Seguimos coa proposta “8 mulleres para o 8M”. Neste caso achegámonos á obra de Katharina Grosse (1961), elixida polo profesor asociado Marcos Covelo, quen comenta:
“Katharina Grosse, xunto con Jessica Stockholder e Ángela da Cruz, determinaron os alicerces que formaron o desenvolvemento e replantexamento do meu traballo pictórico/escultórico na etapa final dos meus estudos en belas artes”.
Revisando e quebrando os parámetros da pintura, as súas obras dialogan coa contorna facendo que cada exposición se converta nunha celebración única e irrepetible. Neste sentido, xerou dúas liñas de traballo moi interesantes. Por unha banda aparece a idea de “obra expandida” que diverxe entre a pintura e a escultura, mesmo ultimamente con outros procedementos como o happening. Por outro lado, a reformulación conceptual e formal do espazo expositivo. Como muller artista, Marcos Covelo destaca a súa valentía para traballar a arte desde a arte, para empregar a metalinguaxe da propia arte/pintura creando unha liña de traballo na que moi poucos artistas masculinos se atreveron a reflexionar.
De entre toda a súa produción, Covelo escolleu I Think This Is A Pine Tree (2013) pola súa afinidade persoal coa peza, xa que tivo a ocasión de desfruta en directo no museo Hamburger Bahnhof de Berlín destacando a súa espectacularidade.