desde o campo das artes e do pensamento, destacarías algunha influencia á hora de profundar neste eido?
Hai unha gran cantidade de pensadoras que me axudan a visualizar en palabras e a reflexionar sobre as miñas creacións, pensamentos e sentimentos. Elas son Simone de Beauvoir, Kate Millett, Judith Butler, Beatriz Preciado, Virgine Despentes, Donna Haraway, Helen Hester, Christine Bard e quizais algunha máis que se me escape. No campo das artes hai tres artistas que sempre me inspiran e teñen unha forte carga referencial no meu traballo: Tracey Emin, Judy Chicago e Yayoi Kusama. Tamén teño referentes máis próximos de amigas creadoras que sempre son inspiración como María Castellanos, Mar Ramón Soriano, Julia Huete e, por suposto, o meu irmán Lois Búa.
Unha das túas liñas de investigación é a moda, algo que, directa ou indirectamente, nos interpela como persoas consumidoras. A vestimenta é unha primeira aproximación visual do que podemos atopar nunha persoa, pero tamén nunha manifestación artística como a performance. Neste sentido, as túas pezas adoitan estar moi coidadas esteticamente.
Como ben dis, a vestimenta é a primeira aproximación visual dunha persoa. Esta idea foi a primeira premisa coa que me acheguei á roupa dende o campo artístico. Por este motivo utilizo a saia e os vestidos para crear identidades e xéneros fluídos nas miñas performances. A vestimenta permítenos crear roles e representacións utópicas do ser vestido. De feito, creo firmemente que neste século estamos a crear a historia política da saia. É curiosa a idea de que isto sucede porque o home se apropia da saia e nacen novas masculinidades a partir deste feito. Este momento histórico é paralelo ao que as mulleres fixeron a comezos do século anterior ao apropiarse do pantalón.
Tamén está moi presente a mirada a Galicia. Ás veces aproxímaste desde a lingua con propostas como Jeada (2014) e Seseo (2019), outras sitúas o foco na análise dos traxes rexionais e as manifestacións artesanais tradicionais, como o encaixe de Camariñas. Pensas que a arte contemporánea pode ser un bo instrumento para reivindicar e valorar o vernáculo?
A arte ofrécese como medio para amosar, reivindicar e valorar a temática da que se queira falar, pero á vez creo que isto pode non facer efecto a nivel social, quero dicir, será efectivo para visualizar e valorar o vernáculo dende o ámbito cultural, e de feito penso que neste eido a propia cultura e a tradición teñen máis forza na actualidade. Pero, que pasa na vida real, máis alá da institución? No caso do galego, cumpre todos os ticks en academia e institución, pero nas rúas e nas aulas cada día perde falantes. Entón, se a arte é un bo instrumento para reivindicar e visualizar a lingua como sucede coas obras Jeada e Seseo, a pregunta que se me ocorre é: onde amosamos esa arte para que actúe?
Jeada e Seseo son pezas de consciencia lingüística, nelas achégome á lingua galega a través do fenómeno fonético da gheada e do seseo, coma se dun retrato da miña zona xeográfica se tratase. Nestas pezas entendo a lingua como un organismo vivo. En Jeada mestúranse conceptos en galego e en castelán, a obra é un retrato da situación lingüística galega, pero realmente canto de galego ten?
Gustaríame comentar que ambas as pezas nos lembran, e terían cabida dentro do proxecto Arquivo do Galego Oral (AGO). De feito, gustaríame nun futuro facer unha colaboración artística co equipo de investigación do AGO.
Unha das achegas máis interesantes do teu traballo é a falta de prexuízos, a forma en que expós temáticas complexas libres de tabús e desde a óptica do feminismo. Penso en performances como P-Persona Ola 2 (Wom@rts Project, Santiago de Compostela e A Coruña, 2018), onde camiñabas polas rúas cun traxe no cal aparecía reflectida unha vaxina. Cóntanos como foi esta proposta e que resposta obtivo por parte do público.
A premisa deste proxecto era inspirarse en O segundo sexo de Simone de Beavoir, e foi o primeiro proxecto que fixen financiado por unha institución. Isto permitiume pensar en grande e levar a cabo solucións técnicas que doutro xeito non serían posibles. Esta peza foi primeiro a performance que mencionas e, logo, cos elementos da performance, creei unha instalación. Para a performance creei un traxe cunha estrutura interior wearable, isto quere dicir que a dita estrutura tiña un circuíto electrónico que mentres eu camiñaba estaba inactivo, pero cando me paraba escoitábanse bebés chorando; e nunha pequena pantalla que levaba nas costas reproducíanse catro imaxes da miña vulva co clítoris en diferentes momentos de excitación.
As sensacións que lembro do día da performance son moi boas, houbo quen se achegou a ver con detalle a miña vestimenta, houbo quen se sorprendeu, quen sorriu, e outras diversas reaccións e situacións que se crearon. Pero, sen dúbida, as reaccións que máis me gustaron foron as das criaturas que presenciaron a performance, amosaron un grande interese polo que estaba a pasar, tiveron ideas diversas do que eu era e facía e ata me pediron que abrise o abrigo para ver onde tiña o bebé escondido. Levar a arte á rúa é fantástico.
Por outra banda, poderiamos dicir que partes do que coñeces: o teu eu, o teu contexto próximo e as experiencias persoais para desenvolver obras que collen forza despois no colectivo.
Efectivamente. Sempre me gusta falar do que coñezo en primeira persoa porque podo profundar e indagar máis, de feito resúltame imposible falar do que non coñezo. Polo tanto, se falo do binarismo de xénero no que fomos criados, ti mesma ou calquera persoa que se tope cunha obra miña, estea experimentando a mesma ditadura social. Outro exemplo é a liña de traballo Caderno Vermello onde, como dixen, o noso corpo desafía o paradigma produtivista patriarcal, reflexión que se traballou no Parlamento español para crear hai uns días unha lei pioneira en Europa que permite baixas retribuídas no caso de dores menstruais.
En P-Persona Ola 4 (proxecto Acción x m², La Juan Gallery, Madrid, 2019) exploras publicamente os teus xenitais empregando dispositivos como un móbil e unha tableta. Aquí podemos pensar no rol que adquire o corpo a partir das redes sociais ou das tecnoloxías da información.
Máis ben está relacionada coas tecnoloxías da información, nun ámbito de carácter sanitario e de autocoñecemento. A idea xorde despois de falar con varias mozas que nunca se viran os seus xenitais e que non recoñecían certos patróns que o seu corpo seguía cada mes. Dentro do xenofeminismo podemos intuír ideas de como a tecnoloxía nos pode axudar a ser máis autónomas coa nosa propia saúde.
A tecnoloxía como aliada do feminismo?
Moi ligado a este discurso e á peza P-Persoa Ola 4 realicei unha colaboración coa deseñadora interactiva Giulia Tomasello, que combina biotecnoloxía e wearables íntimos para a autoxestión da saúde íntima. Dentro do seu proxecto ALMA, a través de diferentes enquisas vimos resultados sobre a saúde íntima feminina e canto de necesarios son estes dispositivos de autocoñecemento.
A tecnoloxía axúdanos a pensar utopías e a propor situacións que polo de agora non son factibles. De todos os xeitos, a través do xenofeminismo pensamos opcións posibles que só serían viables con políticas feministas de por medio. Debemos ser nós mesmas as que fagamos as políticas para o cambio coa tecnoloxía. O risco de caer no capitalismo patriarcal como guía é moi grande.
Recentemente fuches nai de dúas criaturas e creaches unha conta de Instagram @tandemfeeding, onde vas contando as túas experiencias: o hospital, a lactación, a crianza…, con imaxes e testemuñas que moitas veces adoitan entenderse como tabú. Cal é a túa intención á hora de visibilizar esta experiencia?
Parto da gran premisa feminista «o persoal é político» e o mantra propio de vivir a través da arte. Non foi unha experiencia nada fácil e sentinme moi soa no camiño. Coa pandemia de por medio fixo que todo fose máis complicado e menos humano. Comparto esta experiencia co fin de que chegue a alguén a quen poida inspirar ou axudar coas miñas vivencias; tamén para conectar con persoas a través da rede que teñen ou tiveron realidades parecidas. Para compartir toda a experiencia vivida preciso moita enerxía e tempo, que non teño; así que en realidade a finalidade desta conta é comezar un proxecto que me gustaría converter en libro e proxecto expositivo.
Como impactou a maternidade na túa práctica artística?
Impactou enormemente, fíxome parar por completo. De repente, atopeime embarazada de xemelgos e en repouso absoluto, calquera plan que tiña detívose. A nivel psicolóxico é moi duro pensar que o teu tempo non che pertence por unha longa tempada. O tempo que antes investía lendo, buscando referentes, escribindo novos proxectos, converteuse en tempo para dar o peito, comer, mercar cueiros e roupa, organizar a coada diaria e moitos outros quefaceres que todos xuntos crean a carga mental que, en maior parte e tristemente, pertence ás nais.
O punto crítico no que se atopa a miña creación artística actualmente é o de non ter tempo para realizala. Antes de ser nai dedicaba todo o meu «tempo libre» á miña arte e agora non teño tempo libre. A cuestión é que traballo como deseñadora de moda en 3D para unha empresa francesa e, ademais diso, fago os meus propios proxectos cando chego á casa, convertendo as xornadas laborais en moi longas. A causa da maternidade, non son capaz de traballar ao mesmo nivel de rendemento ca antes. A pesar de reducir a xornada laboral á metade, entre o traballo da casa e os coidados das criaturas, non me deixan demasiadas horas libres para dedicarlles aos meus proxectos persoais. É difícil aceptar isto.
De que xeito pensas que a arte pode contribuír aos debates sobre xénero?
Como artistas cuestionamos a realidade que vivimos, poñemos o foco en problemáticas individuais e sociais coas que nos atopamos. A través da arte ofrecemos situacións que non son reais na actualidade, pero que poden chegar a selo. No transcurso da historia pensadores e artistas intuían o camiño que a sociedade pode tomar. Somos moitas artistas que traballamos coa problemática do xénero, a nosa voz e obra contribúe a centrar o debate e a visualizar as diversas realidades que na nosa sociedade se atopan. A través das diferentes expresións artísticas como o cine, a música, a arte contemporánea ou o deseño ofrecemos propostas que transcenden a un xénero máis fluído, que escapan das etiquetas actuais de muller e home. A través da arte aceptamos, amosamos e apoiamos todas as expresións de xénero. Xa é realidade, a lei trans é realidade en España, os debates sobre xénero están no día a día. Estou segura de que todas as persoas que traballamos o xénero a través da arte achegamos o noso gran de area para que esta lei sexa real hoxe en día.
Por último, gustaríame falar dos teus proxectos máis recentes. Pronto volverás a Muxía, á túa vila natal, para desenvolver outra proposta en relación co encaixe de palillos. Podes adiantarnos algo?
O ano pasado fun bolseira das axudas Injuve de creación xove co proxecto Mariscadoras con lúa, debido á pausa laboral por maternidade. O proxecto verá a luz este ano na Mostra do Encaixe de Camariñas, do 5 ao 9 de abril. Estou namorada deste proxecto e desexo compartilo!
En Mariscadoras con lúa veremos as primeiras pezas de moda en 3D con encaixe de palillos. É unha pequena colección de catro estilismos de lenzaría onde a peza chave é o quimono. A gráfica mariñeira é moi importante neste proxecto, nela retomo elementos do pano que deseñei para Sargadelos ou as pinturas murais que fixen para o evento Muros do Nordés. Tamén é de gran relevancia a dixitalización das puntillas de Camariñas para engadilas nos deseños en 3D. Mariscadoras con lúa será unha colección dixital, pero tamén será real. Esta liña de traballo é na que máis me apetece profundar neste momento, co cal este ano será moi importante para ver o rumbo que pode coller este proxecto, xa que teño grandes expectativas.
Moitas grazas Teresa!