8 mulleres para o 8M é unha proposta que nace como parte da conmemoración do día 8 de marzo, na que se lle pediu a oito profesores e profesoras da nosa facultade que recomendasen unha ou dúas obras dunha artista que lles interese.
Así, crearemos un pequeno arquivo desde o cal visibilizar non só o papel da muller na arte contemporánea senón tamén poñer de manifesto a capacidade de moitas artistas para facer fronte ao pensamento dominante e de incidir en cuestións relacionadas co xénero, o social e o político, moitas das cales aínda non foron totalmente resoltas.
A partir de hoxe, 8 de marzo, cada semana subiremos á web e ás nosas RR.SS unha das artistas seleccionadas, incluindo unha breve explicación e indicando os motivos de cada docente para facer a súa escolla.
Comezamos hoxe con Mar Caldas, quen nos recomenda revisar a obra dunha das clásicas: Valie Export
A artista e profesora Mar Caldas escolleu estas dúas imaxes de Valie Export (Linz, 1940) pola súa forza, potencia visual e capacidade para facernos reflexionar sobre as políticas de xénero.
Cóntanos tamén por que escolleu cada unha:
Action pants: Genital Panic (1969): acción realizada nunha sala de cine de Munich na que a artista recortou a entreperna dos seus jeans e interrumpiu a proxección do filme camiñando polas butacas e amosando ao público os seus xenitais. Mar Caldas pon de relevo como con esta acción a artista logrou desactivar a idea de placer escópico voyeurista.
From the Portfolio of Doggedness (1968): a artista pasea polas rúas de Viena levando de paseo cunha correa, coma se fose un can, ao seu colaborador Peter Weibel. Mar Caldas apunta como esta sinxela estratexia de inversión de roles (femenino e masculino) consigue evidenciar as relacións de dominación existentes.