Ilustracións, debuxos ou pequenas publicacións, pero tamén roupa, pendentes, bolsas serigrafiadas, pezas artesanais… Múltiples creacións realizadas polo alumnado de Belas Artes poden contemplarse e adquirirse ao longo deste xoves no mercadiño de primavera promovido pola delegación de estudantes da facultade. “É unha maneira de que saibamos o que fai o resto do alumnado, máis aló dos traballos para clase”, sinala a membro da delegación Natalia Brandariz dunha iniciativa que se estende ata as 18.00 horas e que reúne nove postos no patio interior do centro. “Normalmente desde a delegación facemos diferentes mercadiños ao longo do curso, que ademais de darlle visibilidade ao alumnado da facultade, son tamén un día para reunirnos un pouco diferente”, engade Brandariz. Con esa idea, esta feira viuse complementada tamén nesta xornada por unha actividade de baile, aberta a todas as persoas interesadas.