8 mulleres para o 8M: Esther Ferrer

Autorretrato en el tiempo. 1981-work in progress

O profesor Carlos Tejo destaca a traxectoria de Esther Ferrer para “8 mulleres para o 8M”. Sobre ela comenta:

A obra de Esther Ferrer aprovéitase do multidisciplinar cunha especial atención cara á performance. O seu traballo déixanos unha expresión heteroxénea, sen ataduras a estilos nin técnicas. Un bo exemplo diso atopámolo na serie (aínda en proceso) Autorretrato en el tiempo.

Autorretrato en el tiempo. 1981-work in progress

Nesta colección de imaxes, a artista colócase fronte á cámara para abordar cuestións relacionadas co paso do tempo, a transformación ou a finitude do ser. Deste traballo atráenos o suxestivo xogo que Ferrer establece coa fotografía, o acto performativo que subxace na acción de autorretratarse de maneira cíclica e ritual e o fecundo diálogo que se produce entre os diferentes tempos que conviven na obra: o imperecedoiro que se materializa na fisicidade do soporte fotográfico, o instante pasado que se conxela no momento do disparo e o presente que irrompe, inevitablemente, na propia contemplación da obra.